Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia. É o nome da sociedade limitada de maioría privada promovida pola Xunta na que o Goberno galego vén de achegar o 40% do seu capital inicial. Trátase da empresa público-privada que, segundo o Goberno galego, se vai encargar de "apoiar a maduración das propostas incluídas na candidatura galega aos fondos europeos Next Generation" e despois, de "axudar na busca de futuros investidores para o seu desenvolvemento".
Aínda que a porcentaxe da Xunta no capital desta sociedade é a máis elevada, a súa participación é minoritaria. Os investidores privados son maioría e entre eles, a porcentaxe máis elevada é a de Abanca. Séguena Reganosa, cun 12% e Sogama, cun 10%.
Tanto Reganosa como Sogama teñen á Xunta en cadanseus accionariados. Na regasificadora é maioritario o Grupo Tojeiro e Naturgy ten o 49% da planta de residuos
Aínda que tanto a regasificadora de Mugardos como a Sociedade Galega do Medio Ambiente teñen á Xunta en cadanseus accionariados, a participación pública é minoritaria na primeira e maioritaria na segunda. Así, a planta de tratamento de residuos ten un 49% de propiedade de Naturgy, a empresa resultante da compra da antiga Unión Fenosa por parte de Gas Natural.
Mentres, a matriz de Reganosa, Reganosa Holdco, está controlada polo Grupo Tojeiro, propietario dos supermercados Gadis. No accionariado da regasificadora tamén está, alén da matriz, a corporación xaponesa Sojitz. A Xunta subliña que a nova sociedade ten "carácter impulsor" e "non investidor". Ademais, mantén, está "aberta á entrada de novos colaboradores".
Opacidade sobre os proxectos privados, escasa concreción sobre os públicos
O Goberno galego outorga á nova sociedade limitada a facultade de "madurar" os denominados "proxectos tractores" para optar aos fondos Next Generation
Nun comunicado feito público este mércores pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, a Xunta sinala que "nesta fase inicial, tras a súa constitución", a Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia terá como "primeiro obxectivo" contribuír a "madurar" os denominados "proxectos tractores" para optar aos fondos europeos Next Generation. Para a Xunta, ten consideración de "proxecto tractor" aquel que supoña "unha especial capacidade de incidir en diversos sectores económicos para xerar crecemento, emprego e competitividade, actuando como vertebradores doutras iniciativas empresariais"
Nos últimos meses, o Goberno galego foise referindo en declaracións públicas a algúns destes posibles proxectos tractores, tales como unha fábrica dde fibras téxtiles a partir da madeira, o impulso da reciclaxe e a economía circular, a produción a partir de fontes enerxéticas renovables de hidróxeno ou a instalación de máis parques eólicos. Tamén o o denominado polo aeroespacial no que a Xunta leva xa anos traballando, entre outros.
A Xunta non revela a lista completa de proxectos privados aos que avala para optar aos fondos europeos e alega "confidencialidade" para non facelo
Non obstante, non existe unha relación pública e completa dos proxectos privados que o Goberno galego avala para obter fondos europeos. O conselleiro Francisco Conde negouse a revelala alegando "confidencialidade e a Xunta só vén indicando que se trata de 107 proxectos privados que poden "acadar unha mobilización" duns 13.000 millóns de euros, asegura.
Como informou Praza.gal, a Xunta si elaborou unha listaxe dos proxectos públicos para os que quere captar fondos europeos de recuperación. Esta relación non foi divulgada ao público xeral, pero si entregada aos grupos do Parlamento de Galicia [pódela consultar íntegra nesta ligazón]. Está composta por 247 iniciativas para os que di estimar unha "mobilización" de ata 7.000 millóns de euros. Nelas figuran proxectos novos, pero tamén obras e accións xa previstas antes da pandemia, caso da ampliación do hospital da Coruña, e tamén referencias xenéricas como "eficiencia enerxética", "Ribeira Sacra" ou "Museo+" que fan imposible coñecer o seu contido exacto.
No anuncio da constitución da nova sociedade, a Xunta defende que o que denomina como "candidatura de Galicia" parte "do consenso" e "inclúe iniciativas que pretenden involucrar" tamén a pequenas e medianas empresas para que "sexan elas as principais beneficiarias dos novos proxectos tractores" que "contribúan a xerar cadeas de valor".