O pacto secreto con Altri asinouno un conselleiro como "negocio xurídico privado", di a Xunta

O conselleiro delegado de Altri e o daquela conselleiro de Economía da Xunta, Francisco Conde, nunha imaxe de arquivo, e resposta da Xunta sinalando que o memorando de entendemento para a chegada da empresa a Galicia foi un "negocio xurídico privado" CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

O Goberno galego escúdase en que o documento foi asinado por Francisco Conde como presidente dunha empresa privada, Impulsa Galicia, malia que foi creada pola Xunta e Contas pide para ela máis transparencia

O 1 de outubro de 2021 o daquela vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, asinou con Altri un memorando de entendemento para a súa instalación en Galicia. A existencia do documento é coñecida porque a propia empresa a revelou nun comunicado oficial ao regulador dos mercados de valores de Portugal e nunha nota informativa no seu web. Porén, o seu contido segue sendo secreto e a Xunta vén de denegar un acceso ao mesmo a través da Lei de Transparencia co argumento de que o conselleiro non o asinou como membro do Goberno galego senón "nun negocio xurídico privado".

A instalación de Altri en Galicia non foi froito da iniciativa desa firma senón da Xunta. O Goberno galego creou en 2021 a empresa Impulsa Galicia xunto con socios privados para impulsar proxectos tractores con cargo aos fondos europeos Next Generation, unha empresa na que a Xunta decidiu non ser maioritaria senón quedar ao límite do 50% da participación, malia que a súa presidencia é exercida por quen sexa en cada momento conselleiro ou conselleira de Economía. E foi Impulsa Galicia quen decidiu promover un proxecto de transformación de madeira en fibras téxtiles, elixindo para facelo a Altri.

En Impulsa Galicia están presentes Abanca cun 38% do capital, Reganosa cun 12% e Sogama cun 10%. A Xunta conta cun 40% de participación directa, pero como á súa vez ten tamén participacións en Sogama e Reganosa a súa implicación total en Impulsa Galicia é do 48,2%. O Consello de Contas vén sinalando que, con independencia das cifras de capital público concretas, é evidente o control público de Impulsa Galicia por parte da Xunta, que ostenta a súa presidencia. E nesa liña vén reclamando máis transparencia sobre o seu funcionamento. 

Pero a Xunta non quere transparentar o funcionamento de Impulsa Galicia, como xa lle contestou ao Consello de Contas, ao Parlamento de Galicia e como vén de deixar por escrito ante unha petición oficial de transparencia formulada por Praza.gal para ter acceso ao memorando asinado con Altri. 

Este diario recorreu a súa negativa inicial ante a Comisión da Transparencia de Galicia alegando, entre outras cuestións, que o documento está en poder da Xunta porque foi asinado por un conselleiro da Xunta. Porén, a resposta do Goberno galego foi que "o relevante non é o cargo público que poida ter unha persoa que asina un documento, se non a condición na que o asina, e neste caso, o documento esta asinado por unha persoa que actúa na súa condición de titular dun órgano dunha sociedade mercantil privada, representando a esta nun negocio xurídico privado, e non na súa condición de cargo público (titular dunha Consellería) en nome e representación da administración autonómica".

Argumentos da Xunta ante a Comisión da Transparencia de Galicia en defensa da súa negativa a facer público o memorando de entendemento con Altri CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta, que creou Impulsa Galicia para promover a industrialización do país, salienta que esa empresa é privada e "non presta servizos públicos nin exerce potestades administrativas"

Isto é, malia que Francisco Conde era presidente de Impulsa Galicia por ser conselleiro de Economía, a Xunta asegura que non asinou o acordo con Altri en nome de Impulsa Galicia por ser conselleiro senón como representante da empresa "nun negocio xurídico privado".

A Xunta desvincúlase aínda máis do acordo que abriu as portas de Galicia a Altri e sinala que este "non foi elaborado nin adquirido pola Xunta de Galicia no exercicio das súas funcións, senón que se trata dun documento de carácter privado, elaborado por unha persoa xurídica independente, e que non se atopa incluída no ámbito de aplicación do réxime de transparencia pasiva". Mesmo di que Impulsa Galicia, creada por ela mesma para un función supostamente de interese público como sería atraer proxectos industriais ao país, "non presta servizos públicos nin exerce potestades administrativas".

O Consello de Contas vén pedindo "medidas oportunas para transparentar a actuación financeira" de Impulsa Galicia, a sociedade presidida polos conselleiros ou conselleiras de Economía

Praza.gal puxo o foco nas súas alegacións en que a Lei de Transparencia contempla como "información pública" todos os documento "que obren en poder" dunha administración e que fosen "adquiridos no exercicio das súas funcións", xa que unha das funcións da Xunta neste caso foi crear Impulsa Galicia, participar no seu accionariado e ocupar a súa presidencia. Porén, a Comisión da Transparencia non dá resposta directa a esa alegación e denega o acceso ao documento centrándose en que Francisco Conde asinou o documento como presidente dunha empresa privada, obviando que se ocupaba ese posto era polas súas previas funcións de conselleiro da Xunta.

Referencias á participación da Xunta en Impulsa Galicia e á necesidade de control público na empresa, no informe do Consello de Contas CC-BY-NC-SA Praza.gal

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.