Besteiro anticipa que Altri queda sen conexión eléctrica: "Non ten futuro en Galicia"

Besteiro, na manifestación contra Altri e a mina de Touro na Pobra do Caramiñal CC-BY-SA PSdeG

Un novo atranco para Altri en Galicia. O proxecto industrial da multinacional portuguesa queda sen a subestación eléctrica necesaria para a instalación da planta prevista en Palas de Rei e sen a conexión á rede requirida. 

Besteiro anuncia que Altri queda excluída da planificación da rede eléctrica e sen a subestación necesaria para o seu proxecto en Palas

Así o anunciou en rolda de prensa o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que advertiu que Altri quedou excluído da Planificación da Rede Eléctrica 2025-2030 ao non cumprir cos requisitos necesarios, o que suporía, nas súas palabras, “o terceiro e definitivo non" do Goberno de España á "macrocelulosa”.

Segundo explicou Besteiro, será este vindeiro martes 23 cando nunha reunión entre representantes do Goberno central e a Xunta se traslade a decisión. A preguntas dos medios, explicou que "non se trata de desvelar" esta negativa, senón de valorar con base nos "requisitos" necesarios socioeconómicos e ambientais a situación. "Non fago ningún tipo de anuncio gobernamental, que non é o meu papel", dixo, tras adiantar que o Estado "tomará" a decisión de rexeitar a solicitude da empresa. 

Manifestación contra Altri e a mina de Touro na Pobra do Caramiñal CC-BY-SA Greenpeace Galicia

Besteiro lembrou ademais que a propia Xunta vinculara a viabilidade deste polémico proxecto ao seu “enganche” á rede. “Se non se inclúe na planificación, o proxecto non poderá poñerse en pé”, advertiu.

Así, e tal e como lembrou o líder dos socialistas galegos, a macroplanta que Altri prevé en Palas xa recibiu dúas importantes negativas nas achegas e autorizacións públicas fundamentais para poder poñela en marcha. A primeira cando quedou fóra das axudas do PERTE de Descarbonización e logo cando non accedeu aos 250 millóns extraordinarios solicitados á Unión Europea. 

O líder do PSdeG cre que o "triplo 'non" a Atri confirma que "non ten futuro en Galicia"

Agora, di Besteiro, a súa exclusión da planificación da rede eléctrica confirma que Altri “non ten futuro en Galicia” tras recibir un "triplo non" por parte do Executivo central. A noticia chega semanas despois de que, en varias ocasións, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, denunciase a falta de conexión eléctrica á planta de Altri. "Unha fábrica se non se pode enchufar, non pode funcionar", clamara no Parlamento.

Besteiro insistiu en que o PSdeG será “a garantía de que non se financie con cartos públicos ningún proxecto que poña en risco o futuro ambiental e social do país”. E concluíu: “Galicia non pode hipotecar o seu desenvolvemento cunha macrocelulosa que non encaixa nin na normativa europea nin na planificación enerxética do Estado”.

Área onde se situaría a planta de Altri en Palas de Rei © Altri

“Cómpre lembrar —apuntou Besteiro— que Altri naceu baixo a escuridade, convertido no proxecto estrela de Alfonso Rueda, pero sen transparencia nin diálogo coa cidadanía". “Un proxecto imposto, que sempre estivo rodeado de incógnitas, de ocultismo e de falsas promesas como a súa actividade central ou o número de postos de traballo”, rematou. 

Rueda amosa o seu malestar con que fose Besteiro quen anunciase a falta de conexión eléctrica para Altri e non aclara se considera esta noticia o fin definitivo do proxecto

Precisamente, o presidente da Xunta amosou este luns o seu malestar polas formas nas que se deu a coñecer que Altri non disporía da subestación eléctrica. "Anunciouno un deputado do terceiro partido do Parlamento de Galicia; se alguén o considera normal...", preguntouse, denunciando que Besteiro poida falar "en nome de todo un goberno" e unha actitude que cre que o Executivo central "non se atrevería" a ter con outras comunidades. 

Preguntado varias veces sobre se cría que a falta de conexión eléctrica para Altri supoñía o fin definitivo ao proxecto, limitouse a advertir que o que faga a compañía "é unha decisión empresarial" e que a Xunta avaliou que a súa iniciativa "era viable desde o punto de vista técnico". "O resto de viabilidades terá que decidilas a empresa", insistiu. 

O BNG celebra a decisión

Desde o BNG, pola súa banda, "celebran" que o Goberno do Estado rexeite a subestación eléctrica e o “enganche” que precisa Altri para desenvolver a actividade. Así, a formación nacionalista advirte que o macroproxeto non pode contar "nin cun só euro" de recursos públicos. 

O deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, asegurou que a decisión do Executivo central “é froito da mobilización social dos e das galegas en contra desta macrocelulosa” e aclara que o BNG seguirá traballando para evitar que Altri se instale no país. 

A portavoz nacional, Ana Pontón, aplaudiu tamén a decisión porque "inviabiliza unha hipoteca para o futuro". "Hai unha maioría social que rexeita que nos coloquen unha bomba ambiental no corazón de Galiza". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.