O grupo sanitario, que vén de ordenar rexeitar doentes nun hospital madrileño para gañar máis, atende 110.000 pacientes do Sergas co hospital de referencia vigués e presta outros servizos concertados no Polusa de Lugo e o Juan Cardona de Ferrol
Ribera Salud, grupo sanitario cuxo conselleiro delegado (CEO), Pablo Gallart, pediu aos seu mandos, segundo revela El País, non atender tantos pacientes no hospital madrileño privatizado de Torrejón para así gañar máis cartos, ten en Galicia varios hospitais que prestan servizos concertados para o Sergas. Povisa, en Vigo, é o principal, como centro de referencia para algo máis de 110.000 pacientes da sanidade pública, pero tamén os hospitais Polusa en Lugo e Juan Cardona en Ferrol prestan servizos concertados puntuais para a Xunta, que este mércores asegurou que "supervisa" eses centros. Ademais, a empresa conta en Galicia con clínicas menores na Coruña e Viveiro.
En Povisa, mercado en 2019, Ribera pasou de atender daquela 135.000 pacientes adscritos por uns 80 millóns de euros públicos ao ano a pouco máis de 110.000 na actualidade por 97,4 millóns ao ano. Máis dun 20% máis de ingresos públicos por un 15% menos de pacientes.
Povisa medrou nas últimas décadas como hospital concertado do Sergas e de referencia para a poboación do sur de Vigo, o Val Miñor e O Morrazo da man da familia Silveira, propietaria do grupo Nosa Terra. En 2018, catro anos despois de renovar en 2014 o concerto co Sergas por dez anos, Povisa esgrimiu perdas para pedir unha renegociación do acordo coa Xunta.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitouno dicindo que a empresa debera ter en conta os seus custos "no momento de formular a súa oferta e subscribir o concerto", pero o Goberno galego melloroulle igualmente as condicións e acordou que o hospital pasase a realizar "actividade adicional" á poboación que tiña adscrita.
Venda tras mellorar o concerto coa Xunta
Xusto tras esa mellora de condicións, en 2019 o grupo Nosa Terra vendía Povisa ao grupo Ribera Salud, nacido en Valencia coa privatización de varios hospitais por parte da Generalitat e que naquel momento estaba en mans da estadounidense Centene Corporation. En 2022 Ribera Salud e Povisa foron mercadas pola francesa Vivalto Santé e hai uns meses, ao rematar o concerto de 2014 mellorado en 2018 pola Xunta, o Goberno galego volveu incrementar os fondos públicos destinados a Povisa.
Segundo o Consello de Contas, o ente independente fiscalizador das administracións galegas, en 2019, cando Povisa foi mercado por Ribera Salud, o hospital privado recibiu 78 millóns de euros da Xunta. Naquel ano a poboación adscrita da área sanitaria de Vigo eran unhas 135.000 persoas. Pero esa poboación pode solicitar unha vez ao ano o cambio entre Povisa e o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), ou viceversa, o que vén supoñendo unha progresiva perda de doentes para Povisa, que na actualidade viu reducida a poboación adscrita a pouco máis de 110.000, un 15% menos que cando chegou Ribera Salud.
O concerto de Povisa co Sergas vén de pasar hai uns meses duns 80 millóns a 97,4 millóns ao ano malia atender menos poboación
Nos últimos anos Povisa seguiu recibindo arredor de 80 millóns de euros ao ano, segundo o Consello de Contas, pero esa cifra vai subir neste 2025. A finais de 2024, co remate do anterior concerto, que foi prorrogado uns meses despois de que a Xunta non fose quen de preparar a tempo a súa renovación, o Goberno galego decidiu mudar o sistema de pagamento.
Se antes pagaba a Povisa unha contía fixa por cada paciente adscrito, no novo contrato, asinado a comezos deste ano por dous anos prorrogables, págalle en función das actuacións sanitarias efectivamente realizadas. Isto supón, segundo as estimacións da propia Xunta, que o novo contrato suporá un desembolso de 97,4 millóns, máis dun 20% máis de cartos públicos que co anterior concerto.
O último ano fiscalizado polo Consello de Contas o Juan Cardona recibiu 9,5 millóns públicos e Polusa preto de 5 millóns
Pero Povisa non supón os únicos ingresos públicos de Ribera Salud en Galicia. O grupo sanitario tamén mercou en 2020 o hospital lucense Polusa e en 2021 o ferrolán Juan Cardona. O Sergas ten contratos cos dous hospitais para actividade sanitaria concertada e mesmo asina con eles contratos puntuais para actuacións específicas.
Segundo o último informe dispoñible do Consello de Contas cos importes detallados, en 2022 o Sergas concertou actividade con Proxectos Sanitarios Ferrolanos SL, a empresa a través da que Ribera Salud controla o Juan Cardona, por 9,5 millóns de euros. Ese mesmo ano a actividade concertada con Polusa ascendeu a 4 millóns de euros, aos que se engadiron outros 844.000 euros por contratos puntuais.