Hai agora seis anos, a mediados de xuño de 2013, chegaba ao Parlamento de Galicia un carriño con caixas de documentación enviadas pola Xunta. Eran algúns dos expedientes que ían manexar os membros da comisión de investigación sobre a fracasada fusión de Caixanova e Caixa Galicia, que os grupos da esquerda levaban anos reclamando e que o PP accedera a abrir unha vez celebradas as eleccións galegas de 2012, nas que revalidaran a maioría absoluta.
Aquela investigación comezou coa imposición aos deputados de gardar segredo sobre o contido de boa parte da documentación analizada, obriga que foi ficando diluída pouco despois e que, co paso dos anos, acabaría tornando en caricatura, cando copias dos documentos declarados como reservados acabaron sendo reutilizados como papel reciclado para tomar notas en diferentes dependencias parlamentarias. Cando, tras as primeiras comparecencias, o proceso collera certo vigor e relativa repercusión pública, o PP decidiu frealo. Así o fixo durante todo o ciclo electoral que comezou coas europeas de 2014 e rematou coas galegas de 2016. Fíxoo por "arrefriar o debate", segundo explicaron despois.
A comisión de investigación das caixas abriu en 2013 e o PP paralizouna de 2014 a 2017, cando accedeu a reabrila para volver freala pouco despois, hai agora dous anos
Tras ese arrefriamento e tras unha nova maioría absoluta os populares deron en acceder a reabrir a comisión a comezos de 2017, pero para procurar un peche rápido mediante unha elaboración áxil das conclusións. Esa procura da rapidez foi o motivo esgrimido polo PP para rexeitar todas as novas comparecencias que solicitaran En Marea, PSdeG e BNG, grupos que consideraban que, por mor dos anos transcorridos, había novidades -fundamentalmente xudiciais- que cumpría analizar. Os populares só accederon a incorporar algúns documentos novos -como a sentenza que levou ao cárcere a algúns dos ex-directivos-. Esa incorporación produciuse entre finais de xuño e comezos de xullo dese mesmo ano.
Dous anos despois da chegada desa nova documentación, o Parlamento apenas moveu uns cantos papeis vinculados á comisión de investigación das caixas. A maioría, relativos a peticións dos grupos da oposición para que se reactiven os seus traballos para poder chegar algún día ás agardadas conclusións.
O informe do millón de euros
Mentres a comisión parlamentaria galega estaba paralizada, as novidades sobre a creación de Novacaixagalicia e a súa posterior bancarización e rescate chegaron dende o Congreso dos Deputados, onde se desenvolvía unha investigación sobre o rescate bancario no conxunto do Estado, e sobre todo dende os tribunais de Xustiza. No Congreso, por exemplo, a consultora KPMG volveu evidenciar que o que a Xunta presentara como "auditoría" que "avalaba" a fusión realmente non era unha auditoría nin avalaba a fusión. No mesmo foro e tras pasar polo cárcere o ex-presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, accedera a pedir perdón polas preferentes.
O controvertido informe de KPMG sobre a fusión regresou ao debate político cando o deputado Antón Sánchez decidiu recorrer aos tribunais para esixir que a Xunta lle entregase documentos da operación
O controvertido informe de KPMG sobre a fusión, sufragado pola Xunta cun millón de euros, regresou tamén ao debate político a finais de 2018. Foi cando o deputado Antón Sánchez (En Marea) decidiu recorrer ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para tentar conseguir ata seis documentos da fusión que levaba reclamando por vía parlamentaria dende 2013 e que, afirmaba, a Xunta non lle entregara. Pedía, concretamente, a "carta de encargo da Xunta a KPMG", informes internos do Goberno en relación con ese encargo e coa propia viabilidade da fusión e actas das consellerías relativas á aprobación da fusión mesma.
Tras iniciar ese procedemento ante o TSXG, o Goberno galego revelou algúns dos papeis pendentes. Eses documentos serviron para saber, por exemplo, que a Consellería de Facenda contratou o informe de KPMG cando a consultora levaba vinte días elaborándoo ou que a Xunta aprobou sen facelo público o pago dun millón de euros polo documento no mesmo Consello do 30 de decembro de 2009 no que anunciara o novo decreto das linguas no ensino.
Aínda que a Xunta alega que xa entregou todos os papeis reclamados, o proceso segue adiante no Tribunal Superior mentres a oposición reclama sen éxito ao PP que reabra a investigación para rematar os seus traballos
A Xunta advertiu ao Tribunal a finais do pasado febreiro de que, dende o seu punto de vista, agora si xa "deu resposta" á "totalidade da petición efectuada" por Antón Sánchez, pero o deputado discrepa. Poucos días antes a Fiscalía apoiara a tese de Sánchez ao considerar que, efectivamente, o Goberno galego estaba a "lesionar" os seus dereitos como deputado ao non darlle toda a información que solicitaba.
Fontes parlamentarias e xurídicas consultadas por Praza.gal confirman que neste xuño de 2019 o proceso iniciado a instancias de Antón Sánchez segue en marcha no Tribunal Superior, toda vez que o deputado considera, ao contrario que a Xunta, que non é certo que lle achegasen todos os papeis que pediu. Mentres, os grupos da oposición volven pedir que a comisión se reactive.
O último en pedilo formalmente foi o PSdeG, o pasado febreiro, reiterándoo ademais nos últimos días. Antes tamén o fixera o BNG. Á lexislatura quédanlle, como moito, dous períodos de sesións parlamentarias antes de que se celebren novas eleccións galegas.