Abanca compra Deutsche Bank en Portugal. A entidade resultante da fusión restos das antigas caixas galegas anunciou este martes que resultou gañadora no proceso formal de venda da unidade de banca de particulares da marca xermana no país veciño, unha operación coa que, segundo di, "aumenta o seu negocio internacional e gaña presenza no segmento de banca persoal e privada". O custo da operación non foi desvelada por ningunha das dúas partes.
Abanca faise cun negocio que inclúe 41 oficinas nas principais cidades portuguesas e 50.000 clientes
Abanca e Deutsche Bank "manterán no futuro colaboración comercial en Portugal" tras unha compra que permite á entidade con base en Galicia unha mellora do 5% da marxe de intereses e aumentar un 20% os ingresos por comisións. Deste xeito, o banco propiedade do grupo Banesco merca un negocio composto por 41 oficinas comerciais distribuídas polas principais cidades de Portugal, especialmente en Lisboa e Porto, entre elas catro centros de investimento e dúas oficinas de banca privada. Ten uns 50.000 clientes no país veciño.
Segundo destaca nun comunicado, Deutsche Bank PCC Portugal conta cunha carteira crediticia bruta de 2.400 millóns de euros, 1.000 millóns de euros en depósitos e 3.100 millóns de euros fóra de balance, cifras que elevan o seu volume de negocio aos 6.500 millóns de euros. O persoal que xestiona o negocio en Portugal está composto por 330 empregados e empregadas e 100 axentes externos.
Deutsche Bank en Portugal ten un volume de negocio de 6.500 millóns de euos e 330 empregados e 100 axentes externos
Abanca asegura que a operación forma parte da súa "estratexia internacional de crecer en mercados e segmentos complementarios co seu proxecto e que a oferta por Deutsche Bank en Portugal "responde a unha análise pormenorizada que evidencia a posibilidade de ampliar a área xeográfica de influencia e capacidade comercial" da entidade.
A adquisición asinada este martes permitirá a Abanca, segundo a propia entidade, "reforzar a súa presenza en Portugal", onde até o de agora só tiña catro oficinas, e "mellorar as súas capacidades en negocios estratéxicos para a entidade como banca persoal e privada". "Os 41 centros que pasarán a formar parte da rede de Abanca serán tamén un vehículo para potenciar en Portugal o modelo de negocio da entidade, especialmente en empresas e seguros", asegura.
A operación de compra rematará no primeiro semestre de 2019 e serve para "mellorar as capacidades en negocios estratéxicos como banca persoal e privada"
Deutsche Bank PCC Portugal empezou a operar no mercado portugués no ano 1978 como banco de particulares e o seu principal foco está en clientes de banca privada con poder adquisitivo medio-alto. O foco do seu negocio está no asesoramento a clientes de banca persoal e privada, cun modelo de negocio centrado na comercialización de produtos financeiros que o situou como líder do mercado portugués na distribución de fondos internacionais.
O seu enfoque comercial é claramente diferente da súa competencia en Portugal, segundo Abanca, que destaca que "é unha franquía moi valorada nos segmentos de banca persoal e privada".
En canto ao calendario da operación de compra, Abanca destaca que finalizará no primeiro semestre de 2019, unha vez recibidas todas as autorizacións e concluída a integración tecnolóxica. Con esta operación, a entidade espera "crecementos positivos nos próximos anos acompañados dunha recuperación do emprego". Con este movemento, a entidade do grupo Banesco aséntase no noroeste da Península Ibérica, conformando unha importante área de negocio ao ser a maior entidade de Galicia, colocarse entre a banca media na parte norte de Portugal e afianzarse como segunda en León ou Asturias.
Esta nova compra por parte de Abanca chega catro anos e medio despois da adquisición en poxa por parte de Banesco dos restos das antigas caixas por 1.000 millóns de euros. A entidade resultante deu hai un ano por pechado o período de transición e xa advertía do inicio da súa expansión e dunha etapa de crecemento a través de compras, como a que fixera xa da división de servizos financeiros do Banco Popular. Agora foi a vez da rede minorista do Deutsche Bank en Portugal.
Logo da fracasada fusión, as grandes entidades públicas galegas tornaron nun banco privado administrado por unha empresa venezolana, tras un rescate que deixou nas arcas públicas un burato de máis de 8.000 millóns de euros. A entidade bancaria do grupo que dirixe Juan Carlos Escotet acabou de pagar no febreiro de 2017 o que aínda debía ao FROB. Xa no seu primeiro ano de vida, gañou máis do que Banesco pagara polas antigas caixas galegas.