O BNG emprende accións ante o TSXG e o PSdeG pide amparo ao presidente do Parlamento para acceder á documentación que o Goberno galego mantén baixo secreto
O 1 de outubro de 2021 o daquela vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, asinou con Altri un memorando de entendemento para a súa instalación en Galicia. Catro anos despois ese documento segue sendo secreto, segundo respondeu oficialmente o Goberno galego a unha petición de transparencia de Praza.gal porque Conde o asinou como "negocio xurídico privado". Pero agora o BNG vén de dar un novo paso para tentar acceder a el e inicia accións ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para que sexa entregado ao Parlamento. Tamén o PSdeG anunciou este venres que vai pedir amparo ao presidente da Cámara, o popular Miguel Santalices, para que a Xunta cumpra coa súa obriga de remitirlle ese tipo de documentos que obran no seu poder.
Un conflito similar no pasado, a conta da ocultación por parte da Xunta ao Parlamento de documentos sobre a fusión das caixas, acabou cunha condena do Goberno galego, que foi obrigado polo TSXG en 2020 a entregar o reclamado polo deputado Antón Sánchez (AGE 2012-16 e En Marea/Común da Esquerda 2016-20).

A existencia do memorando de entendemento con Altri é coñecida porque o publicitou a propia empresa. Pero o contido do documento segue sendo secreto porque a Xunta argumenta que non o asinou ela, senón a empresa público-privada Impulsa Galicia, creada e controlada pola Xunta en 2021 e disolta este verán. Isto é, Conde non o asinou como conselleiro senón como presidente de Impulsa Galicia, cargo que ocupou á súa vez pola súa condición de conselleiro.
Malia ese argumento de que Impulsa Galicia é unha empresa privada, o Consello de Contas vén considerando que o nivel de implicación da Xunta nela e na súa sucesora, Recursos de Galicia, é tan alto que o Goberno galego debe facilitar a súa fiscalización.
O Goberno galego argumenta que o pacto con Altri asinouno en 2021 Francisco Conde non como conselleiro senón como parte dun "negocio xurídico privado"
Para acceder a ese pacto secreto o BNG anunciou este venres que inicia accións xudiciais ante o TSXG reclamando que se cumpra o artigo 9 do Regulamento do Parlamento de Galicia que obriga ao Goberno galego a remitir á Cámara documentación que obre no seu poder. “Temos indicios fundados de que hai unha relación de conivencia e de trato de favor entre a Xunta e Altri por medio dos negocios que se fixeron a través de Impulsa Galicia”, asegurou este venres o deputado nacionalista Luis Bará, para quen a ocultación que o Executivo de Rueda fai dos acordos coa pasteira portuguesa é unha "declaración de culpabilidade".
“Se non houbese ningún problema, daríannos a información”, subliñou o nacionalista, que lembrou que leva máis de ano e medio pedindo acceder a esa documentación.

Tamén este venres o PSdeG avanzou que pedirá amparo ao Presidente do Parlamento, o popular Miguel Santalices, para que faga cumprir o regulamento do Parlamento e a Xunta envíe a documentación requirida. Os socialistas denuncian que o Goberno galego non só está a ocultar o memorando secreto con Altri senón que tamén dificulta o acceso aos expedientes dos traballo contratados pola Xunta coa consultora do ex-ministro Cristóbal Montoro.
En 2020 a Xunta foi condenada por unha ocultación similar ao Parlamento, daquela de documentación sobre a fusión das caixas
Unha negativa similar da Xunta a entregar ao Parlamento documentación ao abeiro do artigo 9 do seu regulamento rematou coa súa condena en 2020 por parte do TSXG. Fora o deputado Antón Sánchez (AGE 2012-16 e En Marea/Común da Esquerda 2016-20) quen pedira desde 2013 no Parlamento documentación sobre as xestións da Xunta para a fusión das caixas e ante a negativa reiterada do Goberno galego recorreu á Xustiza. Xa non era deputado cando acabou obtendo en 2020 a condena da Xunta, que censuraba o "escaso deber de dilixencia" do Goberno galego e a súa vulneración do dereito de participación política do ex-deputado. Esa documentación acabou revelando que a Xunta despachara en cinco páxinas o seu aval á fusión das caixas.
