Hai xa case sete anos que o PP, unha vez pasadas as eleccións galegas de 2012, accedía a abrir unha comisión de investigación no Parlamento de Galicia sobre a fracasada fusión de Caixanova e Caixa Galicia. Daquela pasaran xa máis de catro anos dende que Alberto Núñez Feijóo comparecera ante os medios xunto a Julio Fernández Gayoso e José Luis Méndez para anunciar os primeiros pasos dunha unión que botou a andar a finais de 2010 sendo presentada como "solvente" e "viable", pero que cando comezaron as pescudas parlamentarias xa levaba recibidas inxeccións de diñeiro público que superaban os 9.000 millóns de euros para evitar a quebra.
A comisión das caixas abriu por primeira vez en 2013; dende 2017 o seu escaso movemento redúcese ás peticións da oposición para reactivala, todas elas sen resposta
Tras unha primeira xeira de comparecencias -entre elas, as de Méndez e Gayoso e a dos autores do informe da consultora KPMG sobre a fusión polo que a Xunta pagou 1 millón de euros- e recepción de documentación, o PP galego fixo valer a súa maioría absoluta para bloquear a investigación dende antes das eleccións europeas de 2014 e ata despois das galegas de 2016. A intención, afirmarían despois, non foi outra que "arrefriar o debate". En 2017 accederon a reabrila, pero a parálise regresou pouco despois e xa transcorreron case tres anos nos que o movemento da comisión se reduciu, a efectos prácticos, ás peticións da oposición para reactivala.
A petición máis recente rexistrouna nos primeiros días do ano o deputado Antón Sánchez como voceiro de Común da Esquerda. Sánchez, que neste tempo mesmo tivo que chegar aos tribunais de Xustiza para instar a Xunta a lle entregar papeis da fusión, lembra no seu escrito que en 2016 os populares "non aceptaron" novas comparecencias na comisión "co pretexto da urxencia para rematar pola vía rápida" e, no entanto, a investigación "leva máis de dous anos paralizada".
Sánchez reclama incorporar á comisión pescudas sobre aspectos como o impacto da fracasada fusión en empresas como Isowat, R ou Emesa
Pero, ao seu xuízo, nin a anterior urxencia nin a actual parálise son admisibles, por mor dos "aspectos que quedaron sen aclarar" mentres a comisión funcionou. Dende "as decisións que levaron á precipitada venda de Novagalicia Banco" ata o feito de que o "proceso de fusión e privatización do aforro galego condiciona o presente" do país, dende as "condicións do crédito para persoas e empresas" ata a incerteza nas industrias noutrora participadas por Caixa Galicia ou Caixanova. "Isowat, R ou Emesa son exemplos das consecuencias deste fiasco financeiro", ilustra.
Todo isto, agrega Antón Sánchez, prodúcese nun contexto no que tanto o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), o ente estatal creado para o rescate das entidades financeiras, como a entidade resultante da venda de Novagalicia a Banesco, Abanca, "negaron información" solicitada por unha comisión que "estivo paralizada 5 dos seus 7 anos de existencia por vontade do Grupo Popular". Por todo isto, os comúns reclaman formalmente a reactivación da comisión, a entrega de toda a documentación pendente e novas comparencias, entre elas as do presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, a de Alberto Núñez Feijóo ou as dos responsables da saída de Novagalicia Banco do accionariado de diversas empresas.
En febreiro de 2019 o PSdeG reclamou a intervención do presidente do Parlamento para acabar coa parálise que, "sen explicación ningunha", afecta á investigación sobre as caixas; un ano antes tamén o fixera o BNG, igualmente sen resposta
Polo momento, a petición de Común da Esquerda está a atopar o silencio como resposta, o mesmo que sucedeu coas reclamacións de reapertura da comisión antes formuladas polo PSdeG e polo BNG. Non en van, o pasado febreiro de 2019 o Grupo Socialista dirixíase formalmente ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, para advertilo de que a comisión estaba paralizada "sen explicación ningunha". Por este motivo, instábano a exercer as súas competencias regulamentarias e "impulsar a conclusión dos traballos" segundo o estipulado ao inicio da actual lexislatura, á que lle queda, como moito, apenas medio ano de percorrido parlamentario real.
O Banco de España vén de certificar a perda de 9.000 millóns de euros no rescate de Novacaixagalicia, entidade resultante da fusión
Case un ano antes, en abril de 2018, tamén o BNG tentou sen éxito reactivar a investigación. Sinalaban daquela que a comisión apenas celebrara "catro xuntanzas" dende a súa reapertura en xaneiro de 2017. Este feito, advertía a formación que lidera Ana Pontón, alarmábaos dados os "precedentes de paralización abusiva e arbitraria dos traballos", polo que urxía incorporar nova documentación, concluír as pescudas, elaborar o ditame e aprobalo en pleno. Nada diso sucedeu polo momento.
Mentres a parálise da investigación continúa e se aproxima á fin dunha nova lexislatura sen rematar, a información sobre o acontecido nas antigas grandes caixas galegas continúa a fluír, aos poucos, por outras canles. Así, por exemplo, o pasado novembro de 2019 o Banco de España certificaba a perda de 9.000 millóns de euros no rescate de Novacaixagalicia e algúns dos ex-directivos xa entraron e saíron do cárcere ou continúan inmersos en procesos xudiciais.