O segredo dilúese na devaluada investigación das caixas

Feijóo, con Méndez e Gayoso en novembro de 2009 © Conchi Paz

Vinte e catro de novembro de 2009. Alberto Núñez Feijóo leva apenas sete meses na Presidencia da Xunta e convoca na área de Goberno do Parlamento ao director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, e ao presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso. "Acabamos de pór os datos enriba da mesa como consecuencia do estudo concienzudo que viñemos facendo. E fixemos unha invitación formal ás caixas, que queremos facer pública, para que se estude con rigor, con responsabilidade e, sobre todo, con obxectividade". "Volve tocar evolucionar. As caixas están chamadas a adaptarse aos novos tempos. Do mesmo xeito que cinco ou seis caixas galegas deron lugar a dúas, agora, unha vez mais, a situación económica e financeira volve chamar á toma de decisións", apelaba o presidente. Era unha das primeiras escenificacións do apoio da Xunta á fusión das caixas.

Poucos meses despois, en xaneiro, a daquela conselleira de Facenda e actual secretaria de Estado de Orzamentos, Marta Fernández Currás, convocaba a prensa na sala de prensa de San Caetano para, sen o presidente, presentar os resultados da "auditoría externa encargada pola Xunta de Galicia a KPMG" sobre a posible unión. O estudo "independente" avalaba "a solvencia da fusión das caixas galegas", porque "a unión de Caixa Galicia e Caixanova é solvente", "garante a galeguidade" e "está avalada tecnicamente". As "proxeccións da auditoria", indicaba a Xunta, "indican que a entidade fusionada disporía no ano 2015 dunha rendibilidade e eficiencia altas". O 11 de maio Feijóo aparecía en Monte Pío flanqueado polos máximos dirixentes das dúas caixas para certificar que a fusión botaba a andar.

A auditoría, filtrada á prensa, non avalaba a fusión "paritaria" que defendeu a Xunta apoiándose nela

Os documentos nos que o Goberno galego apoiaba naqueles días a súa aposta pola fusión están agora pechados na Sala do Estatuto, no Parlamento de Galicia, trasladados ata alí para seren abordados no marco da comisión de investigación sobre as malogradas caixas. Entre eles figura a devandita auditoría de KPMG, incluída entre os papeis que a comisión declarou secretos cos votos en solitario do PP. Esta declaración de reserva non impediu, no entanto, que o documento saíse á luz este mércores a través dunha información de Faro de Vigo. O traballo xornalístico revela, entre outros aspectos, que a auditoría non era tal, que non avalaba a fusión "paritaria" celebrada pola Xunta e que a empresa auditora propuña que Caixanova absorvese Caixa Galicia, que era máis grande pero que tamén acumulaba un lastre moito maior pola súa exposición ao ladrillo. A operación de unión implicaba, ademais, emitir máis de 300 millóns en preferentes.

AGE non se considera "obrigada" ao segredo

O segredo non comeza a ser diluído pola banda da prensa. Tras a declaración de reserva da documentación o voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, e vicevoceira do mesmo grupo, Yolanda Díaz, instaban o PP a "reconsiderar a decisión de considerar secreta a información remitida por parte da Xunta". En caso contrario, di Beiras, Alternativa non será "cómplice desta fraude", a comezar por non "considerarsae obrigados a respectar o segredo e, polo tanto, a manter o silencio sobre todo o que o grupo parlamentar descubra a través da información remitida ao Parlamento". "Non estamos dispostos a que nos convertan en servos", afirma, e por iso AGE anuncia que  "pasará a ter estatus de observador na comisión" no caso de que a reserva se manteña nos termos vixentes.

Alternativa pasará a ser "observadora" na comisión se o PP non levanta a reserva dos documentos

"Mentres non se poida acceder a toda a información" AGE reclama ademais que se paralice a comisión, comparecencias incluídas, xa que os grupos teñen apenas "dous días e medio" para consultar 30.000 folios antes do inicio dos traballos, que implica, precisamente, a comparecencia "dos directos que se beneficiaron das abusivas indemnizacións". Aínda a risco de seren "calumniados por parte dalgúns que dirán" que AGE só busca "montar barullo", Beiras sinala que a súa decisión é "seguir traballando", buscando "as claves do acontecido" nos documentos e revelándoo á cidadanía. Pero "no imos bailar ao son que marquen as oligarquías" e por iso, abonda Yolanda Díaz, mesmo valoran a posiblidade de recorrer á Xustiza, xa que a Constitución garante "que os cargos públicos poidan desenvolver o seu traballo nunhas mínimas condicións".

Tamén o BNG reiteraba este mércores, a través da súa deputada Carme Adán, a súa oposición, "dende o principio, ao carácter reservado da documentación". "Agora que xa levamos analizada gran parte non entendemos que sexa reservada", a non ser por que o PP "claramente tenta obstaculizar esa investigación", tanto coa declaración de reserva como coas "comparecencias dos máximos responsables da fusión" concentradas no mesmo día". Neste contexto "seguimos demandando claridade" e por iso o Bloque "traballará ao máximo para que a poboación coñeza a realidade do que ocorreu nas caixas, por que se emitiron preferentes e por que houbo indemnizacións millonarias", di.

Currás presenta o informe, en xaneiro de 2010 © Conchi Paz
Beiras e Díaz, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.