O Hospital Ribera Povisa púxose en contacto coa paciente da área sanitaria de Vigo que compartiu con Praza.gal a súa preocupación por sobrepasar o prazo para unha intervención cirúrxica coa máxima prioridade o mesmo día da publicación, ás nove da noite, por vía telefónica. Ante a incredulidade da doente, citárona para dous días despois e xa foi intervida na mañá deste venres.
Tras tres reclamacións presentadas en Povisa sen resposta e outra no Sergas dirixida á Consellería de Sanidade, a paciente que sufriu un melanoma hai case unha década e mantén revisións periódicas para vixiar que o cancro non reapareza, ten agora todas as citas que estaban pendentes no hospital de Ribera Salud en Vigo, o que lle corresponde pola sanidade pública.
“É moi triste que teña que ser así, que haxa que facer isto para ser atendida na sanidade pública”, lamenta en referencia a que foi a publicación de Praza.gal do mércores 4 de febreiro a que provocou a reacción de Povisa. Con todo, membros da súa familia seguen a agardar por citas que están fóra do prazo indicado.
"É moi triste que teña que ser así, que haxa que facer isto para ser atendida na sanidade pública", lamenta a afectada
Levaba máis de 50 días agardando, e sen cita, para unha intervención cirúrxica que “non admite unha demora superior a 30 días”, segundo os criterios publicados polo Sergas no seu sitio web, no apartado onde explican “os niveis de prioridade dunha intervención cirúrxica”.
Porén, consultada de novo por esta reclamación dunha paciente, a Consellería de Sanidade responde que “a lista de espera normalizada por prioridades, de acordo co establecido polo Ministerio de Sanidade, corresponde a cirurxías con ingreso e cirurxía maior ambulatoria”.
“Nestes momentos, o tempo de espera media en Povisa para acceder a unha cirurxía de prioridade 1 é de 12,4 días, cumprindo o tempo de acceso establecido para este tipo de cirurxías, inferior a 30 días”, engade Sanidade. Fontes do eido sanitario consultadas por este xornal aseguran que a escala de prioridades 1, 2 e 3 aplícase a todas as intervencións, sen distinción sobre se hai ou non ingreso do doente, e que funciona como referencia para todo o persoal.
A Consellería non contesta á pregunta de se a Unidade de Supervisión e Control, creada –nas súas palabras– para “facer seguimento estrito do cumprimento das obrigas do contrato de servizo asinado” con Povisa, coñecía que se estaban a incumprir os prazos para as intervencións consideradas de maior preferencia. Limítase a apuntar que “o caso concreto será avaliado” por esta unidade.
“O único que lles fai dano son as publicacións en prensa e nas redes sociais”, critica outra paciente de Povisa coa que contactou este xornal e que na súa última consulta de Dermatoloxía non foi atendida por un especialista, só pola profesional de enfermería.
Tras as publicacións de Praza, Povisa fai público un balance de 2025 no que destaca que "logrou mellorar os tempos de resposta na atención aos pacientes"
O dermatólogo que realizou este venres a intervención cirúrxica foi o mesmo que leva dez anos atendendo a doente afectada, e o mesmo que asinou en decembro a súa inclusión no rexistro de pacientes en espera cirúrxica. A pesar de que este xornal puido confirmar que xa non é posible pedir cita con este especialista en Povisa, só na Clínica Colón, propiedade tamén de Ribera Salud, na que só atenden a pacientes da sanidade privada.
Balance positivo de 2025 para Povisa
Ao día seguinte de publicar Praza.gal a súa segunda información sobre as reclamacións dos pacientes da sanidade pública con este centro privado-concertado como hospital de referencia, Povisa fixo público un balance do ano pasado no que destaca que “logrou mellorar os tempos de resposta na atención aos pacientes, tanto en especialistas, como en urxencias e intervencións”.
“En todo o ano 2025, o hospital atendeu un total de 405.229 consultas e 90.361 urxencias; realizáronse 23.579 intervencións e 198.253 probas en radiodiagnóstico; e rexistráronse 16.887 ingresos”, detalla Ribera Povisa no seu comunicado.