A multinacional estadounidense dona dos hospitais Povisa e Polusa merca tamén o Juan Cardona de Ferrol

Hospital Juan Cardona, en Ferrol © Google

A multinacional sanitaria Centene Corporation, con sede nos Estados Unidos, volve estender os seus negocios por Galicia. Menos dun ano despois de pechar a compra do hospital lucense Polusa e ano e medio despois de facerse co vigués Povisa, a filial española do xigante estadounodense, con sede en Saint Louis (Missouri), vai controlar tamén o hospital privado Juan Cardona, en Ferrol.

Como en Povisa e Polusa, a operación chega a través da filial española de Centene Corporation, o grupo Ribera Salud

Como con Povisa e Polusa, Centene realiza a operación do Juan Cardona a través do grupo sanitario Ribera Salud. Esta empresa valenciana quedou  definitivamente controlada pola multinacional americana en 2019, cando mercou o 40% accións da compañía ao Banco Sabadell, entidade que á súa vez as herdara da desaparecida Caja de Ahorros del Mediterráneo (CAM). 

Interior do hospital Juan Cardona, en Ferrol © Hospital Juan Cardona

Deste xeito Ribera Salud pasou a estar ao 90% nas mans de Centene. Coa compra de Povisa, o que fora emblema do fracasado modelo de sanidade público-privada do PP da Comunitat Valenciana desembarcou en Galicia por primeira vez. Logo adquiriu un paquete maioriatario de Polusa en Lugo, onde tamén adquiriu as clínicas Santo Domingo, e agora faise co Juan Cardona. 

Ribera Salud pagará máis de 2 millóns de euros pola explotación da instalacións durante 20 anos, ademais dunha cota anual

Segundo informa Ferrol360, neste mesmo venres os xefes de servizo e o comité de empresa do hospital ferrolán serán informados da adquisición inminente da actividade asistencial por parte de Ribera Salud, que se fará coa explotación das instalacións pero non cos terreos por un período de 20 anos prorrogables nunha operación que superaría os 2 millóns de euros. 

A multinacional sanitaria Centene Corporation controlará arredor do 40% das camas de hospitais privados de Galicia

O acordo, segundo o mesmo medio, incluiría unha cota anual dun mínimo de 200.000 euros por parte de Ribera Salud, que prevé investimentos por 6 millóns de euros en material médico e de 2 millóns nas instalacións. A Fundación Santo Hospital de Caridad, propietaria do centro, conservará o refuxio Pardo de Atín e a titularidade do tanatorio. 

Con esta operación, Ribera Salud faríase con arredor do 40% das camas de hospitais privados en Galicia, ao sumar as 150 do Juan Cardona ás de Povisa, con perto de 600, e Polusa, ata sumar máis de 800. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.