Pontón non logra que o presidente lle diga canto tivo que agardar na súa última cita nun centro de saúde
"O 66% das citas de Primaria son dadas nos primeiros catro días". A cifra deuna este mércores no Parlamento o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, admitindo así que o restante terzo das citas de primaria tardan máis de catro días. Unha demora que é o dobre do que o propio Rueda admitía hai xusto 3 anos.
Foi nunha sesión de control ao Goberno galego na que o BNG puxo o foco na situación da sanidade pública e o PSdeG nos enfrontamentos da Xunta co Goberno de España, cuestión que levou o socialista José Ramón Gómez Besteiro a atribuírse a paralización de Altri.
A súa intervención iniciouna a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, preguntando a Rueda "canto tivo que agardar o último día que pediu cita no seu centro de saúde", para o que non tivo resposta. "Por que temos lista de espera para ir ao médico de cabeceira?", insistiu máis tarde a nacionalista, novamente sen éxito, para pedir "menos propaganda e máis sanidade pública".
Na súa resposta Rueda centrouse en lembrar os investimentos materiais que está a facer a Xunta en infraestruturas sanitarias. Pero polo medio admitiu implicitamente as eivas da Primaria.
Non só dixo que "o 66% das citas de Primaria son dadas nos primeiros catro días" senón que incidiu algo máis tarde na mes cuestión salientando que "dúas terceiras partes dos médicos de Primaria atenden nos primeiros catro días". A cifra implica que o 33% tardan máis de catro días, o que contrasta co que revelou o presidente no mesmo lugar hai tres anos, en outubro de 2022, cando dixo que "o 82% dos médicos de Atención Primaria dan cita en menos de catro días". Isto é, os que tardan máis pasaron do 18% ao 33%, o dobre.
Paralización de Altri
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, centrou a súa intervención en criticar os enfrontamentos da Xunta co Goberno de España, que ao seu ver prexudican á cidadanía. "Non defende os intereses de Galicia", asegurou o socialista, ao que Rueda respondeu que el non será "cómplice de todas as cousas que está facendo mal o Goberno central".
Besteiro atribúese a paralización de Altri cando Rueda o acusa de estar ao servizo de Sánchez
Na súa segunda intervención Besteiro xustificou que cando os socialistas se opoñen a unha medida da Xunta é porque esta prexudica a Galicia, e xustificou facelo "cando vostede impulsa un proxecto doutra época, como Altri". "Nós actuamos paralizando ese proxecto, claro que si", asegurou Besteiro.
A resposta de Rueda foi afearlle que presuma de paralizar "proxectos industriais". E que "de paso paralizou toda a conexión eléctrica dunha provincia", agregou sobre a planificación eléctrica estatal ata 2030.