O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condena o Goberno galego a entregar a Antón Sánchez, deputado do grupo Común da Esquerda, documentos clave para acreditar as decisións da Xunta na fracasada fusión de Caixanova e Caixa Galicia. Faino nunha sentenza no que o alto tribunal galego dá ademais por acreditado que o Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo quebrantou o precepto da Constitución que estipula o dereito á participación política.
Durante máis de media década, primeiro como deputado de Alternativa Galega de Esquerda e despois como integrante dos grupos En Marea e Común da Esquerda, Sánchez reclamou á Xunta en diversas ocasións documentación clave da fusión das caixas. Entre eles estaba a carta na que encargou á consultora KPMG un informe sobre a fusión -o mesmo que custou un millón de euros públicos- ou os "informes técnicos" cos que a Consellería de Facenda apoiou a unión que deu lugar a Novacaixagalicia, despois quebrada e rescatada con 10.000 millóns de euros dos que uns 9.000 nunca foron recuperados.
En novembro de 2018, cando Antón Sánchez xa recorrera ao TSXG, a Xunta entregou parte dos papeis, pero non fixo o mesmo con algúns documentos clave, como o informe da daquela conselleira de Facenda a prol da unión de Caixanova e Caixa Galicia
As tres últimas veces que o parlamentario reclamou esta documentación foi en maio, xullo e setembro de 2018. En novembro dese ano, cando xa transcorrera o prazo legal dun mes que a Xunta ten para entregar ao Parlamento os papeis que lle pidan ou expoñer motivos legais para non facelo, Sánchez decidiu recorrer ante o TSXG. Poucos días despois a Xunta, xa fóra de prazo, si enviou parte dos papeis. Pero faltaban algúns clave, como un informe a prol da fusión redactado pola daquela conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, ou a acta da reunión da comisión de secretarios xerais da Xunta previa ao Consello da Xunta do 18 de novembro de 2010, que deu o visto e prace definitivo á operación.
Co proceso xudicial xa en marcha, a Xunta esgrimiu ante o TSXG que a entrega parcial dos papeis xa daba resposta á petición de Antón Sánchez e ademais, argumentaba, o deputado xa dispuxera de toda a documentación como membro da comisión de investigación sobre as caixas que o Parlamento abriu en 2013 -e que actualmente leva paralizada tres anos-. Pero en marzo de 2019 a Fiscalía avalou a petición do deputado e agora, a sección primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do alto tribunal galego tamén avala o esencial da súa petición e condena o Executivo do PP.
O Tribunal considera que, aínda que con tardanza, o Goberno galego si acabou entregando parte dos papeis que Sánchez pedira. Pero sentencia que "a entrega tardía da documentación pedida" xa constitúe en si mesma unha vulneración do dereito á información dos membros da Cámara, avalado pola Constitución. As propias "escusas" da Xunta e as datas de todo o proceso, di a sentenza, amosan un "escaso deber de dilixencia" por parte da Xunta,
O TSXG ve "claro" que a Xunta quebrantou o principio constitucional que avala o dereito dos deputados a recibir información e condénaa á entrega a documentación pendente ou "expoñer as razóns fundadas en Dereito" que a impidan
En calquera caso, conclúe o tribunal, a Xunta "incumpriu a obriga de facilitar a información que lle fora pedida" e non expuxo "ningunha razón fundada en dereito" para "amparar a súa posición", tal e como lle permite facer o Regulamento da Cámara. Por todo isto, o TSXG considera "claro que incorreu na infracción do artigo 23.2 da Constitución española" e "condena" a Xunta a "facilitar" a Sánchez os devanditos dous documentos ou, no seu defecto, a "expoñer as razóns fundadas en Dereito que o impidan". Contra esta sentenza xa só cabe recurso de casación no propio TSXG ou no Supremo.
Sánchez esixe a "entrega inmediata" da documentación
Tras coñecer a sentenza, Antón Sánchez amosou a súa satisfacción polo pronunciamento do alto tribunal galego, pero tamén esixiu "que a Xunta, inmediatamente, entregue esta documentación". Debe ser "antes das eleccións, para que a cidadanía coñeza o acontecido no que acabou sendo a privatización do aforro galego", di.
Antón Sánchez reclama que a Xunta entregue os papeis "antes das eleccións, para que a cidadanía coñeza o acontecido no que acabou sendo a privatización do aforro galego"
"A Xunta -sinala o parlamentario- é condenada por vulnerar o artigo 23 da Constitución, que tanto din defender" polo que considera unha "práctica habitual do Goberno do PP, que é a de ocultar información e obstruír o labor da oposición sistematicamente". Neste caso, "ademais, fano coa maior estafa económica os galegos e galegas, que viron como o 40% dos seus aforros quedaron nas mans dun banco estranxeiro e foron vendidos a prezo de amigo". "Agora -conclúe- vemos as consecuencias do negocio" logrado "grazas ás decisións políticas de Feijóo e do PP", conclúe.