Campus do Medo: Autodefensa feminina contra as agresións sexuais en Compostela

Unha das asembleas que deron comezo á iniciativa de 'Campus do Medo' © Campus do Medo

"Eran as 12 da madrugada e unha amiga e máis eu pasamos polo aparcadoiro que hai ao lado do pavillón, que non está nada iluminado, cando de súpeto escoitamos que nos estaban seguindo: era un home de mediana idade que tiña os pantalóns baixados e estábase masturbando".

Campus do Medo recolleu xa 300 testemuños de situacións nas que unha moza fora acosada, agredida ou, simplemente, non se sentira segura

A comezos do pasado ano un grupo de alumnas da USC botou a andar en Compostela a iniciativa Campus do Medo, que buscaba visibilizar a situación de inseguridade que viven moitas mulleres ao camiñar soas pola noite en moitos espazos dos campus da universidade, coa rutina da ameaza de sufrir unha agresión sexual. E, ademais de facer visible e denunciar esta realidade, buscaba que as administracións adoptasen medidas concretas para facerlle fronte.

A campaña comezou con varias asembleas nas que participaron ducias de estudantes da universidade e pola recollida de testemuños de incidentes, de situacións nas que unha moza fora acosada, agredida ou, simplemente, non se sentira segura, unha inseguridade ou ameaza que non sofren os varóns. "Temos que rachar co silencio e facernos escoitar, non queremos ter que apresurar o paso nin tampouco ter a necesidade de ir sempre acompañadas", sinalan.

"Tes a conciencia de que a moitas mulleres, antes que a ti, xa lles pasou algo nese lugar. En vez que virnos abaixo, temos que sacudirnos ese medo e facer forza"

"Vimos que había a necesidade de facer algo cun problema que nos afectaba a todas as mulleres, que nos preocupaba moitísimo e que era estrutural. Moitas, ademais, viviamos nas residencias públicas da USC -Fonseca, Monte da Condesa e Burgo-, zonas nas que non hai nada de luz, lugares moi afastados de vivendas, e onde pasabamos moito medo", explica Lucía. 

"É un problema, ademais, que temos mesmo cando volvemos de clase, porque en inverno faise de noite moi cedo, así que non é algo exclusivo de saír de festa ou de andar tarde pola rúa", di. "Xa non é que vaia pasar algo ou que pase, é o medo. Tes a conciencia de que a moitas mulleres, antes que a ti, xa lles pasou algo nese lugar. En vez que virnos abaixo, temos que sacudirnos ese medo e facer forza", subliña Lucía.

A resposta das administracións non foi tan satisfactoria, pois non se adoptaron medidas para implantar un bus nocturno, mellorar a iluminación ou para facer máis frecuentes as patrullas de vixilancia

Campus do Medo, seguindo o exemplo do Mapa do Medo de Jessyca Ocampo, recolleu algunha destas historias en persoa, tamén deixou caixas de correo nos baños de mulleres de varias facultades, para facilitar o anonimato, e habilitou unha enquisa online (accesible ademais a través de códigos QR repartidos polo campus) para facer máis doado envío destes relatos. "Fomos recollendo cada vez máis testemuños, porque a xente íase dando conta de que non era algo que lle sucedese a ela soa e de que non había que quitarlle importancia", di Lucía. En total, son xa 300 os testemuños recollidos.

A campaña foi un éxito nese senso, pero a resposta das administracións non foi tan satisfactoria, pois non se adoptaron medidas para implantar un bus nocturno, mellorar a iluminación pública existente en determinadas zonas ou para facer máis frecuentes e máis eficaces as patrullas de vixilancia nos campus, que ademais carecen de formación en violencia de xénero. "Entre o estudantado o movemento feminista tivo un boom incrible. Pero nas administracións aínda non está introducida a perspectiva feminista e de xénero. A súa acción non se pode limitar a facer un acto polo 8M, trátase de introducir esa visión en todo o que fan e en como lexislan", denuncia.

Campaña de difusión da campaña 'Campus do Medo' © Campus do Medo

Grupos de autodefensa e autocoidados

Creou dous grupos de whatsapp (zona Norte e zona Sur) mediante os cales "poderemos organizarnos para avisarnos unhas a outras cando volvamos a casa ou ás residencias pola noite"

Iso si, independentemente de que as súas demandas sexan escoitadas pola USC e o Concello, Campus do Medo está a poñer en marcha unha iniciativa que permite mellorar a capacidade de autodefensa e protección das mulleres no espazo público. Creou dous grupos de whatsapp (zona Norte e zona Sur) non-mixtos mediante os cales "poderemos organizarnos para avisarnos unhas a outras cando volvamos a casa ou ás residencias pola noite, tanto se estamos soas (para buscar un grupiño co que volver) como se imos acompañadas (para ofrecernos como grupo para acompañar a rapazas que estean soas)".

"Isto é algo que en realidade xa fas coas túas amigas. Por que non estendelo a máis xente? Pode ser algo útil para a xente que xusto non ten a ninguén nese momento para marchar acompañada ata casa", destaca Lucía. As mulleres que queiran incorporarse a estes grupos de autodefensa e autocoidados deben poñerse en contacto con Campus do Medo a través de Twitter ou Instagram.

"Isto é algo que en realidade xa fas coas túas amigas. Por que non estendelo a máis xente?"

Ademais dos grupos de whatsapp, Campus do Medo seguirá publicando testemuños e vídeos, visibilizando o problema e facendo presión para que Universidade e administracións actúen. Tamén se porá en contacto coa Oficina de Igualdade de Xénero da USC. "É unha ferramenta que temos todas as mulleres na USC para presentar os nosos problemas dende unha perspectiva feminista e de xénero. E temos que utilizala", remata Lucía.

Algúns testemuños do acoso e do medo

  • "Chegando ao Burgo, pola zona de Pelamios, notei que alguén viña detrás e que era un home. Crucei a beirarrúa para velo mellor e el tamén cruzou. Quería chegar a algún sitio seguro porque evidentemente estábame seguindo, pero o único sitio era o Burgo e para chegar tiña que atravesar un parque moi moi escuro (Parque da Música). Parei e decidín chamar a unha amiga, que me veu buscar. Eran simplemente 100 metros, pero parecía un inferno. O home escapou gritando algo cando viu que chamaba por teléfono a alguén". 
  • "Volvía da Escola de Idiomas polo parque do Auditorio. Diante miña ían 3 rapaces e comecei a andar máis despacio para non ter que pasar diante deles, pero sentaron nun banco ao borde do camiño. Non tiñan nada de especial pero dábanme mala espiña e quería chegar rápido a algún lugar onde houbese xente. En canto pasei por diante deles erguéronse e comezaron a andar detrás de min e a rirse. Foron só uns segundos, apurei máis o paso e non volvín mirar cara atrás ata que deixei de escoitar os seus pasos. Non sei que pretendían indo detrás miña, pero dende aquela non son capaz de ir soa por sitios polos que sei que pasa pouca xente".
  • "Non era demasiado tarde, pero xa estaba todo escuro. Cando iamos preto da pista de atletismo atopamos a un home sentado nun banco masturbándose. Non había ninguén máis por alí e comezamos a andar máis rápido, evitando miralo, por medo a que fose quen de levantarse e vir detrás nosa".
Presentación de 'Campus do Medo' na libraría Lila de Lilith © Campus do Medo
Unha das imaxes da campaña de 'Campus do Medo' © Campus do Medo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.