0 Gardados para despois

A Xunta non deu á oposición a metade dos documentos que pediu no que vai de lexislatura

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O artigo 9 do Regulamento do Parlamento é o mecanismo do que os membros da Cámara galega dispoñen para reclamarlle á Xunta calquera documentación que estea no seu poder. As normas parlamentarias estipulan que nun "prazo non superior a trinta días" o Goberno galego ten a obriga de achegar os papeis requiridos ou, no seu defecto, "trasladar á persoa solicitante as razóns fundadas en dereito que o impidan". No tempo transcorrido da actual lexislatura, pouco máis dun ano, o Executivo que dirixe Alberto Núñez Feijóo respondeu algo menos da metade das 174 peticións de documentación formuladas por En Marea, PSdeG e BNG.

O lexislativo galego vén de facer pública a memoria de actividade parlamentaria correspondente ao primeiro período de sesións da lexislatura e, segundo este documento, de xaneiro a agosto deste ano o gabinete de Alberto Núñez Feijóo recibira 112 peticións de documentación da oposición, das que 52 xa foran respondidas e outras 60 seguían "en tramitación", o que implica que non atendera o 54% das peticións. Unha ollada aos datos de todo o tempo transcorrido dende a constitución do Parlamento da décima lexislatura o 21 de outubro de 2016, aos que tivo acceso Praza.gal, revela que a proporción é semellante: das devanditas 174 peticións de papeis, o Goberno respondeu 86, un 49%, mentres que mantén 88 a tramitarse.

Case tres de cada catro desas peticións de documentación pendentes transgreden xa o prazo de 30 días que fixa o Regulamento para que o Goberno achegue os papeis solicitados ou indique ao membro do Parlamento que os solicita as razóns legais que impiden amosalos. A día 27 deste mes de novembro, no que están datada a información á que accedeu este diario, só 24 desas solicitudes de documentación pendentes tiñan menos dun mes, mentres que as outras 64 estaban xa fóra do prazo regulamentario.

Como adoito, a práctica totalidade das peticións de documentación corresponden aos grupos da oposición. Non en van, o PP só formulou 5 no que vai de lexislatura e todas elas foron xa respondidas. Como en anteriores lexislaturas, o grupo da oposición que solicita un maior volume de documentación é o PSdeG: ata agora realizou 101 peticións de papeis á Xunta, das que algo máis da metade foron respondidas, un 52%, mentres que agarda por que sexan respondidas outras 48 peticións. 

Os grupos da oposición levan formuladas 174 peticións de documentación e o PP só 5, todas elas xa respondidas

O seguinte grupo con máis peticións de documentos é o BNG, que formulou 42, aínda que no seu caso a proporción de respostas é menor: polo momento, o Goberno non respondeu case o 70% das súas solicitudes, mentres que si atendeu 13 delas. No caso de En Marea, a formación pediu documentos ao Goberno nun total de 31 ocasións e o Goberno achegoullos en 20 delas, o que implica unha proporción de respostas do 65%. En termos relativos, daquela, o Bloque é o grupo máis prexudicado polas resistencias da Xunta a entregar os papeis que solicita a oposición.

Asuntos delicados sen resposta

A antigüidade das peticións de documentación que aínda están sen responder é dispar e, nalgúns casos, correspóndese con asuntos especialmente molestos para o Goberno. É o caso da solicitude que, datada en novembro de 2016, o PSdeG formulou para tentar conseguir os "estudos" que o Goberno puido chegar a manexar sobre un eventual traslado de ENCE fóra da ría de Pontevedra, promesa coa que Alberto Núñez Feijóo chegou ao poder. Tamén ten practicamente un ano a petición coa que a deputada Eva Solla, de En Marea, reclamou ao Goberno coñecer as listas de espera non estruturais do Sergas, isto é, as cifras de persoas a agardar que Sanidade non publica por non teren asignada unha data concreta para seren atendidas.

ENCE, listas de espera do Sergas ou datos sobre o galego no ensino son algúns dos documentos que a Xunta aínda non entregou

Facturas da empresa privada á que a Xunta lle leva prorrogando unha década o contrato dos barcos de Gardacostas ou datos de seguimento da aplicación do denominado decreto do plurilingüismo, ambas formuladas polo BNG, son outras das solicitudes que tamén acumulan varios meses a agardar por ser respondidas. O mesmo sucede, por exemplo, coa petición do Bloque sobre expedientes de sancións a compañías eléctricas que, segundo Feijóo, a Xunta xa interpuxo, ou co informe sobre pobreza infantil que o Goberno publicitou en 2014 e que En Marea reclamou o pasado xuño sen que, polo momento, existise resposta.

Os grupos da esquerda tamén agardan por papeis relativos á vaga de incendios de outubro ou sobre a AP-9

En xuño deste ano está datada tamén a solicitude na que o PSdeG pediu, polo momento sen obter resposta, as actas da comisión acordada pola Xunta e o Ministerio para supervisar a AP-9, creada para substituír a negada transferencia de competencias sobre a autoestrada. Do mesmo xeito, o Goberno resístese a revelar datos completos de incendios forestais, tal e como pediu o BNG, ou os detalles das chamadas que recibiu o 112, transcricións incluídas, durante os peores días da vaga de incendios de outubro, unha petición que formulou En Marea e que a Xunta, cando menos de momento, non atendeu.

Aínda que o Regulamento do Parlamento fixa ás claras o dereito dos deputados e deputadas a recibiren os documentos que pidan ao Goberno e a facelo, ademais, nun prazo concreto, ningún membro da Cámara ten a garantía de que isto vaia suceder antes de 2020, ano no que correspondería celebrar unhas novas eleccións. Así, por exemplo, a pasada lexislatura rematou sen que a Xunta respondese a case o 40% das peticións de documentación que formularan os grupos da oposición, que no anterior período estaba formada por PSdeG, AGE e BNG.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.