A pesar de contar cunha Unidade de Supervisión e Control, creada "para o seguimento do cumprimento" das "obrigas" por parte de Povisa, a Consellería inicia agora "un procedemento interno de control para verificar a situación"
A gravación do conselleiro delegado de Ribera Salud, Pablo Gallart, dando instrucións ao persoal dun dos hospitais que xestionan en Madrid para primar os beneficios económicos sobre a asistencia sanitaria, revelada por El País, situou o foco nesta empresa nada en Valencia da que é propietario o grupo francés Vivalto Santé.
Con todo, desde que as directrices desa reunión son públicas, Ribera Salud fíxose forte en Lugo ao adquirir a Clínica Gaias Lugo, unha compra aprobada pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) a pesar de recoñecer que esta adquisición “reforzaría a súa posición de forma significativa na provincia de Lugo”, onde xa é dona do Hospital Polusa.
O propio Pablo Gallart foi designado días antes de que o seu nome saltase aos medios como administrador mancomunado do Hospital Ribera Povisa de Vigo, o centro sanitario privado máis grande de Galicia, que depende do acordo co Sergas para a atención dunhas 113.000 persoas da área sanitaria de Vigo, para as que non hai alternativa asistencial nos hospitais públicos.
Unha desas veciñas da área de Vigo á que lle corresponde Povisa rexistrou unha reclamación formal dirixida á xerencia da área sanitaria e á Consellería de Sanidade este martes, 27 de xaneiro, na que relata como foi derivada pola súa médica de cabeceira á consulta de Dermatoloxía, por unha lesión que consideraba que requiría atención presencial, e cando chegou á cita en Povisa non había ningún profesional de Dermatoloxía e informárona de que se lle realizarían unhas fotos para ser valorada por un médico a distancia.
Unha doente reclama que acudiu a unha consulta presencial de Dermatoloxía en Povisa e non había médico, a enfermeira informouna de que sería valorada a distancia
É dicir, que unha lesión que seis meses antes unha Médica de Familia valorara que necesitaba ser vista en persoa e non a través dunha teleconsulta, acabou por ser unha consulta a distancia sen que nin a paciente nin a facultativa tiveran coñecemento. Decisión tomada polo Hospital Ribera Povisa, que só tiña a profesionais de enfermería nas consultas da planta de Dermatoloxía no día da cita desta paciente, que relatou a Praza.gal a súa experiencia.
Esta queixa rexistrada no sitio web do Sergas chegou tamén ás redes sociais, onde máis persoas da área sanitaria de Vigo compartiron as eivas que están a atopar na atención en Povisa. Consultada por esta reclamación, a Consellería de Sanidade respondeu a Praza.gal que iniciou “un procedemento interno de control para verificar a situación” e adoptará “as medidas oportunas”.
Unha investigación que Sanidade vai realizar agora, despois de que a queixa se fixese pública, a pesar de contar desde que asinou o novo contrato con Ribera Povisa cunha Unidade de Supervisión e Control, creada “para o seguimento do cumprimento” das “obrigas” por parte de Povisa.
Segundo traslada a propia Consellería, esta unidade “ten entre os seus labores o de supervisar e controlar a actividade asistencial do centro no referido á información clínica, calidade asistencial e control das indicacións, ou fixar criterios de calidade asistencial na prestación dos servizos polo contratista”.
“En abril de 2025 iniciouse a execución dun contrato de servizos co Hospital Povisa. Nos pregos que rexeron esa licitación, e que son parte integrante do contrato e, polo tanto, vinculantes para Povisa, establécese a obriga de dispoñer do persoal necesario e adecuado para a execución do contrato, nos termos recollidos e legalmente establecidos e coa máxima calidade esixible”, argumenta Sanidade en resposta a Praza.gal.
Sanidade argumenta que no seu contrato con Povisa figura como "condición especial" o feito de "dispoñer en todo momento dos recursos persoais necesarios para garantir a correcta asistencia"
“Particularmente, esíxese a cobertura dos medios persoais de forma que a execución do contrato e a adecuada resposta desde o punto de vista asistencial queden sempre garantidas. Ademais, considérase unha condición especial de execución do contrato dispoñer en todo momento dos recursos persoais necesarios para garantir a correcta asistencia”, engade.
Pese a isto, pacientes que reciben a súa asistencia polo Sergas a través de Povisa relatan un desmantelamento progresivo dos servizos, nuns casos pola saída de médicos cara ao propio Sergas, para traballar no sistema público, e noutros co cambio de médicos especialistas para a Clínica Colón, tamén propiedade de Ribera Povisa, pero onde só atende a doentes da privada.
A meirande parte do equipo de especialistas en Dermatoloxía que atendía en Povisa, atende agora na Clínica Colón. O mesmo sucede co que era xefe do departamento de Uroloxía en Povisa ata hai meses. Todos os servizos están a verse afectados pola falta de profesionais, aseguran doentes, que sinalan como basta con mirar as salas de espera baleiras nas que antes non había onde sentar. Mentres, a demora na atención aumenta.
“Deduzo que o que queren conseguir é que como levas moitos anos sendo atendida por un mesmo médico, unha vez que te informan de que xa non está, vaias pagar a consulta privada para continuar co mesmo médico”, razoa a paciente que presentou a reclamación tras a súa última consulta de Dermatoloxía en Povisa.
A meirande parte do equipo de especialistas en Dermatoloxía que atendía en Povisa, atende agora na Clínica Colón, onde só ven pacientes da privada
Outra especialidade afectada polos movementos do último ano en Povisa é Cardioloxía, para a que tiveron que contratar un novo xefe de servizo tras a ‘fuxida’ de profesionais. De feito, os dixomedíxomes sobre a situación deste servizo entre o persoal do Sergas non fixeron máis que aumentar nos últimos meses. Nese contexto, estiman profesionais consultados por Praza.gal, enténdese o correo electrónico que a Dirección de atención de primaria da área sanitaria de Vigo remitiu ao conxunto de facultativos de parte do novo xefe de cardio de Povisa este mércores, 28 de xaneiro.
Unha mensaxe na que o doutor Juan Diego Sánchez explica a súa recente incorporación a Povisa e o desexo de “optimizar tempos de consulta” e “facilitar o traballo aos médicos dos centros de saúde”. Por iso, infórmalles de que se está a encargar persoalmente das consultas telemáticas que lle fan chegar a Cardioloxía desde a atención primaria e reitera a súa vontade de “optimizar ao máximo os tempos” para a asistencia aos doentes.