O Goberno galego pide “apoio” fronte ao Goberno central para mellorar a actual AC-406 Santiago-Santa Comba a empresarios que durante anos reclamaron unha autovía autonómica nese mesmo treito
Durante o goberno bipartito de PSdeG e BNG empresarios e concellos da comarca do Xallas e mesmo da Costa da Morte reclamaron á Xunta a construción dunha autovía entre Santiago e a zona de Santa Comba porque consideraban que a que xa se estaba a construír desde A Coruña non respondía aos tráficos diarios que se producían cara á capital galega, a 30 quilómetros de distancia. Coa chegada do PP ao Goberno galego esas voces foron silenciándose e a Xunta pasou a prometer o arranxo da estrada convencional AC-406, cuxa principal concreción ata o momento foi a apertura hai un ano de dous quilómetros de novo trazado nas proximidades do polígono empresarial de Santa Comba.
Para poder cumprir as súas promesas de mellora do resto da estrada agora a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, vén de incluír a mellora dun novo treito duns 10 quilómetros entre os proxectos que a Xunta quere que sexan beneficiarios das axudas á recuperación económica habilitadas pola Unión Europea tras a COVID, uns fondos que Bruxelas quere dirixir a potenciar un crecemento sostible.
“A Xunta xa solicitou ao Goberno de España financiamento para esta actuación a través dos fondos europeos do Plan de recuperación da economía, no marco do obxectivo estratéxico de mellora das infraestruturas e comunicacións no ámbito rural, para a mellora da accesibilidade”, di o Goberno galego, que "solicita o apoio do Concello e dos empresarios de Santa Comba para demandar 10 millóns de euros dos fondos europeos” ao Executivo de Pedro Sánchez. O goberno local de Santa Comba está conformado por Compromiso por Galicia e PSdeG.
Segundo argumenta a Xunta, a actuación, que consistiría en “mellorar o seu trazado, coa rectificación de curvas e o acondicionamento do firme ao longo de máis de 10 quilómetros”, ten por finalidade "mellorar a seguridade viaria da vía e reforzar a competitividade da comarca”. Iso xustificaría o destino duns fondos pensados para reformar a economía e que o Goberno galego quere empregar para, entre outras cuestións, obras viarias prometidas hai décadas que ao seu ver cumprirían cos obxectivos comunitarios ao facilitar a accesibilidade a servizos sanitarios ou loxísticos ou incluír sendas peonís.