A porta xiratoria cara a Povisa que tapa o regreso da ex-conselleira Mosquera

Rocío Mosquera, nunha das últimas visitas ao hospital de Vigo © Xunta

Este xoves o presidente Feijóo avalou a capacidade profesional de quen foi a súa conselleira de Sanidade entre 2012 e 2015, Rocío Mosquera, para facerse cargo da dirección da empresa pública Galaria, encargada de xestionar a alta tecnoloxía da sanidade galega. Mosquera é inspectora médica, funcionaria, e como tal pode ser elixida directamente polo Goberno galego para un posto de confianza como a dirección desa empresa pública. Porén, ese nomeamento prodúcese como consecuencia doutro movemento máis controvertido: a marcha da que ata o de agora viña sendo directora de Galaria, María Luisa Brandt, ao hospital privado vigués Povisa para asumir a súa xerencia.

O nomeamento da que fora titular de Sanidade á fronte de Galaria prodúcese tras a marcha da directora desa empresa pública, María Luisa Brandt, ao hospital privado vigués

O hospital Povisa, o maior hospital privado concertado coa sanidade pública de España, carecía de xerente desde hai dúas décadas ata que a finais de outubro anunciou a fichaxe de Brandt. A traxectoria profesional desta enxeñeira industrial especializada en organización discorrera na súa maior parte en empresas de consultoría, cun breve paso por Caixanova antes do seu nomeamento en 2009 á fronte da empresa pública Galaria. Agora, con oito anos de experiencia á fronte da máxima tecnoloxía sanitaria do Sergas, Brandt ficha por Povisa. Nunha entrevista publicada por Faro de Vigo hai un par de semanas, en plena campaña de Povisa para captar máis pacientes que ata o de agora viñan sendo atendidos en hospitais públicos, Brand aseguraba que “ao final o Sergas optará por que a xente sexa dona e señora de decidir o seu hospital”.

A experiencia de Brandt previa á súa chegada a Galaria en 2009 estaba ligada á consultoría pero agora, tras oito anos á fronte da empresa pública sanitaria, asume a xerencia de Povisa

Durante a xestión de Brandt á fronte de Galaria e de Mosquera á fronte da consellería, tanto a empresa pública como a área sanitaria de Vigo foron reorganizadas e pacientes de varias especialidades que requiren de alta tecnoloxía que antes estaban adscritos á area de Vigo foron desviados a outras áreas sanitarias, situación que persiste. Aquela redución de servizos en Vigo produciuse malia a apertura do novo hospital vigués Álvaro Cunqueiro, rodeada de polémica por eivas e descoordinacións denunciadas por centos de pacientes. Por outra banda, Galaria é a herdeira do antigo Instituto Galego de Medicina Técnica (Medtec), creado no seu momento cando o propio Feijóo estaba á fronte da secretaría xeral do Sergas.

Jesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade, durante unha visita a Povisa © Povisa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.