O líder do PSdeG insta o presidente asumir que o proxecto da "macrocelulosa" da Ulloa está "morto" tras as negativas para obter fondos da UE e conexión eléctrica: "Non ten o valor de denegalo"
O secretario xeral do PSdeG rexistrara para a sesión de control deste mércores no Parlamento unha pregunta na que cuestionaba o presidente sobre se "ten previsto mudar as súas políticas de benestar", dados os "evidentes problemas e protestas que amosan os resultados", unha formulación xenérica que o líder socialista fixo virar cara ao conflito en torno a Altri para culminar cunha advertencia: se Alfonso Rueda non renuncia á avalar a instalación desta "macrocelulosa" na Ulloa pode acabar "raiando a prevaricación".
"Altri é o seu proxecto persoal" e "hoxe é un fracaso", daquela, "o seu fracaso persoal", argumentou o socialista. Tras enumerar as negativas que a factoría promovida canda a empresa portuguesa dende a sociedade público-privada Impulsa Galicia -disolvida o pasado agosto- leva acumulando ao tentar captar fondos europeos José Ramón Gómez Besteiro diagnostica que se trata dun "proxecto morto, baleiro" e aínda por riba "non conectable" á rede eléctrica. E só resta a decisión política da Xunta para non autorizalo, cre.
A política, reta Besteiro a Rueda, "vai de tomar decisións" e o presidente, coida leva "meses evitando facelo" porque "non ten o valor de denegar o proxecto de Altri". Pero se non o fai "non só estará cometendo un erro político", tamén "raiando a prevaricación".
O titular da Xunta asegura que non cabe agardar del "outra cousa que facer o que din os técnicos"
Entre advertencias do presidente do Parlamento ao líder do PSdeG por non se axustar á cuestión formulada por escrito, Rueda conclue que a Besteiro "non lle importa nada o benestar dos galegos" e que o "van acabar cambiando os do seu propio partido". Coida o titular da Xunta que Besteiro cre que "os presidentes deciden os expedientes de xeito persoal" segundo "o que máis lles conveña" porque así é "como está decidindo [Pedro] Sánchez o futuro de España". Pero no caso da Xunta, asegura, faise con criterios técnicos.
"Eu -esgrime Rueda- teño a confianza dos galegos e decido as cousas pensando no futuro de Galicia" e por iso non cabe agardar del "outra cousa que facer o que din os técnicos", que "en Galicia son os que deciden os expedientes". Para Besteiro, acusa, é "imposible de entender" porque "ten que defender un presidente do Goberno que actúa por criterios" coma "o seu futuro xudicial e político".