0 Gardados para despois

A empresa que estudou a fusión das caixas reitera que non existiu a "auditoría" esgrimida pola Xunta como aval á operación

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Nin "auditoría" nin "aval á solvencia da fusión das caixas galegas". Hai case media década, en xuño de 2013, a saída á luz do informe encargado pola Xunta á consultora KPMG para estudar a unión de Caixa Galicia e Caixanova deixou claro que os principais aspectos que o Goberno galego destacara sobre o documento non se correspondían coa realidade. O que o presidente Feijóo e a daquela conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, manexaban como suposta auditoría era realmente un "diagnóstico acelerado", un traballo pagado con case 1 millón de euros de fondos públicos no que se advertía de que as conclusións non eran "recomendacións sobre a conveniencia de levar a cabo ou non a fusión". Esa ausencia de aval á fusión e da auditoría mesma foi reiterada este martes por un dos coautores do informe no Congreso dos Deputados.

Un dos executivos de KPMG que elaboraron o traballo, Francesc Gibert, tivo que acudir á comisión que investiga o rescate bancario na Cámara Baixa e alí reiterou, a grandes trazos, o que xa bosquexara no Paralmento de Galicia hai cinco anos, na aínda inconclusa comisión de investigación sobre a desaparición das antigas grandes caixas. Os representantes dos grupos parlamentarios, moi especialmente as galegas Yolanda Díaz (En Marea) e Margarita Pérez Herráiz (PSOE) cuestionárono sobre se a "presunta auditoría" era tal, en verbas de Díaz, ou sobre se efectivamente houbo algún tipo de "aval" á fusión por parte da consultora. O responsable de KPMG evitou confrontar abertamente a realidade coas palabras de Currás e Feijóo, pero si ofreceu unha versión dos feitos oposta á da Xunta.

Encabezamento do comunicado da Xunta sobre a presentación da suposta auditoría en xaneiro de 2010

"En ningún caso era unha auditoría", resalta o executivo de KPMG, quen insiste en que "o noso informe non recomendaba a fusión"

"O que se nos pediu -explicou á comisión- foi que fixesemos unha análise da fusión das dúas caixas galegas", que "nun mes puidesemos tentar anticipar o trazo gordo" do que podería ser un "traballo completo", que necesariamente duraría uns "catro ou seis meses". "Polo tanto, o noso informe era preliminar", un "diagnóstico acelerado" no que "non se nos pedía que analizásemos outras alternativas" á unión de Caixanova e Caixa Galicia e que "en ningún caso era unha auditoría de contas". "Xa tiñamos suficiente traballo como para cuestionar cousas que xa estaban feitas", agregou Gibert en referencia ás auditorías que cada entidade manexaba ligadas a cadansúas contas anuais.

Se ben a consultora prevía unha "segunda fase" do traballo, máis demorada, esta "non se fixo por parte de KPMG", e o gabinete de Feijóo recibiu un primeiro documento que "tampouco constituía unha recomendación" sobre "fusionar ou non fusionar" ambas caixas. "O noso informe era factual" e nel "diciamos: fixéronse uns traballos, obtivéronse uns resultados" que foron "comparados" cos doutras fusións. "Si é certo que no noso informe hai un momento onde recomendamos a asborción de Caixa Galicia por parte de Caixanova", admite, como xa fixera no Parlamento en 2013, pero "o noso informe non recomendaba a fusión", reitera, e ofrecía unhas previsións económicas ao respecto -que a entidade resultante podería ser rendible- os cales, ao seu xuízo, ficaron truncados pola propia crise e as mudanzas legais dos anos seguintes.

Francesc Gibert, coautor do informe de KPMG sobre a fusión, durante a súa comparecencia / Imaxes do sinal institucional fornecido polo Congreso

Como sucedera en 2013 no Parlamento, a intervención de Gibert non serviu para aclarar a contratación de KPMG por parte da Xunta, que investiu case 1 millón de euros no informe

O paso do executivo de KPMG polo Congreso serviu, daquela, para reafirmar que a suposta recomendación de fusión baseada nunha auditoría nunca existiu, pero non para aclarar o procedemento polo que a Xunta contratou a consultora para facer este traballo. "Cal foi o procemento de licitación? Non sabemos cal foi, semella o misterio mellor gardado do señor Feijóo", ironizou Yolanda Díaz.

Neste sentido, Gibert limitouse a reiterar que "recibimos unha chamada da conselleira de Facenda", Currás, para realizar o encargo, e "se nos pediu que por motivos prácticos, dirixísemos a proposta só á Xunta" e non tamén ás propias caixas. O prezo, confirma, foi de 835.000 euros máis IVE, "valor de mercado para un traballo deste tipo", asegura.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.