As agresións sexuais con penetración aumentaron un 63% en Galicia no 2019

Manifestación feminista celebrada en Lugo o 3 de marzo do pasado ano CC-BY-SA Galiza Contrainfo

O pasado ano disparouse o número de delitos sexuais en Galicia. A cifra total de 'Delitos contra a liberdade e indemnidade sexual' pasou de 536 a 636, un incremento do 18% que se suma ao de anos anteriores (en 2017 foron 459). Esta categoría delitiva inclúe non só as violacións, agresións sexuais e abusos sexuais, senón tamén a corrupción de menores ou a pprnografía de menores, aínda que o número de casos nestes dous apartados apartados é reducido.

O delito que máis se incrementou foi a agresión sexual con penetración, que pasou de 57 casos en 2018 a 93 no ano 2019, un aumento do 63%. En 2017 a cifra de violacións fora de 44, o que significa que en dous anos o número multiplicouse por dous. O número de delitos creceu especialmente nas grandes cidades.

Estes datos, publicados este xoves polo Ministerio do Interior, chegan a tres semanas da celebración da mobilización feminista do 8 de marzo que de novo terá a liberdade sexual e a loita contra as agresións como un dos seus puntos fundamentais.

Os delitos contra a liberdade sexual son cometidos de forma maioritaria por homes e sufridos de forma maioritaria por mulleres. En 2017, no conxunto de delitos, o 96% dos agresores foron homes, fronte a un 4% de mulleres. O 84% das vítimas son mulleres, fronte a un 16% de varóns (o 70% das vítimas masculinas eran menores de idade).

Os delitos contra a liberdade sexual medraron especialmente nas zonas urbanas, con incrementos que se moven entre o 32% da Coruña, o 40% de Vigo, o 83% de Santiago e o 93% de Pontevedra

Por territorios, o número de violacións incrementouse en todas as provincias, pero especialmente na Coruña (+65%) e Pontevedra (+80), con aumentos máis cativos en Lugo e Ourense.

O Ministerio do Interior ofrece tamén datos segmentados por concello para todas aquelas localidades de máis de 30.000 habitantes. En practicamente todas as cidades e vilas galegas aumentou o pasado ano o número de delitos contra a violencia sexual, coa excepción de Ourense e Carballo.

Vigo (86), A Coruña (77) e Compostela (42) foron as cidades nas que se rexistraron máis delitos, con importantes aumentos en todas elas, que se moven entre o 32% da Coruña, o 40% de Vigo e o 83% de Compostela. 

Compostela foi a cidade na que máis se incrementou o número de violacións con penetración, pasando de 4 a 12

Pontevedra (+93%) foi a cidade na que máis creceu a cifra total de delitos, pero foi Santiago de Compostela o lugar no que máis se incrementou o número de violacións con penetración, pasando de 4 a 12. Iniciativas como Campus do Medo alertaron nos últimos meses sobre o aumento das agresións sexuais contra mulleres, como antes fixera o Mapa do Medo. En Vigo a cifra tamén pasou de 10 a 14 e en Ferrol multiplicouse por cinco (de 1 a 5). Na cidade da Coruña, en cambio, reduciuse de 5 a 2.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.