En Marea leva a Xunta aos tribunais por evitar revelar papeis da fusión das caixas dende 2013

Antón Sánchez, vicevoceiro de En Marea no Parlamento, anunciando or recurso ante o TSXG CC-BY-SA En Marea

A comisión de investigación sobre a fusión das desaparecidas Caixa Galicia e Caixanova abriu por primeira vez en xuño de 2013. A pasada lexislatura finalizou sen que a comisión rematase os seus traballos -o PP freáraos para "arrefriar o debate", argumentara despois- e, tras eleccións galegas de 2016, volveu abrir. En marzo de 2017 quedou constituído o relatorio da comisión, órgano encargado de redactar as súas conclusións e dende aquela non sucedeu moito máis. A investigación leva máis dun ano paralizada a efectos prácticos e na comisión non se moveu un só documento dende o pasado 18 de abril, cando o BNG solicitou formalmente -sen éxito- que este órgano se reunise. 

A comisión de investigación das caixas leva máis dun ano ano paralizada

Durante a media década que xa transcorreu dende a primeira apertura da comisión de investigación os grupos da oposición manexaron abondosa documentación, pero algúns papeis nunca chegaron malia seren solicitados. É o caso da carta de encargo da Consellería de Facenda á auditora KPMG, isto é, as tarefas que o Goberno galego solicitou á consultora que elaborou un informe sobre a fusión, presentado pola Xunta como unha auditoría que avalaba a operación aínda que non era tal. Outro, "os informes técnicos da Consellería de Facenda incluídos no expediente da fusión das caixas".

Primeira páxina do informe sobre a fusión remitido por KPMG á Xunta nos primeiros días de 2010

Ambos documentos pediunos en diversas ocasións o deputado Antón Sánchez, primeiro como membro do grupo parlamentario de AGE e despois, como vicevoceiro de En Marea. Fíxoo no seo da comisión e tamén empregando a fórmula parlamentaria -o artigo 9 do Regulamento- que obriga a Xunta a facilitar aos deputados a documentación que solicitan no prazo dun mes ou, en caso de non facelo, argumentar xuridicamente as razóns para non achegar os papeis reclamados. A última vez que o tentou foi, cun escrito dirixido á Presidencia, o pasado 20 de setembro. E ao non logralo tampouco, decidiu levar a Xunta aos tribunais.

O deputado Antón Sánchez reclama dende hai cinco anos unha copia da "carta de encargo" da Consellería de Facenda á consultora KPMG e mais "os informes técnicos" que a Xunta achegase no proceso de fusión; ao non obtelos, vén de recorrer ante o Tribunal Superior

Sánchez confirmou este venres a interposición dun recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por "vulneración dos meus dereitos como deputado" ante a "negativa da Xunta a entregarme a información solicutada en reiteradas ocasións sobre a fusión das caixas". En "ningunha das ocasións que solicitei" os informes, resalta Sánchez, "a Xunta nin ofreceu ditos documentos nin xustificou a negativa malia ser a súa obriga", o cal interpreta como "gravísimo", xa que "ocultan" información "non só aos deputados e deputadas, senón á cidadanía". Trátase, agrega, de coñecer o papel da Xunta nunha fusión que o propio Goberno galego alentou, que desembocou no rescate da quebrada Novacaixagalicia por 9.000 millóns de euros públicos e despois, nun "negocio" coa privatización e venda da entidade.

Comunicados da Xunta en 2009 e 2010 sobre a suposta "auditoría" que "avalaba" a fusión

"Ante a ocultación e a mordaza, vémonos obrigados a acudir á Xustiza", conclúe o vicevoceiro de En Marea. Será agora o TSXG o que teña que pronunciarse sobre unha comisión que continuou paralizada mentres avanzaba no Congreso a investigación que aborda o rescate do sistema financeiro. Alí un dos responsables de KPMG, Francesc Gibert, reiterou como xa fixera no Parlamento galego que a súa empresa "en ningún caso" elaborou unha "auditoría" que avalase a fusión das caixas, como afirmou a Xunta. Tras as verbas de Gibert o presidente da Xunta negou que "mentise", como o acusaba a oposición, e o remate culminara con Alberto Núñez Feijóo a reclamar a dimisión do voceiro de En Marea, Luís Villares, e mais da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.