Besteiro pide a Rueda non apoiar o recurso de Altri ao plan eléctrico: "Poría en risco centos de millóns"

José Ramón Gómez Besteiro, Pilar García Porto e Ana Corredoira, este 30 de outubro con responsables de Milhulloa en Palas probando produtos da cooperativa CC-BY-NC-SA PSdeG

Catro anos despois de aterrar en Galicia da man da Xunta a través da agora disolvida sociedade Impulsa Galicia, Altri albisca escuro o futuro do seu proxecto para instalar en Palas de Rei unha fábrica de celulosa e fibras téxtiles derivadas deste produto. Sobre todo despois de que o Goberno de España confirmase que deixa fóra da planificación das redes eléctricas para 2030 a subestación que daría servizo á factoría, a cal precisaría un posterior conexión para unha liña de alta tensión cos seus correspondentes reforzos do sistema. 

A compañía portuguesa avanzou a súa intención de recorrer despois de que o Estado deixase o seu proxecto en Palas fóra da planificación eléctrica ata 2030

Como era previsible, Greenfiber -a sociedade coa que Altri canaliza o proxecto canda Greenalia- anunciaba a finais do pasado setembro a súa intención de recorrer a decisión. E agora o secretario xeral do PSdeG, que daquela avanzara a exclusión da conexión eléctrica, reclama á Xunta que non apoie politicamente ese litixio. Porque, argumenta, se chegase a triunfar estarían "en risco investimentos por valor de centos de millóns" doutras industrias que si son "viables". "Sería irresponsable" o apoio, polo que debería "renunciar dunha vez a instalar Altri en Palas". "Que resolva negativamente e dea o proxecto por liquidado", reclama.

Galicia no mapa da planificación eléctrica do Estado ata 2030 CC-BY-NC-SA Mapa: Miteco | Montaxe: Praza.gal

Ao presentar a proposta de planificación eléctrica á Xunta, o Ministerio para a Transición Ecolóxica resaltou que en Galicia prevé "reforzos para materializar novos proxectos industriais, especialmente en torno ás áreas estratéxicas da Coruña e das Pontes", con "papel destacado" para a "produción de hidróxeno verede", "necesidades de descarbonización de industrias" xa existentes ou o "crecemento do ferrocarril". Tamén "propiciará a mellor integración no sistema da xeración renovable, sobre todo eólica".h

"Defendemos a industria, pero a que crea emprego de calidade e respecta o noso medio natural", sinala o líder do PSdeG durante unha visita á cooperativa Milhulloa

Durante unha visita en Palas á cooperativa Milhulloa, que como outras pequenas empresas e produtoras da contorna se vén manifestando contra a instalación de Altri, José Ramón Gómez Besteiro considerou que tras "os tres non do Goberno" -ás subvencións por descarbonización, axudas extraordinarias e conexión eléctrica-, quedou "confirmado o que o PSdeG viña advertindo", que "non é viable nin económica, nin social nin ambientalmente", que "nin España nin Europa lle abriron as portas".

"Nós defendemos a industria, pero a que crea emprego de calidade e respecta o noso medio natural", sinala Besteiro, que apunta a Milhulloa, como exemplo de "innovación vinculada á terra" e mostra "de que se pode crear emprego e riqueza cun modelo sustentable e cen por cen ecolóxico". A contorna da Ulloa, incide, precisa como "comarca referente polo seu sector agrario e gandeiro" iniciativas económicas "respectuosas co patrimonio e o medio natural" e non "macrofábricas que esquilman".

Unha peregrina proba produtos de Milhulloa durante a visita de Besteiro CC-BY-NC-SA PSdeG

Durante a visita a Palas o líder do PSdeG estivo acompañado por cargos do partido que, dende o inicio, amosaron os seus receos cara á instalación de Altri na Ulloa. É o caso da voceira socialista no Concello palense, a gandeira e bióloga Ana Corredoira, ou a alcaldesa de Antas de Ulla e vicesecretaria xeral do partido na provincia, Pilar García Porto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.