O 20 de xaneiro de 2010 a daquela conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, presentou no nome da Xunta un resumo do que, asegurou, era a "auditoría externa encargada pola Xunta de Galicia" á consultora KPMG, documento que "avala a solvencia da fusión" de Caixanova e Caixa Galicia. Dende hai máis de media década é sabido que, realmente, KPMG nin elaborou unha auditoría nin avalou a fusión. Agora é posible afirmar, ademais, que cando o Goberno galego aceptou as condicións dese informe e o contratou formalmente, a consultora xa levaba vinte días a facelo.
O 29 de decembro de 2009 a Xunta emitiu a memoria na que xustificaba a necesidade do contrato con KPMG ao que dera o visto e prace o día 22 e que consistía nos traballos que a consultora estaba a facer dende o día 3
Media década, precisamente, é o que levaba esperando o actual vicevoceiro de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, para que a Xunta lle entregase varios documentos no marco da comisión de investigación sobre a fracasada fusión das caixas, tales como a carta de encargo da Consellería de Facenda a KPMG. Isto é, as tarefas concretas que o Goberno galego contratou á consultora. Diante da negativa a atender a petición polas canles parlamentarias Sánchez decidiu acudir ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e Facenda deu en lle entregar a través da Cámara parte dos papeis polos que espera dende 2013.
Aínda que a Xunta non achega ao deputado toda a documentación que pediu si lle remitiu unha copia da Memoria da necesidade de contratación externa para a elaboración de senllas due diligences nas caixas de aforro galegas, isto é, o documento co que o 29 de decembro de 2009 a Consellería de Facenda deu o seu visto e prace á contratación do informe de KPMG sobre a fusión por un importe de ata 1,03 millóns de euros. Esa documentación e os seus anexos certifican que cando a Xunta contratou o servizo, KPMG xa levaba case un mes a prestalo.
Diante da negativa a achegar a documentación polas canles parlamentarias, Antón Sánchez (En Marea) acudiu ao Tribunal Superior e a Consellería envioulle parte dos papeis
Segundo a documentación á que tivo acceso Praza.gal, unha semana antes de que a Xunta aprobase a devandita memoria, o 22 de decembro de 2009, KPMG escribiu á Consellería para formular a súa "carta de encargo e proposta de servizos profesionais" no "diagnóstico preliminar de viabilidade da fusión de Caixa Galicia e Caixanova". Esa carta veu substituír a outra datada no 14 de decembro e "abrangue todo o traballo realizado dende o día 3 de decembro por KPMG". A consultora especifica, ao tempo, que o 9 de decembro xa realizara ante a Xunta unha "presentación" sobre os traballos a facer.
Mostra de que no momento do contrato o estudo xa estaba en marcha é que KPMG expón un "calendario" dun só día de duración para elaborar os informes sobre a fusión -estudos en todo caso "preliminares" que a consultora nunca denomina como "auditoría"-. Así o 22 de decembro KPMG sinalou por escrito á Xunta que "cremos poder estar en situación de presentar un bosquexo avanzado da análise de viabilidade da fusión (....) o 23 de decembro de 2009". É dicir, ao día seguinte.
A Xunta alude á "emerxencia" do momento e á inexistencia doutras empresas que cumprisen os requisitos para contratar directamente o informe dun millón de euros con KPMG
Aquel mesmo 22 de decembro a Consellería de Facenda asinou as condicións propostas por KPMG e unha semana despois, o día 29, formalizou a memoria para dar soporte á "necesidade" desta contratación. Nesa memoria, á que tamén tivo acceso Praza.gal, Facenda explica que a "posibilidade" de elaborar estes informes "preliminares" foi "comunicada e aceptada polos directores xerais das dúas entidades o 2 de decembro de 2009".
Detalla ademais que KPMG foi a empresa elixida por mor da "inexistencia doutras entidades a quen poder encargar o traballo" que non tivesen relación previa coas caixas, "xa que non cumprían o requisito de recoñecemento do Banco de España e carecían de experiencia en procesos deste tipo". A memoria admite, adicionalmente, que o "encargo" foi realizado "con data 22 de decembro de 2009", vinte días despois do inicio dos traballos e encádrao nun contexto de "urxencia" e mesmo "emerxencia" que fixo imposible "a tramitación dun expediente de contratación ao abeiro" da lei de contratos. Defende deste xeito a adxudicación directa do contrato dun millón de euros a KPMG, sen abrir un proceso no que examinar outras ofertas.
Antón Sánchez: "Neste proceso chafalleiro o que fixo a Xunta foi actuar e despois, tentar vestir o santo"
Unha vez examinada a documentación o deputado Antón Sánchez ve constatado que "dentro deste proceso chafalleiro, o que fixo a Xunta foi actuar e despois, tentar vestir o santo". Alén de confirmar que segue adiante co proceso xudicial por non obter todos os papeis que pediu, Sánchez considera referendado que o Goberno galego nin sequera decidiu "que aspectos se estudaban" sobre a fusión, senón que "foi a propia consultora" a que o fixo. Na súa memoria do 29 de decembro, resalta, a Consellería "reproduce literalmente" os "aspectos a estudar" propostos sete días antes por KPMG, empresa contratada "sen tramitar un expediente ao abeiro da lei de contratos do sector público" e "sen fiscalización previa", critica.
Esta reclamación de documentación por parte de Sánchez ten como pano de fondo a paralizada comisión de investigación sobre a fracasada fusión das caixas, que leva un ano sen mover un só papel. A intención coa que naceu este órgano parlamentario era, inicialmente, pescudar o acontecido en torno á unión das entidades que acabaron formando Novacaixagalicia, entidade inmediatamente despois rescatada con 9.000 millóns de diñeiro público dos que foron recuperados apenas 1.000.