0 Gardados para despois

Xunta e Fomento substitúen a transferencia da AP-9 por unha comisión para supervisar a autoestrada

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Do bloqueo ao conxelador. O pasado outubro o Goberno de Mariano Rajoy, aínda en funcións, comezou a manobrar no Congreso dos Deputados para, baseándose nun cálculo erróneo, bloquear a transferencia da Autoestrada do Atlántico que o Parlamento de Galicia solicitara por unanimidade en marzo. Apenas dous meses e moitas declaracións despois o presidente da Xunta e o novo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, veñen de escenificar a renuncia práctica a ese traspaso ou, cando menos, o seu adiamento indefinido. A mudanza de titularidade do Goberno español ao galego pasa a ser substituída por unha comisión que, dende xaneiro, supervisará "conxuntamente" as "decisións" sobre a principal vía de comunicación terrestre do país.

En comparecencia conxunta no Pazo de Raxoi tras o seu primeiro encontro institucional De la Serna e Feijóo escenificaron a viraxe mediante un anuncio que o presidente da Xunta eleva á categoría de "acordo histórico". O ministro, di o xefe do Goberno galego, "é perfectamente consciente" de que "hai unha unanimidade política en Galicia en relación co traspaso". Neste contexto, Feijóo desliga esa reclamación do ámbito do autogoberno para asegurar que a demanda "obedece a uns problemas de xestión" que, con esta nova "comisión bilateral para compartir todas as decisións de xestión", ficarán solucionados.

Feijóo e o novo ministro atribúen a demanda da transferencia, acordada por unanimidade no Parlamento, a "problemas de xestión"

Nun sentido semellante, o novo ministro asegura que "a causa da petición desa transferencia" non é máis que "poder xestionar" a autoestrada "dunha forma distinta". A Xunta "entende que a xestión é mellorable e eu compártoo", di De la Serna, "hai cuestións que podemos mellorar e debemos facelo xuntos" e "dende a lealdade institucional". Deste xeito, esa "comisión bilateral da AP-9" servirá para "compartir aspectos da xestión" e "coordinarnos sobre o que haxa que facer e o que non haxa que facer". As competencias, en calquera caso, seguirán onde están, no Goberno de España.

Entre as primeiras cuestións que abordará esa nova comisión -que se superporá á comisión bilateral Galicia-Estado, xa existente- estará a que semella única decisión con resultado práctico para o futuro inmediato da autoestrada. O Ministerio de Fomento, titular da vía, será quen pague integramente dende 2017 as bonificacións de peaxes de Rande e da Barcala, ás que, lembra Feijóo, a Xunta viña achegando uns 6 millóns de euros cada ano. Ademais, a primeira xuntanza servirá para avaliar o estado das obras de ampliación que actualmente están en marcha.

E a reclamación das competencias, onde queda? "Seguiremos plantexando a transferencia da autoestrada e o Ministerio, no contexto da política nacional, seguirá valorando esa proposta", di Feijóo, quen aplaude que a recorrente demanda "desemboque" nunha "comisión bilateral permanente". 

A imposible chegada do AVE en 2018

Alén da autoestrada a primeira xuntanza de Feijóo e De la Serna serviu tamén para certificar o que xa era unha certeza técnica dende hai tempo: a liña de alta velocidade ferroviaria entre Galicia e Madrid non estará rematada en 2018. "Eu quero ser realista e trasladarlles o que realmente hai", di o ministro. E "o que hai" son "dificultades de execución" e "problemas administrativos" en varios dos treitos pendentes, nomeadamente nos 18 quilómetros anteriores á vila ourensá de Taboadela, a partir da que resta aínda outro treito duns 17 quilómetros, ata Ourense, nos que aínda non foi movida unha soa pedra. No caso deste segundo treito ambas Administración xa asumen o artellamento dunha solución provisional.

De la Serna: "Non estou en condicións, sendo realistas e prudentes, de trasladar un prazo concreto"

Fronte ás certezas ofrecidas nas campañas electorais das dúas xerais do pasado ano e mesmo na das galegas do pasado setembro, De la Serna trae consigo un discurso ben distinto. "Non estou en condicións, sendo realistas e prudentes, de trasladar un prazo concreto". Será "no primeiro trimestre" do vindeiro ano cando Fomento, di, poida ofrecer "unha idea máis aproximada". Feijóo, pola súa banda, "agradece o realismo" do ministro, a quen aplaude que asuma "as prioridades" marcadas por Rajoy. Para o titular da Xunta a causa de que o prazo de 2018, incluído no seu programa electoral do 25S, non poida ser cumprido, é consecuencia do "bloqueo institucional" que impediu a formación do novo Goberno de España durante un ano.

Mencións ao traspaso da AP-9 e ao AVE no programa de Feijóo para o 25S

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

O ministro emenda o alcalde: De la Serna relativiza a investigación sobre Angrois

O pasado xullo o actual ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, aínda era alcalde de Santander. Poucos días despois do terceiro aniversario do accidente ferroviario que supuxo a morte de 80 persoas na parroquia compostelá de Angrois todos os grupos políticos da capital cántabra acordaban unha moción para dar "apoio expreso" á petición da Plataforma Víctimas Alvia 04155 a prol dunha "comisión de investigación parlamentaria" sobre o acontecido. Apenas medio ano despois De la Serna opta por relativizar a posible investigación.

O texto aprobado en Santander non deixaba lugar a dúbidas. Mentres, no Congreso dos Deputados o PP cualificaba esta petición de "absurda" e "miserable" o pleno santanderino sinalaba, por boca de De la Serna, que "á marxe das investigacións xudiciais" cumpría unha investigación política. "É necesario dar o noso apoio" aínda que "non poidamos reparar o dano inmenso", agregaba a moción, que pedía ademais unha nova investigación técnica realizada por "expertos independentes".

O novo titular de Fomento prevé recibir as vítimas do accidente do Alvia antes de que remate o ano

No entanto, na súa primeira visita a Galicia dende a súa toma de posesión o novo ministro evitou reafirmarse no votado hai poucos meses. A "prioridade absoluta" son "as familias" das vítimas, afirmou a preguntas da prensa, e por iso ten a "intención" de "manter un encontro con elas" antes de fin de ano para poder "atendelas". Se non se celebrou xa, afirma, foi pola "avalancha" de cuestións que tivo que afrontar nas últimas semanas. O último intento de reunión das vítimas en Fomento rematara con controversia, xa que nesa xornada Ana Pastor cesara no Ministerio para ocupar a Presidencia do Congreso e xa non acudiu á cita.

Alén desa xuntanza, a posición do ministro será de "máximo respecto" ao proceso xudicial en marcha, reaberto a instancias da Audiencia da Coruña, e de "máxima colaboración cos xuíces para que se poida resolver coa maior celeridade posible", di. Así as cousas, De la Serna non manifesta a negativa á investigación que apoiaba hai poucos meses, pero tampouco referenda o seu apoio á mesma. 

Villares insta a Feijóo a defender a lei galega e non exercer de "delegado" de Rajoy

A renuncia do presidente da Xunta a defender o cumprimento da lei aprobada pola unanimidade do Parlamento de Galicia a prol do traspaso da AP-9 é para o voceiro de En Marea, Luís Villares, un signo da "debilidade política de Feijóo a respecto de Rajoy". O presidente da Xunta, di Villares, ten a encomenda de "facer valer o acordo unánime" da Cámara galega pero, no entanto, ante o ministro de Fomento comportouse como unha "especie de delegado do Goberno" central en Galicia.

O titular da Xunta, a xuízo de Villares, debera "comportarse como un verdadeiro presidente de Galicia", polo que o sucedido este luns "di bastante pouco del" e moito "das explicacións que vai ter que dar á cidadanía. Feijóo, acusa, está avalando pola vía dos feitos "unha discriminación", xa que o Goberno de España si accedeu a transferir as competencias das autoestradas vascas e catalás.

O voceiro de En Marea lamenta a "debilidade política" do presidente para "facer valer o acordo unánime" do Parlamento galego

Alén da AP-9, Villares ve "superflua calquera cousa" que puidesen concluír Feijóo e De la Serna a respecto do AVE. O prazo de 2018 xa estaba desbotado, polo que "queremos que se conclúan as obras sen dilación e sen ningún tipo de escusa, sen máis atrasos dos xa acumulados historicamente. O actual Executivo galego, conclúe, polo momento non fai máis que "perpetuar unha débeda histórica".

Pontón lamenta que Feijóo "acepte o veto á transferencia" e "rompa a unidade das forzas políticas"

A "unidade política" reclamada polo presidente da Xunta en torno á transferencia da AP-9 vén de ser "rota" polo propio Alberto Núñez Feijóo. É a conclusión que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tira das xuntanza entre o titular do Goberno galego e o ministro de Fomento, na que Feijóo "aceptou o veto rompendo a unidade das forzas políticas e demostrando, de paso, o seu escaso peso político en Madrid".

Para a líder do BNG a comisión bilateral anunciada "non é máis ca unha maneira educada de dicirlle 'non' a Feijóo"

"Na práctica, o ministro de Fomento pechou a porta á transferencia dicindo o mesmo que leva dicindo o Goberno central nos últimos anos: que non está disposto a transferir a AP-9". A postra en marcha dunha comisión bilateral específica para os asuntos ligados á autoestrada, ironiza, non é máis ca "unha maneira educada de dicirlle 'non' a Feijóo".

"É sorprendente -considera a nacionalista- que en lugar de defender o acordo unánime do Parlamento" Feijóo dese en "aceptar de bo grao esta negativa" e lance ademais "unha cortina de fume que non imos aceptar". "É unha mágoa que non aproveitase para dicirlle ao ministro que non entendemos, dende Galiza, como pode haber millóns de euros para rescatar as ruinosas autoestradas radiais madrileñas" e ao tempo "non haxa un euro para unha AP-9 galega e libre de peaxes".