0 Gardados para despois

Fomento di que non pode pedir outra investigación de Angrois porque agora os técnicos son independentes

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O Ministerio de Fomento di atoparse con dificultades legais para poder realizar unha nova investigación independente do accidente de tren de Santiago do 24 de xullo de 2013, no que morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas. A Axencia Ferroviaria Europea vén de dicir que a análise do sinistro que realizou a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) de Fomento, que culpou só ao maquinista, non foi independente. Pero esa entidade foi reformada desde aquela para mellorar a súa independencia co aval da propia Unión Europea e agora Fomento entende que non pode pedirlle que volva investigar o sinistro porque atentaría novamente contra a súa independencia. Estas “dificultades legais”, como as cualificou, foron desveladas este xoves polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e confirmadas a este diario polo Ministerio de Fomento.

A UE criticou que a comisión que estudou o accidente e culpou só ao maquinista non era independente, pero admite que xa foi reformada, e o ministerio argumenta que por iso agora non lle pode dar órdenes

A Axencia Ferroviaria Europea, nun informe oculto ata a semana pasada por presións do Goberno español, vén de criticar a investigación do accidente de curva de Angrois realizada en 2013 pola CIAF, da que considera que non foi independente. Ao coñecerse esas críticas, o presidente Feijóo e o PP galego, que sempre defenderon aquela investigación, pasaron esta semana a solicitar unha nova análise técnica do sinistro. A súa postura plasmárona nunha declaración que non lograron sacar adiante no Parlamento de Galicia porque AGE e BNG, co respaldo da plataforma de vítimas do sinistro, a consideran insuficiente. Segundo Feijóo, ese texto foille enviado igualmente á ministra de Fomento, Ana Pastor, para que coñecese a postura da Xunta e do PP galego. A resposta da ministra, segundo o presidente galego, foron as anteditas “dificultades xurídicas” para pedirlle a un órgano agora independente que faga algo. “É unha comisión independente e non segue instrucións do Goberno”, xustificou Feijóo.

Antes de que as vítimas pedisen e lograsen da Axencia Ferroviaria Europea unha análise sobre o traballo da CIAF no caso de Angrois, a Comisión Europea xa tiña aberto un procedemento de infracción contra España pola súa lentitude en adaptar a lexislación estatal a unha directiva comunitaria de 2004 que, entre outras cuestións, esixía unha CIAF independente. Non foi ata despois da investigación sobre Angrois que España modificou a CIAF para facela máis independente e lograr, a principios deste ano, que Bruxelas así o vise e pechase aquel procedemento de infracción. Pola falta de independencia da CIAF durante varios anos, confirmada pola Axencia Ferroviaria Europea no caso de Angrois, vén de anunciar o BNG este mesmo xoves que presentará unha denuncia contra España ante a Comisión Europea para que, baixo a ameaza dunha sanción, volva realizarse unha investigación técnica agora si independente.

Feijóo di que culpar aos ministros de turno pode "ocultar a persoas que puideran ter responsabilidade no deseño ou execución" do AVE galego

Á marxe da investigación técnica e das súas posibles dificultades xurídicas, o presidente Feijóo insistiu este xoves na “evidencia do erro humano” do maquinista no accidente de Angrois, por “levar un tren a 190 quilómetros por hora a tres quilómetros da parada”, e engadiu que “se hai algo máis que debamos saber, queremos sabelo”. Tamén dixo non estar interesado en responsabilizar “aos ministros de turno”, fronte a políticos doutras formacións, en referencia velada a AGE e BNG, que “si o fan” e poden con iso “ocultar a persoas que puideran ter responsabilidade no deseño ou execución” do AVE galego.

No caso do accidente de Santiago, o maquinista non freou a tempo antes da curva de Angrois despistado logo de recibir unha chamada do interventor do tren. Adif non instalara nas vías o sistema de control constante da velocidade do AVE, o ERTMS, e un ano antes do accidente permitiu a Renfe que o desconectase tamén a bordo dos trens Alvia. Sen ese sistema, non había ningún dispositivo que puidese paliar ou evitar o erro humano. Hai mes e medio a Audiencia Provincial da Coruña, que tamén considera a CIAF “non independente”, reabriu a investigación xudicial do sinistro para que, máis alá do erro do maquinista, se estuden posibles responsabilidades de técnicos de Adif por non analizar e tratar correctamente ese risco existente. Segundo Feijóo, á marxe das investigacións técnicas, será a xustiza a que teña a última palabra. “Hai un sumario e haberá unha sentencia”, dixo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.