0 Gardados para despois

O venezolano Banesco queda cos restos das caixas galegas

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Documentos relacionados

Galicia consuma a morte do seu sistema financeiro. Novagalicia Banco será adxudicado polo FROB ao grupo venezolano Banesco, o que confirma o ruxe-ruxe que desde primeiras horas percorre o sector. Segundo ratifica o propio Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria, a oferta do xigante suramericano sitúase nos 1.003 millóns de euros, unha cifra que "ten en conta a venda das dúas carteiras de fallidos que se incluían no proceso" e que é bastante mellor que a de calquera dos outros cinco aspirantes, polo que "non foi necesaria" unha segunda volta para se facer cos restos das antigas caixas galegas e cunha entidade resultante da fusión que recibiu 9.000 millóns de euros en axudas públicas.

O Estado, xa que logo, reduce en pouco máis de 1.000 millóns a factura da entidade, que queda en algo máis de 8.000 que pasarán a engordar o déficit público logo dun proceso que empezou cunha polémica fusión de Caixa Galicia e Caixanova para a posterior caída, rescate e venda das entidades que xuntaban a inmensa maioría dos aforros dos galegos.

O FROB anunciara xa que adxudicaría a entidade galega directamente sempre que a mellor oferta tivese unha diferenza do 50% sobre a seguinte e que esta fose, polo menos, de 200 millóns de euros. Isto, explica, vén de ser cumprido por Banesco, grupo que xa é propietario do Banco Etcheverría -co que participou formalmente na poxa- e que está presidido por Juan Carlos Escotet, que advertira hai días que a súa intención era incrementar o crédito e manter os postos de traballo

Banesco gañoulle a carreira á principal favorita, CaixaBank, e que parecía ser tamén a favorita do Goberno central fronte ás preferencias da Xunta e da propia Novagalicia, que sempre se decantara por un fondo de investimento internacional que lle permitise manter a "galeguidade". Finalmente, o grupo venezolano apostou forte e quedou como a opción menos mala, tanto para Feijóo como para as antigas caixas. Nin a entidade catalá nin o Santander, outro dos favoritos,  nin tampouco BBVA, nin os fondos Guggenheim ou a alianza entre JCFlowers e Oak Tree. A sorpresa veu da man deste poderoso grupo da Venezuela. Todo malia que partía coa desvantaxe de non poder aproveitarse dos máis de 2.600 millóns en créditos fiscais, algo que si podían facer os tres grandes bancos españois.

Banesco faise con NCG Banco por 1.003 millóns de euros

Aínda que, en clave estatal, o feito de que os restos das antigas caixas vaian parar a Venezuela pode ser lido como unha vitoria política das teses de Feijóo fronte ás do ministro de Economía, Luis de Guindos, non é menos certo que a operación fai caer definitivamente a máxima da “galeguidade” do banco. Confírmase, polo tanto, o que xa avanzara o propio FROB a respecto da irrelevancia da Xunta no proceso no relativo ao carácter galego da entidade.

O pasado setembro, cando o organismo estatal ultimaba a poxa, o gabinete de Alberto Núñez Feijóo aseguraba que estaba a pular por que “os centros de decisión” de Novagalicia se mantivesen no país. Diante destas e outras declaracións semellantes, o director xeral do FROB, Antonio Carrascosa, advertía de que a “influencia” da Xunta na venda era, simplemente, nula.

O FROB xa advertira de que o Goberno galego carecía de "influencia" na venda e que se tiña que limitar a "opinar"

“Eu non falaría de influencia”, aclaraba, a preguntas da prensa tras unha conferencia en Madrid. “A Xunta -evidenciaba- pode ter a súa opinión” e mesmo “manifestala”, pero “quen ten que tomar a decisión sobre a venda é a comisión reitora do FROB”, como así aconteceu este mércores. Entre eloxios á posible chegada de “capital estranxeiro”, Carrascosa explicaba que, unha vez tomada a decisión final, “o mantemento do centro de decisión en Galicia depende de quen sexa o comprador”. No caso de que fose “unha entidade española”, esta tería “que valorar se lle resulta rendible e eficiente manter o 100%, o 50% ou o 25% de determinados servizos centrais en Galicia”, explicaba. Así as cousas Banesco resolverá o que queda en Galicia.

Banesco é o banco privado máis grande de Venezuela, froito de continuas absorcións, e conta cun balance que supera os 25.000 millóns de euros. Conta cuns 16.000 empregados e ten dous bancos nos EUA, así como filiais en varios países de Suramérica e Centroamérica. A sede do holding está en Madrid e céntrase na banca de cliente tipo medio e de pemes. 

As reaccións políticas

A venda de Novagalicia non tardou en correr polos corredores do Parlamento de Galicia, onde as reaccións da oposición non tardaron en chegar. Pola banda do PSdeG o seu voceiro, José Luis Méndez Romeu, avanza que o seu grupo reclamará unha comparecencia urxente de Feijóo no lexislativo galego e de De Guindos no Congreso para dar conta do sucedido. "Logo de cinco anos de goberno Feijóo conseguiu liquidar por completo o sistema financeiro galego e arrasar cunhas entidades con máis dun século de existencia", todo isto nunha operación "escura e precipitada" que está ateigada de "incógnitas". Para Méndez Romeu Galicia precisa "unha explicación plausible do que está a acontecer", a comezar por saber por que Banesco "parece ser a opción preferida do presidente da Xunta".

PSdeG, AGE e BNG pídenlle explicacións a Feijóo e dan por consumada a fin do sistema financeiro galego

A petición de explicacións chega tamén dende AGE. Para Xosé Manuel Beiras esta operación chega con "premeditación" e "aleivosía" e supón unha "traizón" que sería "motivo de dimisión dun goberno enteiro en calquera país normal. Novagalicia, subliña, estaba a ser "saneada, mellorando, ofrecendo beneficios" e canto máis se agardase para vendela maior prezo podería acadar. "Pero isto non lles interesa aos amigos da Xunta e de Rajoy", asegura, antes de censurar que Banesco poida levar practicamente "de balde unha entidade que representa case a metade do aforro galego". "Confío en que o castigo veña por parte dos aforradores e retiren os cartos cando se consume o espolio", afirma.

Pola banda do BNG Francisco Jorquera dá por consumado o "desmantelamento do sector financeiro do noso país" tras unha "auténtica malversación de fondos públicos", xa que a venda só permitirá recuperar "unha pequena parte do diñeiro público investido" ao que "hai que sumar créditos fiscais e descontos nos impostos dos que se beneficiará o comprador". Neste contexto, o voceiro do Bloque lembra a reclamación do portavoz nacional da organización, Xavier Vence, para que "actúe a Fiscalía Anticorrupción" e censura, ao tempo, que Bankia "permaneza no sector público e Novagalicia sexa vendida a un banco venezolano".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O final, tres anos despois da primeira proclama de "solvencia e galeguidade"

"Este non é o final dun proceso, senón o inicio dun proxecto". O 29 de novembro de 2010 o presidente da Xunta subiu ao escenario do Centro Galego de Arte Contemporánea para acompañar os máximos responsables de Caixa Galicia e Caixanova no que definiu como "un momento histórico". Alberto Núñez Feijóo daba por logradas as prometidísimas "solvencia e galeguidade" tras a sinatura da escritura da Caixa de Aforros de Galicia, Vigo, Ourense e Pontevedra, que pouco despois sería nomeada comercialmente como Novacaixagalicia. O documento fora asinado cunha estilográfica Mont Blanc gravada coa frase Fusión das caixas galegas. Santiago, 29/11/2010, que o presidente ordenou gardar nun lugar preferente.

Apenas un ano despois aquela fusión, que a Xunta avalou cunha auditoría que non era tal e escenificada tamén na residencia oficial de Monte Pío polo propio presidente e a daquela conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, Novacaixagalicia sufriu a súa bancarización. Nacía Novagalicia Banco e facíao cun futuro incerto, pendente das reformas que preparaba o gabinete de Mariano Rajoy e cambiando pouco despois de marca para operar fóra de Galicia como EVO, cuxa rede xa foi vendida o pasado setembro. Os meses seguinte as proclamas de "solvencia" xa ían sendo esquecidas: a entidade entraba en perdas e no verán de 2012 pedía 6.000 millóns de euros do rescate bancario. Pouco despois, en decembro, transferíalle máis de 5.000 millóns de euros de ladrillo tóxico ao banco malo.

A Xunta deu por feita a "solvencia e galeguidade" de Novacaixagalicia a finais de 2010

Fronte ao entusiasmo e papel protagonista nos primeiros compases da fusión, a Xunta e o seu presidente foron, paulatinamente, desaparecendo da escena do final das caixas. Nesta liña, na súa comparecencia na comisión parlamentaria que investigou todo o proceso Feijóo responsabilizou en exclusiva do sucedido aos antigos directivos, ao Banco de España e ao Goberno do PSOE. Ante a comisión Feijóo admitiu que unha unión comandada polos antigos dirixentes "non era a mellor opción" e asegurou que a "viabilidade do proxecto" ficou "truncada" polo "bandazo normativo sen precedentes en Europa que dá o Goberno central" presidido por Zapatero. "A fusión das caixas non foi a causa do problema", senón "a consecuencia da mala xestión das caixas e da pésima supervisión do Banco de España", afirmou.

Na mesma liña, este mesmo mércores, poucas horas antes de que se coñecese a adquisición por parte de Banesco, o xefe do Executivo aseguraba, en resposta ao PSdeG durante a sesión de control, que "a única creba da que podemos falar é a que deixaron vostedes nas dúas caixas", en referencia ao período do bipartito. Nesa resposta Feijóo amosábase "bastante tranquilo de que consigamos definitivamente" o mantemento de Novagalicia Banco como "entidade galega". "Espero que se o conseguimos, inicie o próximo período de sesións felicitando ao Goberno", retou ao socialista Méndez Romeu.