O Tribunal Superior di que o custo que á empresa lle supón o “cumprimento estrito do convido” coa Xunta “puido e debeu ser tomado en consideración no momento de subscribir o concerto”
“O alegado [por Povisa] non é máis que o feito de que o cumprimento estrito do convido co Sergas suponlle un determinado custo, que puido e debeu ser tomado en consideración no momento de formular a súa oferta e subscribir o concerto”. Así rexeita o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), nunha sentenza con data do pasado luns día 17, a pretensión do hospital vigués Povisa de que a Xunta lle mellore diversos elementos do concerto que asinaron en 2014. Malia o reproche xudicial de que nada cambiou desde aquela e que a empresa debeuno pensar mellor antes de asinar se agora non está conforme co resultado do acordo, dous días despois, o mércores 19, Xunta e Povisa confirmaban que van modificar outros elementos daquel concerto a petición da empresa privada.
Povisa, o maior hospital privado concertado de España, leva anos sendo o centro de referencia para preto de 140.000 persoas da área sanitaria de Vigo, incluso despois da apertura pola Xunta hai tres anos do novo gran hospital da cidade, o Álvaro Cunqueiro, e malia as súas lisas de espera que superan amplamente as do resto de hospitais públicos. O concerto foi renovado por última vez en setembro de 2014 e catro anos despois, o pasado 28 de setembro, a dirección da empresa anunciou que viña de solicitar preconcurso de acredores por perdas acumuladas de 42 millóns de euros que atribuía a ese último acordo coa Xunta. Unha ameaza que sacou á rúa aos traballadores do centro privado e que forzou ao Goberno galego a negociar diversas peticións de mellora do acordo que lle formulou a empresa. Porén, pouco
Antes de ameazar cun concurso de acredores para que a Xunta lle mellorase o concerto, Povisa xa recorrera pola vía xudicial sen éxito e agora o TSXG vén de reiterar que non tiña razón
Porén, antes desa negociación aberta hai tres meses, Povisa xa recorrera á xustiza, que en outubro de 2017 rexeitou en primeira instancia diversas reclamacións que a empresa formulou contra o convenio asinado tres anos antes. Povisa recorreu esa sentenza e agora o Tribunal Superior volve rexeitar as súas peticións. Segundo a sentenza emitida o pasado luns e divulgada polo tribunal este xoves, no proceso xudicial a empresa non foi quen de argumentar ou probar que desde a sinatura do convenio se producise “ningunha causa sobrevida que influíse nas circunstancias existentes no momento da sinatura do concerto”.
Segundo a sentenza do TSXG, por parte de Povisa “non se alega propiamente ningunha circunstancia que altere de xeito sobrevido as circunstancias existentes no momento da sinatura do concerto e que afecte á economía do concerto, senón que o alegado non é máis que o feito de que o cumprimento estrito do convido co Sergas suponlle un determinado custo, que puido e debeu ter tomado en consideración no momento de formular a súa oferta e de subscribir o concerto”.
Malia a sentenza con data do luns, o mércores a Xunta e Povisa confirmaron que veñen de chegar a un acordo para modificar a petición da empresa varios elementos daquel concerto
Malia esa sentenza con data do luns, o mércores a Xunta e Povisa confirmaron que veñen de chegar a un acordo para modificar a petición da empresa varios elementos daquel concerto sobre os que o tribunal non se pronunciou expresamente. Entre outras cuestións, o Sergas pasará a asumir a subministración directa de medicación hospitalaria aos pacientes adscritos a Povisa, elemento que a empresa argumentaba que lle estaba a supoñer máis custo do previsto no concerto de 2014. A cambio, a contía anual por paciente adscrito que recibe Povisa baixará de 540 a 504,79 euros.
A propia Xunta di na súa nota de prensa sobre o acordo que o seu interese é “garantir a calidade e seguridade da asistencia sanitaria en Povisa e manter o emprego estable no centro”, admitindo así de xeito implícito que o peche do hospital, segundo sinalan fontes do sector, implicaría unha crise asistencial e laboral máis grave que a de ceder agora a algunhas das peticións da empresa. Pero Povisa non se dá por satisfeita e di que malia que o acordo agora acadado evita o concurso de acredores, a súa situación de déficit redúcese “pero non desaparece”, o que a obrigará “a tomar medidas internas de redución de gastos e aumento de ingresos”. Porén, pese a esa suposta situación deficitaria á que a empresa di agora que a aboca o concerco co Sergas, Povisa segue a intentar captar máis pacientes concertados dos que xa ten.