Algo máis de 9.000 millóns de euros. É a factura -máis ou menos- definitiva, para as arcas públicas na súa práctica totalidade, do rescate de Novacaixagalicia, a entidade resultante da fusión de Caixa Galicia e Caixanova. A mesma que, segundo os xestores das desaparecidas grandes caixas galegas ía ser viable. A mesma que, atendendo ao asegurado pola Xunta baseándose nunha "auditoría" da consultora KPMG que non era tal, ía estar gañando cartos apenas media década -2.671 millóns de 2010 a 2015, dicía- despois dunha unión que precisaría 1.200 millóns de euros en axudas que, non obstante, a entidade fusionada podería devolver, auguraban aqueles optimistas prognósticos.
De 10.350 millóns de euros inxectados para rescatar a entidade resultante da fusión de Caixa Galicia e Caixanova apenas foron recuperados 1.000 e o Banco de España xa dá o resto por perdidos
O Banco de España vén de actualizar, como vén facendo dende 2013, os seus cálculos sobre o custo real do rescate financeiro. Faino a partir dos datos fornecidos polo Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), o organismo creado polo Estado para canalizar os rescates e polo Fondo de Garantía de Depósitos (FGDEC), a entidade participada polo Estado e os bancos para actuar en caso de quebra das entidades e que está financiada polas propias entidades, aínda que tamén tivo intervención estatal na crise. No caso das caixas galegas, o FGD interveu durante a crise das participacións preferentes.
No caso da fracasada fusión das entidades galegas, convertida en Novagalicia Banco antes da súa venda ao venezolano Banesco, o resultado é que de 10.350 millóns de euros inxectados, 9.404 do estatal FROB, apenas foron recuperados 1.000. Un buraco total superior aos 9.200 millóns de euros que aínda medra un chisco máis tendo en conta na suma ao Banco Gallego, que estaba controlado por Caixanova e despois por NCG, e que acabou sendo rescatado con 245 millóns de euros e adxudicado ao Banco Sabadell pola cantidade simbólica dun euro.
Como explica o propio Banco de España, o diñeiro recuperado procede esencialmente da venda das entidades que foron rescatadas, nos casos nos que isto sucedeu. O rápido proceso de poxa dos restos de Novagalicia Banco acabou coa súa venda a Banesco, que transformou a entidade en Abanca. A empresa sudamericana logrou a compra por pouco máis de 1.000 millóns.
Os apenas 1.000 millóns recuperados proceden da venda de Novagalicia Banco ao venezolano Banesco, que tras transformar a entidade en Abanca está a lograr beneficios dende o primeiro ano
A estas cantidades recuperadas sumáronse uns 70 millóns que diversos empresarios galegos achegaran a Novagalicia Banco, os cales despois dixeron sentirse estafados e litigaron nos tribunais para tentar recuperalos. En total, 783 millóns retornaron ao FROB e 290 ao FGD. Polo camiño quedaron 8.621 millóns de euros públicos do FROB que xa foron dados por perdidos e outros 656 do FGD que teñen idéntica consideración.
Mentres, tras a súa posta en marcha como nova entidade, Abanca está a lograr uns moi bos resultados financeiros. No seu primeiro ano xa gañou máis do que o Estado pediu a Banesco para quedar con Novagalicia Banco e a súa conta de resultados segue sendo moi positiva. No terceiro trimestre de 2019 o seu beneficio neto foi de 401,9 millóns de euros mentres segue a impulsar a súa actividade con operacións como a compra da rede do Deutsche Bank en Portugal en 2018 e, neste 2019, a adquisición do Banco Caixa Geral, a rede española da Caixa Geral de Depósitos de Portugal.
Dous anos e medio coa investigación parada no Parlamento
Mentres o Banco de España -que no seu informe oficial sobre o rescate despachou a fusión galega en apenas dúas páxinas de 250 sen sinalar culpabilidade ningunha- segue a actualizar os datos do diñeiro perdido na desaparecida Novacaixagalicia e no conxunto do rescate, no Parlamento de Galicia a comisión de investigación sobre a fusión de Caixa Galicia e Caixanova acumula dous anos e medio de parálise total. Son máis de seis dende que abriu por primeira vez.
Máis de seis anos despois de que a comisión de investigación das caixas abrise por primeira vez, as reclamacións da oposición para retomala e redactar as súas conclusións seguen a ser ignoradas
Tras mantela bloqueada dende antes das eleccións europeas de 2014 e ata despois das eleccións galegas de 2016 -"para arrefriar o debate", xustificaran posteriormente-, o PP galego accedeu a reabrir a investigación política sobre as caixas en 2017 coa intención declarada de procurar un peche rápido, sen aceptar novas comparecencias e apenas admitindo algunha documentación nova, como a sentenza que levou ao cárcere a algúns dos ex-directivos. Dende aquela, a comisión apenas moveu uns poucos papeis e todas as reclamacións da oposición para retomar os traballos, incorporar máis comparecentes e redactar as conclusións foron ignorados polo grupo maioritario da Cámara galega.
En total, máis de 65.000 millóns perdidos e cun ollo en Bankia
Alén das entidades galegas, o que o na altura ministro de Economía, Luis de Guindos, definira como un "préstamo" no que "as concidións se van impoñer aos bancos e non á sociedade española" e que, segundo Mariano Rajoy, as entidades rescatadas ían ter que "devolver no seu momento", deixa tras de si un buraco superior aos 65.000 millóns de euros. Eses son os últimos cálculos do Banco de España, uns 1.300 millóns máis que nas anteriores estimacións.
Dese diñeiro que xa se dá por perdido, 42.642 millóns saíron do FROB, cálculo que é realizado dando por suposto que Bankia será privatizada e que da súa venda o Estado podería lograr 9.560 millóns de euros. Se isto non sucedese ou o diñeiro da venda fose menos, a factura subiría aínda máis. Polo momento, o efectivamente recuperado son 5.225 millóns de euros dos case 80.000 achegados ás entidades rescatadas.
Polo momento, o recuperado apenas supera os 5.000 millóns dos case 80.000 inxectados; o Banco de España agrega ao seu cálculo os 9.500 que se prevén captar no caso de que Bankia sexa finalmente privatizada
Atendendo aos datos divulgados polo Banco de España, o rescate máis cuantioso e o que deixará nas arcas públicas un maior buraco mesmo no caso de que se produza a venda polo importe previsto foi precisamente o de Bankia, entidade nacida da fusión de Caja Madrid con outras de menor dimensión -Bancaja, Caja Canarias, Caja de Ávila, Caja Segovia, Caja RIoja e Caixa Laietana-. Aquela operación, liderada polo ex-ministro Rodrigo Rato, actualmente encarcerado, precisou 24.000 millóns de euros de axudas das que se dan por perdidos mías de 14.000, que poderían chegar ata 23.000 se a venda non sae segundo o estimado.
O seguinte maior rescate foi o de Catalunya Banc, a entidade resultante da bancarización da fusión de varias caixas catalás -Caixa Catalunya e as caixas de Manresa e Tarragona-. Fóranlle inxectados mías de 13.869 millóns de euros dos que foron recuperados algo menos de 1.200 coa súa venda ao BBVA, que gañou a poxa organizada polo FROB. A continuación sitúase o rescate da Caja de Ahorros del Mediterráneo, que supuxo un buraco aínda maior porque dos 12.474 millóns do rescate apenas retornaron 16. A cuarta maior inxección de diñeiro público e o cuarto maior buraco do rescate foi o das caixas galegas.