A negativa "reiterada e ata o momento inxustificada" a entregar varios documentos sobre a intervención da Xunta na fusión de Caixa Galicia e Caixanova "lesiona dereitos fundamentais" do deputado Antón Sánchez, vicevoceiro de En Marea no Parlamento. É a conclusión á que chega a Fiscalía a respecto do recurso interposto por Sánchez ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia tras levar cinco anos reclamando sen éxito estes papeis.
O fiscal considera que "non é xustificable" a "negativa reiterada e inxustificada" da Xunta a entregar os documentos sobre a fusión das caixas que reclama o vicevoceiro de En Marea e conclúe que "procede a estimación" da súa demanda
Durante esta media década, primeiro como parlamentario de AGE e despois de En Marea, Sánchez reclamou formalmente en varias ocasións que o Goberno galego lle entregase a carta de encargo que a Consellería de Facenda remitiu á consultora KPMG para especificar que tarefas concretas lle encomendaba no seu informe sobre a fusión despois fracasada, polo que pagou un millón de euros. Tamén os "informes técnicos da Consellería de Facenda incluídos no expediente da fusión das caixas". En total, seis documentos que estiveron sobre a mesa do Consello da Xunta o 18 de novembro de 2010, que autorizou a fusión.
Segundo o escrito dirixido o pasado 7 de febreiro polo Fiscal á sala do TSXG que examina o recurso de Sánchez, o deputado fixo uso do artigo 9 do Regulamento do Parlamento -o que faculta os deputados a pedir documentación á Xunta- ata en tres ocasións en 2018 (antes pedírao por outras vías). Tres peticións "idénticas" que a Xunta non atendeu, pero ás que tampouco respondeu explicando motivos amparados pola lei para non entregar a documentación, como marca a normativa parlamentaria.
Antón Sánchez: "O Goberno de Feijóo negou reiteradamente sen xustificación o acceso a información clave no proceso de fusión das caixas"
O fiscal parte de que é "indubidable" que o deputado pode exercer os dereitos que lle atribúe o Regulamento do Parlamento e tamén a propia Constitución e por iso "non é xustificable o silencio" da Xunta por "supoñer unha negativa reiterada e ata o momento inxustificada" a "entregar os informes e documentos solicitados". "Con isto cercena o dereito da información dos parlamentarios no exercicio da súa función representativa", afirma. Por iso, concnlúe, "procede a estimación" do escrito de demanda formulado por Antón Sánchez.
Deste xeito segue o seu curso no Tribunal Superior tras un escrito da Fiscalía que o vicevoceiro de En Marea acolle con satisfacción. "A Fiscalía danos a razón neste momento procesual e ve a vulneración dos dereitos" que el mesmo denunciou. "O Goberno de Feijóo negou reiteradamente sen xustificación o acceso a información clave no proceso de fusión das caixas" e el pídea porque "é fundamental coñecer o papel" do Goberno galego "nunha fusión alentada polo Goberno de Feijóo" que supuxo, lembra, un rescate de 9.000 millóns de euros dos que apenas 1.000 foron recuperados.
A documentación que Sánchez si logrou obter nestes anos xa deu lugar a controvertidas revelacións. Por exemplo, que a Xunta contratou o informe de KPMG sobre a fusión cando a consultora levaba 20 días a facelo ou que ese traballo ía ser inicialmente pagado por Caixanova e Caixa Galicia, pero as "discrepancias" entre elas provocaron que acabase sendo sufragado con fondos públicos. A Xunta defendeu durante anos que aquel informe era unha "auditoría", pero non era tal.