A historia do grupo Ribera Salud está intimamente ligada ao PP. Concretamente, ao PP valenciano. Foi a ferramenta que a Generalitat Valenciana dos tempos de Eduardo Zaplana e Francisco Camps empregou para erguer o seu modelo de servizos sanitarios de xestión privada, o alcumado como modelo Alzira, apoiado en desaparecidas entidades financeiras como a Caja de Ahorros del Mediterráneo e en empresas sanitarias como Adeslas.
Ribera Salud, que fora ferramenta do antigo goberno valenciano do PP para erguer o seu modelo de sanidade de xestión privada, está controlada pola americana Centene Corporation dende que o Banco Sabadell vendeu a maioría das súas accións
Pero chegou o estoupido da burbulla inmobiliaria. As caixas valencianas -integradas en Bankia- quebraron e tras o correspondente rescate foron mercadas polo Banco Sabadell, que chegou a ter nas súas mans o 50% dunha empresa sanitaria que deixou de ser tan hexemónica en Valencia tras a chegada do goberno da esquerda a esa comunidade. O Sabadell desfíxose do groso das accións de Ribera Salud vendéndolle en 2018 toda a súa parte agás un 10% á estadounidense Centene Corporation.
Este grupo multinacional sanitario fundado nos anos 80 con sede en Saint Louis (Missouri), propietario ao 90% de Ribera Salud, será de agora en diante o responsable da asistencia sanitaria de máis de 130.000 pacientes do Servizo Galego de Saúde na área de Vigo. Éo porque a ata agora propietaria do hospital concertado Povisa, o grupo Nosa Terra XXI, asinou este 3 de outubro a venda do 93% de Povisa a Ribera Salud por un importe que nin comprador nin vendedor revelan, pero que medios como El País sitúan na contorna dos 22 millóns de euros.
Apenas tres días despois de que compradores e vendedores confirmasen a operación á Consellería de Sanidade, ambas empresas emitiron este 3 de outubro un comunicado ratificando que a compra xa foi asinada, se ben segue "pendente das autorizacións administrativas correspondentes", fundamentalmente das autoridades da competencia. Nosa Terra XXI retírase deste xeito do centro sanitario que xestionaba dende 1996 e "volve centrarse exclusivamente no ámbito marítimo", eido no que conta con concesións públicas como as dos barcos de Gardacostas, prorrogada pola Xunta en case unha vintena de ocasións.
En declaracións distribuídas pola propia empresa o seu conselleiro delegado, Alberto de Rosa, celebra que Ribera Salud aterre nun "dos hospitais máis importantes" do Estado e "entre por primeira vez na sanidade galega". A compañía lembra as principais magnitudes de Povisa: un cadro de persoal de 1.500 persoas, 573 camas ou unha escola de enfermaría que agora tamén pasa a estar controlada pola multinacional dos EUA propiedade de Ribera Salud.
A Xunta mellorou en 2018 o concerto polo que Povisa é o hospital de referencia para máis de 130.000 pacientes do Sergas; segundo o Consello de Contas, ata un 80% do seu volume de negocio depende das arcas públicas galegas
Nesta carta de presentación os novos propietarios de Povisa evidencian que "no ámbito público, xestiona para o Sergas e dá atención a uns 134.000 cidadáns". Así e todo, non especifican as cifras nas que se basea este concerto, practicamente 80 millóns de euros anuais en virtude dun concerto mellorado en 2018 pola Xunta despois de que, para logralo, a empresa solicitase o preconcurso de acredores.
Esta ligazón da Consellería de Sanidade con Povisa, que se estende como mínimo ata o 31 de agosto de 2022, é obxectivo de críticas habituais por parte da oposición e colectivos de defensa da sanidade pública, pero os receos chegaron tamén recentemente ao Consello de Contas. O órgano fiscalizador das contas públicas galegas detectou "falta de transparencia" no convenio do Sergas con Povisa, empresa cuxo volume de negocio veu dependendo ata agora ata nun 80% dos ingresos procedentes das arcas públicas galegas.
O persoal pide que o compre o Sergas
O persoal teme máis inestabilidade laboral e reclama que o centro pase a ser de propiedade pública
A operación da venda de Povisa a Ribera Salud foi acollida con inquietude no cadro de persoal do centro, cuxo comité de empresa mantivo nos últimos días encontros con representantes da oposición parlamentaria galega. Entre os principais reproches do persoal destaca a falta de información durante as negociacións de Nosa Terra XXI coa filial española de Centene, pero tamén que Sanidade non aproveite a ocasión para marcar o centro e instalalo de vez na estrutura do Sergas.
Mentres o persoal di temer ademais consecuencias na forma de inestabilidade laboral, novos concursos de acredores ou mesmo expedientes de regulación de emprego, dende a Xunta apélase á calma. Preguntado ao respecto tras a reunión semanal do Consello, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que na devandita xuntanza coa Consellería de Sanidade as empresas non advertiron de plans prexudiciais para o cadro de persoal.