0 Gardados para despois

Vítimas de Angrois citadas con Pastor abandonan Fomento ao non acudir a xa ex-ministra

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Vítimas do accidente de tren de Santiago, do que o próximo domingo día 24 se cumpren tres anos e no que morreron 80 persoas e outras 144 resultaron feridas, abandonaron na tarde deste martes o Ministerio de Fomento logo de non poderse reunir coa xa ex-ministra Ana Pastor, coa que tiñan concertada unha cita. As vítimas criticaron fortemente o que consideran un “plantón” e un novo desprezo de Pastor que se produce logo de que o pasado día 7 a Axencia Ferroviaria Europea criticase a investigación realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) de Fomento por non ser independente e ter responsabilizado do sinistro só ao maquinista. O Ministerio de Fomento no quixo dar a súa versión dos feitos.

Os afectados critican o “plantón” logo de serlles ratificado o encontro e limítanse a entregarlles aos presidentes de Adif e Renfe un escrito coa súa reclamación dunha investigación independente do sinistro

Ao coñecerse o informe europeo crítico con Fomento, as vítimas solicitaron unha reunión coa ministra. Foron citadas a semana pasada para un encontro na tarde deste martes con Ana Pastor. Pero malia que desde esta mañá Pastor xa non é ministra, as vítimas aseguran que ninguén lles comunicou ningún cambio. Cando chegaron ao ministerio, quen recibiu aos tres representantes dos afectados foron o actual secretario de Estado de Infraestructuras e presidente de Renfe cando o sinistro, Julio Gómez-Pomar, e os presidentes de Adif e Renfe, Gonzalo Ferre e Pablo Vázquez. As vítimas, segundo o seu relato, limitáronse a amosarlles o seu malestar e a lerlles e entregarlles un escrito coas súas peticións antes de abandonar o ministerio.

As vítimas reclaman unha nova investigación técnica independente, unha investigación política parlamentaria e que Pastor lles pida perdón

As vítimas acudían ao encontro con tres grandes reclamacións: que se volva facer unha nova investigación técnica do accidente como pide a UE, que se cree unha comisión parlamentaria de investigación política no primeiro trimestre logo da formación dun novo Goberno e que a ex-ministra Pastor lles pida perdón por mentir dicindo que a CIAF era independente. Na primeira petición, as vítimas queren un equipo investigador formado por catro técnicos propostos pola Axencia Ferroviaria Europea, dous por Fomento e dous polas propias vítimas.

Desde esta mañá, coa publicación no Boletín Oficial del Estado da súa renuncia para asumir a presidencia do Congreso dos Deputados, Pastor xa non era ministra e o presidente Rajoy traspasara “o despacho ordinario dos asuntos” correspondentes a Fomento ao ministro do Interior, Rafael Catalá. Antes de chegar a Interior en setembro de 2014, Catalá era secretario de Estado de Infraestruturas e as vítimas tamén o critican pola súa xestión do accidente, na que o acusan de tentar silencialas desde o primeiro momento.

Fomento ten dúbidas legais sobre a posibilidade de realizar unha nova investigación técnica mentres que a Audiencia Provincial da Coruña xa reabriu a instrución xudicial do caso

Este mesmo martes, ao rematar a votación que confirmou a elección de Pastor como presidenta do Congreso, un invitado presente na tribuna da cámara baixa, familiar dunha vítima do accidente, increpouna dicindo que non era solidaria cos afectados. A semana pasada, ao coñecerse que a UE criticaba a investigación realizada por Fomento, o ministerio argumentaba que tiña dúbidas legais sobre o procedemento para a apertura dunha nova análise do sinistro, xa que a súa comisión investigadora considérase agora xa independente e polo tanto o ministerio non pode darlle a orde de volver investigar o accidente porque atentaría contra esa independencia. Mentres, a xustiza si vén de reabrir a investigación xudicial do accidente, logo de que a finais de maio a Audiencia Provincial da Coruña así llo ordease ao instrutor, que pretendía xulgar ao maquinista como único responsable restando relevancia penal ás eivas de seguridade que presentaba o AVE Ourense-Santiago.

Vítimas de Angrois citadas con Pastor abandonan Fomento ao non acudir a xa ex-ministra

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Leiceaga mete a investigación política sobre Angrois na campaña electoral

O candidato socialista á presidencia da Xunta nas autonómicas do outono, Xoaquín Fernández Leiceaga, meteu este martes na campaña electoral a petición das vítimas de Angrois de que se realice unha investigación política do sinistro. “Deixémolo para a próxima campaña electoral”, respondeu por dúas veces cando se lle preguntou pola posibilidade de que o seu partido cambie de postura e apoie agora a creación dunha comisión parlamentaria de análise do sinistro.

Nunha rolda de prensa en Santiago, a Leiceaga preguntóuselle polas críticas das vítimas de Angrois á elección da ata o de agora ministra de Fomento, Ana Pastor, como presidenta do Congreso. Leiceaga respondeu desexándolle a Pastor “o mellor como presidenta” pero engadindo que “as vítimas de Angrois necesitan unha satisfacción” ás súas demandas de xustiza. O socialista pediu que se realice unha nova investigación técnica independente do sinistro, como pide a Axencia Ferroviaria Europea, e xustificou o recente voto en contra do PSOE a unha investigación política no Congreso co argumento de que a cámara baixa ía disolverse de xeito inminente. Foi entón cando se lle preguntou se iso supuña que, noutras circunstancias, estaría disposto a un cambio de postura e se sería partidario de que o PSdeG aprobase no Parlamento de Galicia unha comisión de investigación. Por dúas veces Leiceaga respondeu o mesmo: “Deixémolo para a próxima campaña electoral”. Preguntóuselle entón se iso supuña un “cambio de postura” do seu partido, ao que respondeu: “Iso dío vostede, non o digo eu”. Ata o de agora, o PSOE rexeitaba calquera investigación política sobre o accidente polo medo a que o seu ex-ministro, José Blanco, que inaugurou a liña de AVE Ourense-Santiago, resultase afectado.

Este mesmo martes o BNG presentou en Bruxelas a súa anunciada denuncia contra a España por incumprir a normativa europea na súa investigación de Angrois. Tamén este martes o BNG e o Grupo Mixto pediron formalmente que se reúna a Deputación Permanente do Parlamento de Galicia para debater novamente a creación dunha comisión de investigación política sobre o sinistro. Aínda que non hai un prazo determinado, a petición debe ser aceptada pola Mesa da cámara e convocar esa reunión.

Fomento dáse medio ano máis para actualizar os límites de velocidade da rede ferroviaria

No accidente de tren de Santiago, do que se cumpren tres anos o próximo domingo, o maquinista despistouse e non freou a tempo antes da curva de Angrois, na que descarrilou deixando 80 mortos e 144 feridos, porque non existía ningún sinal automático nas vías que evitase un exceso de velocidade. Tras o sinistro, Fomento instalou sinais con balizas de freado alí e nos puntos de toda España nos que existían reducións bruscas de velocidade similares á que requiría Angrois, que hoxe evitan que volva ocorrer un accidente igual. Logo, tras unha fonda análise do sector, reformou o regulamento xeral de circulación ferroviaria, que implicou cambios no xeito en que se sinalizan e restrinxen as velocidades máximas. Ese regulamento entrou en vigor o 18 de xullo do ano pasado e daba un ano aos xestores das infraestruturas ferroviarias, como Adif, para que adaptasen a súa sinalización á nova normativa. Ese prazo remataba este luns, pero o pasado sábado Fomento publicou no Boletín Oficial del Estado un decreto polo que o amplía outros seis meses.

O novo decreto publicado no BOE argumenta que o regulamento aprobado o ano pasado “prevía que os administradores de infraestruturas tiveran finalizada a adaptación da sinalización das velocidades máximas nas liñas no prazo dun ano desde a súa entrada en vigor”, pero admite que para “permitir” que “poidan finalizar a adaptación”, “a Agencia Estatal de Seguridad Ferroviaria estimou conveniente ampliar os prazos”.