O Sergas minimiza o apoio á folga na atención primaria e Rueda lembra que só a convoca O'Mega

Xente na sala de espera dun centro de saúde en Galicia CC-BY-SA Xunta

A folga médica convocada en solitario polo sindicato O'Mega na atención primaria comezou este luns sen data final prevista. Fíxoo, segundo indicou a Consellería de Sanidade, cun seguimento na quenda de mañá que non alcanzou o 6% e que non chegou ao 10% en ningunha das áreas sanitarias. Pola contra, a organización convocante elevouno ao 71%. 

Como xa fixera en días pasados, o Sergas instou a O'Mega a sumarse ao acordo maioritario rubricado por boa parte dos sindicatos (cinco centrais, incluída a organización médica Simega, pero non CIG-Saúde) sobre a atención primaria e "evitar a pacientes e profesionais os efectos dun paro indefinido". 

Mobilización pola atención primaria, nunha foto de arquivo CC-BY-SA O'Mega

Malia o "grande esforzo negociador" levado a cabo pola Consellería de Sanidade para lograr a desconvocatoria o pasado venres, segundo explica o propio departamento que dirixe Antonio Gómez Caamaño, o paro mantívose. E continuou, segundo O'Mega, por ter roto a última hora a Xunta a negociación no que tiña que ver co acordo sobre a axenda diaria de pacientes. 

O'Mega cifra nun 71% o seguimento dunha folga que o Sergas reduce a menos do 6%

A organización médica reclama que sexa dun máximo de 30 en cinco horas, mentres que o Sergas formulou que fosen 35. Segundo O'Mega, o pacto quedou en 33 ata que a Consellería decidiu elevar o limiar a 35, provocando así que o paro se mantivese activo. 

Rueda lembra que a folga está convocada "por un único sindicato que non se quixo adherir" ao plan de mellora da atención primaria á que se uniron cinco centrais

A Xunta defende que "negocia sempre con quen está disposto a negociar, como vén facendo e seguirá a facer cos representantes dos profesionais médicos que estean dispostos ao acordo". Ademais, sinala o acordo con cinco sindicatos como o mellor aval das súas intencións e presume dun pacto que "xa está a supoñer melloras que están sendo xa aplicadas e que foron aprobadas no Consello da Xunta e publicadas no DOG: incremento do complemento de produtividade variable, recoñecemento dos sábados festivos, ao igual que na administración xeral da Xunta, incremento da manutención ou recoñecemento dos venres como prefestivos". 

O'Mega mesmo reclamou a intervención do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que  lembrou que a folga que comezou este luns está "convocada por un só sindicato que non se quixo adherir ao plan e compromiso de medidas implantado para a atención primaria" e espera que acabe por "sumarse" como fixeron outras centrais. Aínda que lembrou que o seguimento é mínimo, si recoñeceu que a sucesión de paros provoca unha situación "non desexable" polo adiamento de consultas e procesos. 

Mobilización contra o Estatuto Marco nunha imaxe difundida por O'Mega CC-BY-SA O'Mega

Ademais de axendas de 30 doentes, con este paro indefinido O'Mega reclama equiparación salarial entre facultativos de atención primaria, redución da burocracia, xornada complementaria voluntaria e incentivada ou un plan de choque para desconxestionar os centros de saúde. 

"Sindicatos corporativos que defenden privilexios"

Precisamente, a Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), a través do comunicado emitido pola Federacións de Asociacións en Defensa da Sanidade Pública (FADSP) na que se integra, fixo referencia tamén á folga de "sindicatos médicos corporativos" contra o novo Estatuto Marco pactado polo Ministerio de Sanidade e a maioría de centrais con representatividade das mesas de negociación. 

As asociacións en defensa da sanidade pública critican os "sindicatos médicos corporativos" e a súa estratexia contra o Estatuto Marco: "É para defender privilexios"

A asociación considera "desproporcionado convocar unha folga indefinida na sanidade pública para alterar o funcionamento e a programación dos hospitais e centros de saúde" e lembra que estes paros están convocados por "sindicatos corporativos, minoritarios e que non representan o conxunto da profesión médica". A AGDSP admite os "importantes problemas" que sofre parte do persoal e as "deficiencias organizativas e funcionais" pero considera "un erro pensar que o novo Estatuto Marco sexa o instrumento axeitado para poder resolvelos". 

Ademais, no comunicado a FADSP lembra que os sindicatos "corporativos" pretenden "conseguir un estatuto propio para persoal médico e poder negociar á marxe do resto de persoal que traballa no sistema sanitario público", así como "blindar a dobre dedicación á sanidade pública e privada". "Esta formulación amosa que a folga non é para mellorar dereitos profesionais senón para alcanzar un marco separado de negociación e defender privilexios". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.