KPMG nin fixo unha auditoría nin avalou a fusión das caixas

Feijóo celebra a fusión cos directivos en maio de 2010. Entre eles, os agora detidos Gayoso (segundo pola esquerda) e Pego (primeiro pola dereita) © Xoán Crespo

"A auditoría externa encargada pola Xunta de Galicia a KPMG avala a solvencia da fusión das caixas galegas". Esta foi a afirmación que a Xunta difundiu con profusión dende o 20 de xaneiro de 2010, data na que a daquela conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, compareceu ante os medios para presentar a "auditoría" que o Goberno lle encargara á multinacional por máis dun millón de euros. Máis de tres anos despois do primeiro dos múltiples fastos auspiciados polo Executivo galego para bendicir a unión de Caixanova e Caixa Galicia é posible saber que o que realizou KMPG non era unha auditoría, senón un "diagnóstico acelerado da viabilidade da fusión" que non recomendaba -nin deixaba de recomendar- que as dúas entidades se convertesen nunha soa.

Esa documentación fóralle remitida pola empresa a Currás seis días antes da devandita rolda de prensa e baixo o epígrafe "privado e confidencial". Ese carácter reservado é o mesmo que a Xunta decidiu outorgarlle ao informe cando o entregou á comisión parlamentaria de investigación sobre as caixas, e o mesmo que Alternativa Galega de Esquerda (AGE) decidiu obviar porque, en verbas do seu voceiro, Xosé Manuel Beiras, a comisión tornou en "paripé" e "o primeiro que violou o segredo foi o propio presidente". Ademais, engade, o Parlamento non pode "estar sometido ao que considere a Asesoría Xurídica da Xunta", en cuxo "ditame" se apoia o Goberno para establecer o carácter reservado dos papeis.

AGE decidiu pasar por riba da reserva que pesa sobre o informe, no que KMPG "resalta" que as "conclusións non constitúen recomendacións sobre a conveniencia da fusión"

Nese "diagnóstico acelerado", ao que xa tivo acceso Praza Pública, KMPG inicia os seus apuntamentos advertindo de que "é importante resaltar que as nosas conclusións non constitúen recomendacións sobre a conveniencia de levar a cabo ou non a fusión". Desmóntase así polo tanto, de entrada, un dos argumentos chave da Xunta. Pouco despois, na páxina 3, os autores do estudo detallan as súas "fontes de información". Citan, entre outras, as "contas anuais" e os "informes de auditoría" das dúas caixas, "entrevistas persoais" co seu persoal, "informes da Xunta", "correspondencia co Banco de España" e "informes das axencias de rating". Neste punto a empresa expresa unha cautela que non é en absoluto menor: "KPMG non realizou contraste ningún sobre a información recibida de Caixa Galicia, Caixanova, a Xunta de Galicia e outra fontes". No seu diagnóstico "limítanse a transcribir" os datos e, "en ningún caso" están a "certificar a veracidade ou exactitude" dos mesmos.

Hipóteses de viabilidade

Partindo da base de que o traballo finalizou o 30 de decembro de 2009 e de que "poderían ocorrer feitos significativos con posterioridade" que mudasen o panorama, KPMG preséntalle á Xunta as súas estimacións, apoiadas, esencialmente, en "hipóteses" de proxeccións macroeconómicas ou de "ingresos e custos" que "alimentaron as proxeccións da entidade fusionada". Neste sentido, os propios autores do diagnóstico, Francisco Gibert e Carlos Trevijano, sinalaban este xoves ante a comisión de investigación que "asumimos como hipóteses as expectativas económicas de consenso, aliñadas con procesos semellantes aprobados polo Banco de España". Pero "o efecto do deterioro económico e da normativa regulatoria foi moi relevante" no escenario debuxado polo traballo, di Gibert. En todo caso, o informe estaba feito "á medida" das peticións da Xunta, que "levaban implícita a viabilidade" da unión. "Non estudamos outras opcións", sintetiza Trevijano, nun contexto no que eles propios ratifican que non elaboraron "unha auditoría".

O "diagnóstico acelerado" recomendaba que Caixanova realizase unha absorción de Caixa Galicia, pero a Xunta defendeu unha fusión "paritaria"

Esas hipóteses, unidas aos datos proporcionados polas propias caixas, deron lugar a unha proxección no que a entidade precisaría un total de 1.489 millóns de euros do FROB nun proceso que implicaría emitir 337 millóns de euros en preferentes. Se o plan de fusión non se cumpría, advertían xa daquela, o FROB podería converter esas preferentes en cotas participativas e tomar o "control" da entidade. O cumprimento do plan implicaba, entre outros aspectos, o peche do 20% da rede de oficinas (280 sucursais) e un "reparto de esforzos entre entidades, empregados e sector público" -non se ten en conta, por exemplo, que os preferentistas asuman quitas-. 

En calquera caso, estes eran os números dunha operación para a que KPMG tamén formulaba algunhas propostas que o Goberno galego e demais autoridades nunca asumiron. Así, fronte á repetidísima fusión "paritaria", a empresa autora do informe propuña abertamente "que a adquirente contable sexa Caixanova para minimizar cargas futuras na conta de resultados", isto é, que Caixanova protagonizase unha absorción de Caixa Galicia, o "máis favorable para o proceso" dada a peor saúde financeira da entidade do norte por, entre outras cousas, o seu maior lastre de exposición ao sector do ladrillo.

Trevijano e Gibert, responsables do informe, no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública
Fragmento da primeira páxina do informe © KPMG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.