Os 8.000 millóns de euros públicos perdidos no rescate das caixas galegas

Oficina de Novagalicia Banco na Coruña © NGB

Un total de 8.269 millóns de euros. É o que o Estado dá por perdido no rescate das antigas Caixanova e Caixa Galicia e no saneamento financeiro do que despois foi Novagalicia Banco ata a súa venda, a finais de 2013. O trienio que comezou con imaxes de celebración para solemnizar a unión das grandes entidades financeiras do país derivou, en pouco tempo, en sucesivas achegas de fondos públicos a través do Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria (FROB) que chegaron a sumar 9.052 millóns de euros dos que só regresou ás arcas públicas apenas do 9% do inxectado.

O Banco de España vén de ofrecer un novo balance das "axudas públicas no proceso de reestruturación do sistema bancario español" dende 2009 ata a actualidade. Foron, para todo o Estado, algo máis de 50.000 millóns de euros dos que foron recuperados algo menos de 2.700. No caso galego as achegas públicas comezaron en xuño de 2010, cando na súa primeira vaga o FROB subscribiu 1.162 millóns de euros en participacións preferentes. Aquela foi politicamente presentada como a principal achega pública para a unión das vellas caixas e o nacemento de Novacaixagalicia. 

Novagalicia Banco recibiu 9.052 millóns de euros públicos antes de ser vendido por pouco máis de 1.000

No entanto, pronto chegarían novas necesidades. En setembro de 2011 o FROB intervén de vez os restos das caixas tornando en máximo accionista do que pouco despois sería Novagalicia Banco. A inxección foi de 2.465 millóns de euros que se engadían aos 1.162 iniciais, subscritos inicialmente como preferentes pero convertidos en capital ao ano seguinte, en decembro de 2012. No entanto, aínda restaba a achega máis substanciosa: o deteriorado banco recibiu 5.425 millóns de euros do rescate da UE á banca española que o Goberno de Mariano Rajoy aceptara medio ano antes para evitar a quebra de boa parte do sector.

Foi así como se conformou a devandita suma de 9.052 millóns de euros. Practicamente a continuación o Goberno de España iniciou os movementos para lanzar unha apresurada poxa do que foran as caixas galegas. O proceso resolveuse a finais de 2013, cando o grupo venezolano Banesco se impuxo no proceso poñendo sobre a mesa apenas 1.000 millóns de euros para crear o que agora é Abanca. Daqueles, 712 millóns foron ao FROB, isto é, retornaron ás arcas públicas, e 290 inseríronse no Fondo de Garantía de Depósitos, a reserva que cobre posibles perdas de cartos gardados nos bancos. Aos 712 millóns que volveron ao erario sumáronse os 71 millóns de euros de accións do banco colocados a diversos empresarios galegos, varios dos cales dixeron sentirse estafados e procederon a litigar nos tribunais para tentar recuperalos.

O mal negocio do rescate ás caixas galegas non foi, con todo, o peor dos realizados polo Estado na asistencia financeira aos bancos. Sempre segundo o informe do Banco de España, o rescate de maior contía foi o de Bankia, a antiga Caja Madrid e as súas entidades fusionadas, que superou os 22.400 millóns de euros. A continuación estivo Catalunya Banc, con máis de 12.000 millóns de euros.

Feijóo celebra a fusión cos directivos, en maio de 2010 © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.