O conselleiro anuncia dous grupos de traballo para unha reforma da atención primaria tras outro plan retirado en outono e logo de seis anos de negociacións con expertos para un novo modelo
Un déjà vu. O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou o pasado martes no Parlamento a creación de dous grupos de traballo para impulsar unha reforma da atención primaria que será presentada antes do verán. É outra volta máis da Xunta na busca dun novo modelo para os centros de saúde e os PAC (Puntos de Atención Continuada) logo de que o presentado tamén por Caamaño aos sindicatos o pasado outono fracasase ante o rexeitamento frontal do persoal sanitario e varias convocatorias de folga.
Un novo proxecto á vista —salpicado con medidas illadas tamén contestadas polo persoal— mentres o Sergas negocia desde hai seis anos, precisamente, un novo modelo para a atención primaria con centos de profesionais. En 15 grupos de traballo (neste caso chamados comisións técnicas) e co diagnóstico e as medidas a aplicar redactadas pero sen facerse públicas.
Tras a presentación daquel plan para a primaria en outubro, sindicatos e outras entidades —co apoio ás protestas do sector sanitario en pleno— convocaron varias xornadas de folga. Tras longas e urxentes negociacións co Sergas, que acabou por aceptar boa parte das demandas, tan só CIG-Saúde e O'Mega mantiveron os paros. CCOO, CSIF, UGT ou Simega celebraron uns compromisos nos que Sanidade basea agora o seu enésimo intento de reforma da atención primaria para "adaptala ás necesidades actuais da asistencia, tendo en conta tanto a pacientes como a profesionais".
Desde 2019 un consello técnico traballa nun novo modelo para centros de saúde e PAC e ten listas as conclusións, que aínda non son públicas
Para facela "efectiva", Caamaño anunciou no Parlamento a creación de dous grupos de traballo: un de recursos humanos "centrado na ordenación do persoal e no seu réxime retributivo" e outro no ámbito asistencial para "adaptar os tempos e número de consultas dos médicos ás necesidades dunha asistencia máis humanizada e de calidade".
Mentres estes dous novos grupos de traballo se forman, o Consello Técnico de Atención Primaria (CTAP) —un órgano colexiado creado en 2019, presidido polo conselleiro e con representantes de sociedades científicas, colexios, sindicatos e asociacións profesionais— segue á espera de que se convoque unha nova xuntanza tras a última celebrada no pasado mes de xuño.
Nesa próxima reunión, aínda sen data malia estar prevista en setembro, deberíase dar o visto e prace ao informe final coas conclusións para un novo modelo de atención primaria, logo das achegas e alegacións de psicólogos clínicos, terapeutas ocupacionais, farmacéuticos, fisioterapeutas, odontólogos ou persoal administrativo. Un documento aprobado por unanimidade das 23 entidades aínda presentes e mais por Sanidade, que nin é público nin foi aprobado definitivamente.
Este documento "para establecer os mapas de competencias dos diferentes estamentos profesionais de atención primaria", segundo especifica a Consellería, foi presentado no Consello de Dirección do Sergas e difundido entre os órganos de dirección da Consellería de Sanidade e das áreas sanitarias. Profesionais que participaron na súa redacción e debate advirten de que inclúe medidas "para implementar xa" xunto a outras que precisaría de "recursos económicos". E lembran que a maioría de puntos abordados coinciden cos que reclaman os sindicatos e organizacións médicas que provocaron as últimas mobilizacións e folgas.
Sanidade reduce o documento coas conclusións do Consello Técnico a unha "primeira aproximación" e o traballo elaborado desde 2019 a "fundamento" para os novos grupos de traballo
Desde Sanidade, pola súa banda, aclaran que ese traballo froito de seis anos de debates e análises "enténdese como unha primeira aproximación e un documento aberto ao que se poden incorporar as novas achegas que se consideren oportunas". Logo de seis anos de debates e propostas.
Ana Lestón, secretaria nacional de CIG-Saúde, sindicato maioritario na sanidade en Galicia, asegura que é "difícil de entender" o modus operandi da Consellería á hora de abordar a mudanza da atención primaria; e aclara que na última mesa sectorial Sanidade limitouse a indicar que os grupos de traballo creados agora centraríanse "nos termos acordados cos sindicatos que desconvocaron a folga" hai xa algunhas semanas.
"A situación é de incerteza total", engade Lestón, que preguntada sobre se o Sergas ten ou non en conta os traballados levados a cabo no CTAP durante tantos anos, indica que si se "fai referencia" a algunhas achegas pero sen detalle. "Non sabemos en que queda a cousa nin que queren facer máis aló de titulares e anuncios sen concretar", insiste quen lembra que desde a chegada de Caamaño á Consellería "non se fixo nada". "Agora dinnos que empezan a traballar nun novo modelo que levamos reclamando desde hai dous anos, un período en branco que agora rematará cunhas conclusións para esa reforma que non chegarán antes de abril ou maio", engade.
CIG-Saúde advirte da "incerteza total" sobre o novo plan de reforma da atención primaria: "Non sabemos que queren facer máis aló de titulares e anuncios sen concretar"
Outra volta máis. Mentres, o conselleiro informou na Cámara do "cumprimento" de varios dos compromisos "pechados cos sindicatos" antes das últimas xornadas de folga que só secundaron CIG-Saúde e O'Mega. Así, deu conta da progresiva reconversión das vacantes da categoría de facultativo especialista de atención primaria en prazas de medicina de familia, de avances na voluntariedade para cubrir as gardas nos PAC de forma incentivada ou dun concurso específico en enfermería familiar e comunitaria que deberá rematar este ano. Tamén dos acordos para reforzar a continuidade asistencial, potenciar o labor investigador ou para a mellora das condicións de persoal enfermeiro e médico nos PAC.
Medidas que, en moitos casos, xa foran tratadas no Consello Técnico de Atención Primaria cuxos traballos o Sergas aclara agora que "serven de fundamento para o labor dos grupos de traballo internos constituídos na Consellería de Sanidade para abordar a reforma da atención primaria, conforme o acordado coas forzas sindicais o pasado outono". O labor en 15 grupos de traballo durante seis anos como base para dous novos grupos de traballo.
Críticas de BNG e PSdeG
Ao tempo, e ante o anuncio dos traballos para un novo intento de reforma, a oposición lamentou a "falta de explicacións" do conselleiro ante a "crise da atención primaria". A deputada do PSdeG, Elena Espinosa, acusou a Xunta de "fuxir das súas responsabilidades" e sinalou que un "verdadeiro reforzo" dos centros de saúde e dos PAC "debería comezar por un plan integral con máis profesionais, mellor accesibilidade, menos tempos de espera, máis financiamento e apoio organizativo".
A deputada do BNG Montse Prado, pola súa banda, criticou a falta dun plan para a atención primaria, que cre que o PP ve "como cousa de andar por casa, atendendo doentes como se colocasen ladrillos". Ademais, advertiu da situación de "excepcionalidade permanente" que atribúe a unha Xunta que "non é quen de planificar os e as profesionais que se precisan".