0 Gardados para despois

A Xunta leva unha década prorrogando o contrato de barcos de Gardacostas por 6 millóns ao ano

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Os catro barcos que ten en propiedade Gardacostas de Galicia, o corpo dependente da Consellería do Mar encargado da vixilancia pesqueira, o salvamento e a loita contra a contaminación en augas da comunidade, son xestionados desde 2006 pola empresa privada Remolcanosa. O Goberno galego venlle prorrogando desde entón sen convocar un novo concurso público un contrato cun custo para as arcas públicas duns 6 millóns de euros ao ano que a Xunta xustificou no seu momento argumentando que non dispuña de funcionarios para operar os seus propios barcos. Porén, máis de unha década despois de privatizar ese servizo, nada fixeron ningún dos sucesivos gobernos galegos para formar o seu persoal propio ou convocar oposicións específicas para recuperar a operación directa deses buques.

O bipartito adxudicoullos ao grupo tamén propietario de Povisa argumentando que carecía de persoal para operalos e o PP nada fixo para formar funcionarios ou convocar novas oposicións

Logo da catástrofe do Prestige, na que quedou en evidencia a escaseza de recursos da Xunta para afrontar unha emerxencia dese calibre, o Goberno galego encargou a construción dun remolcador de altura, o Sebastián de Ocampo, e dun buque de salvamento, o Irmáns García Nodal. Botáronse a principios de 2005 e, sumados ao preexistente buque de ensinanza pesqueira Valentín Paz Andrade e á patrulleira Paio Gómez Chariño, cedida polo Estado, os catro barcos pasaron a conformar a flota maior de Gardacostas de Galicia, que conta tamén con unha vintena de lanchas. Porén, mentres as lanchas son tripuladas exclusivamente por persoal de Gardacostas, que teñen a consideración de axentes da autoridade no exercicio das súas funcións, os catro barcos maiores son operados por traballadores da empresa privada Remolcanosa, mentres que os gardacostas viaxan neles como pasaxeiros, o que limita a súa capacidade de libre disposición dos buques.

En 2005, ao recibir os dous novos barcos, e malia que a súa titularidade é pública, o daquela conselleiro, o popular Enrique López Veiga, decidiu privatizar a xestión dos catro buques maiores e convocou un concurso. O bipartito PSdeG-BNG que comezou a gobernar na Xunta aquel verán modificou parcialmente as condicións do concurso, pero mantivo a privatización do servizo por, daquela, 5,3 millóns ao ano. Os dous gobernos argumentaron o mesmo nos expedientes de contratación: “A Administración non dispón dos medios necesarios para o seu mantemento e operatividade, ademais de que non existe nos seus cadros de persoal traballadores cualificados para o desenvolvemento das actuacións”.

A adxudicación do bipartito tiña un prazo de validez de dous anos, pero permitía ampliacións por períodos similares sen convocar un novo concurso ata un máximo de 25 anos, e así o vén facendo o actual goberno

O concurso acabouno gañando en 2006 a viguesa Remolcanosa, unha das principais empresas de remolcadores de Europa e orixe Grupo Nosa Terra XXI, presidido por José Silveira, propietario tamén da naviera Elcano e do Hospital Povisa -concertado co Sergas, o principal do Estado nesta modalidade-, e designado recentemente polo Concello de Vigo como vigués distinguido cos votos a prol de PP e PSOE Aquel contrato tiña un prazo de validez de dous anos, pero permitía que fose ampliado por períodos similares pola Xunta sen convocar un novo concurso ata un máximo de 25 anos. E así o vén facendo o Goberno galego desde entón, con diversas prórrogas nas que tamén se foron modificando lixeiramente as condicións do contrato, que ascende agora a uns 6 millóns de euros ao ano. A cantidade é similar ao que custan os salarios dos aproximadamente douscentos membros do departamento de Gardacostas.

Malia que o argumento que permitiu a privatización do servizo foi que a Xunta non dispuña de persoal preparado para operar os barcos, neste tempo os sucesivos gobernos galegos nada fixeron para dotarse del. Nin convocaron oposicións coas cualificacións necesarias, nin formaron o persoal do que xa dispón Gardacostas para que puidese asumir a operación dos barcos. Por outra banda, traballadores consultados por este diario aseguran que entre as arredor de duascentas persoas que forman o corpo de Gardacostas xa existe persoal coa titulación necesaria para operar os barcos. E salientan que boa parte do custo do contrato de xestión dos buques vai destinado ao pago de salarios dos traballadores de Remolcanosa, xa que os barcos navegan pouco. En ausencia de emerxencias, Gardacostas centra a súa actividade na inspección pesqueira. Nesas tarefas, os barcos maiores permanecen amarrados durante varias semanas a un mesmo porto e os axentes desenrolan as súas funcións nas súas proximidades desprazándose a bordo das embarcacións auxiliares de menor tamaño deses buques en vez de facelo na vintena de lanchas de xestión directa de Gardacostas, que non sempre teñen persoal suficiente para operar.

A Consellería argumenta que “se trata duns postos que requiren dunha especialización de difícil cobertura a través do sistema de contratación pública no caso de vacantes por enfermidade, por exemplo”

O Goberno galego argumenta que “durante os anos de crise a prioridade da Xunta foi manter estable o emprego público, por iso na actualidade o número de empregados públicos da Xunta é practicamente o mesmo que había a comezos de 2008”. En materia de Gardacostas, a Consellería do Mar salienta que vén de convocar oposicións “con 20 novas prazas de axentes” e que é “a única comunidade autónoma que convoca oposición deste tipo, dado que é tamén a única comunidade con este servizo [de Gardacostas]”. Porén, ningunha desas 20 prazas irá destinada a operar os buques privatizados do servizo senón a outras tarefas. De feito, segundo sinalan fontes sindicais, son prazas xa ocupadas por interinos, polo que as oposicións non suporán incrementar o cadro do persoal de Gardacostas. Sobre as prazas concretas precisas para operar os seus barcos de Gardacostas, a Consellería argumenta que “se trata duns postos que requiren dunha especialización de difícil cobertura a través do sistema de contratación pública no caso de vacantes por enfermidade, por exemplo”, argumento que estende tamén ao caso dos pilotos dos helicópteros do mesmo servizo de Gardacostas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Buques rematriculados en Canarias, onde Xunta e traballadores privados obteñen vantaxes fiscais

A Xunta di que o “traspaso dos barcos” ao rexistro de Tenerife “supón un aforro anual de 281.000 euros para as arcas públicas” e "reducións no IRPF" para os traballadores privados que os operan

Malia que en máis dunha década a Xunta non foi quen de recuperar a xestión pública dos seus catro maiores barcos de Gardacostas, algo si mudou nestes dez anos. Tanto o Sebastián de Ocampo, botado o 26 de xaneiro de 2005, como o Irmáns García Nodal, botado o 19 de maio dese mesmo ano, naceron matriculados en Galicia. Porén, os barcos están agora rematriculados en Tenerife, onde a Xunta e os traballadores privados que os operan se benefician de vantaxes fiscais. Fronte á matriculación destes buques con xestión privatizada en Canarias, o resto de embarcacións de Gardacostas de xestión directa pública están matriculadas en portos galegos.

A Xunta di que o “traspaso dos barcos” ao rexistro de Tenerife “supón na actualidade un aforro anual de preto de 281.000 euros para as arcas públicas”. Ese rexistro en Canarias, admite a Xunta, permite que os traballadores de Remolcanosa se atopen “entre os máis beneficiados, xa que teñen vantaxes fiscais coma reducións na declaración de IRPF”. A consellería xustifica que “nese rexistro están dadas de alta as embarcacións de Sasemar (Sociedad de Salvamento y Seguridad Marítima) do Ministerio de Fomento, porque cumpren as características legais para poder estar inscritas nel”.

O servizo de Gardacostas de Galicia non só ten privatizada a xestión dos seus catro maiores buques senón tamén dos seus helicópteros. En 2005 o último goberno de Fraga mercou dous helicópteros en propiedade por 27 millóns de euros e adxudicou a súa xestión a Inaer por 7,5 millóns de euros ao ano. En 2012, logo de prorrogar varias veces a súa xestión tamén sen concurso, e argumentando que os aparatos estaban envellecendo, a Xunta vendeullos a Inaer, agora pertencente á británica Babcock, a cambio de que rebaixase o custo da súa xestión a 6,1 millóns ao ano ata este 2017. O Consello de Contas criticou que a Xunta fixese esas operacións cun “trámite excepcional”, “omitindo os procedementos legalmente establecidos” e sen “ningún estudo sobre a repercusión da venda dos helicópteros sobre o prezo das futuras contratacións”.