O PPdeG xustifica manter o bloqueo ao traspaso da AP-9 no Congreso: "Somos responsables"

Treito da AP-9 © Panoramio

As idas e voltas de Madrid a Galicia da reclamación das competencias da AP-9 para a Xunta son tan antigas como a petición mesma e sucédense dende hai máis dunha década. A última viaxe comezou o pasado marzo, cando o Parlamento galego aprobou por unanimidade a proposición de lei promovida polo BNG para pedir o traspaso e abrir a porta ao rescate da infraestrutura, pero sen vincular ambas operacións e antepoñendo o traslado da titularidade á Xunta. O aval de todos os grupos e, polo tanto, tamén do PP, non impediu que aínda estando en funcións o Goberno de Rajoy iniciase unha manobra legal para vetar o proxecto baseándose nun cálculo erróneo. Os propios populares votaron o pasado mércores no Congreso en contra de erguer ese bloqueo á lei que apoiaran na Cámara galega, unha viraxe que este xoves foi xustificada dende a cúpula do PPdeG. "Somos responsables", afirma o seu secretario xeral, Miguel Tellado.

Pero, que se votou exactamente no Congreso? A iniciativa orixinal, presentada pola voceira de En Marea, Alexandra Fernández, formulaba "iniciar os trámites" para a transferencia e, ademais, que a AP-9 tornase "nunha autoestrada libre de peaxes", isto é, o rescate da concesión. No entanto, o texto finalmente votado non foi ese. Durante o debate o PSOE considerou que a referencia á liberación da peaxe podía servir de "escusa" ao PP para rexeitala, e por iso propuxo unha modificación que En Marea aceptou. O resultado foi unha transacción de dous puntos: "erguer o veto" á lei galega e "iniciar os trámites para proceder á transferencia", texto que non foi aprobado polo empate a 18 votos motivado, segundo fontes parlamentarias, porque un membro do Grupo Socialista non participou na votación, se ben o PSOE asegura que todos os seus representantes votaron a prol.

O texto rexeitado polo PP no Congreso defendía "erguer o veto" á lei pactada por unanimidade en Galicia

Así as cousas, o sometido a votación foi, a efectos prácticos, un resumo do aprobado en Galicia sen referencia ningunha ao rescate, que de producirse tería un notable impacto nas arcas públicas -Fomento incha o cálculo ata alén dos 4.000 millóns de euros, se ben atendendo ao criterio da Lei de Contratos do Sector Público o impacto sería de entre 2.000 e 3.000 millóns-. No entanto, o Grupo Popular no Congreso xustificou o mantemento do veto apelando ao gasto que suporía o rescate, e o mesmo vén de facer a dirección do PPdeG.

Tellado afirma que o votado no Congreso implicaba o rescate da autoestrada, pero o texto referíase unicamente á transferencia de competencias

Ao ser cuestionado pola prensa ao respecto o 'número dous' de Alberto Núñez Feijóo no partido obviou o contido do votado para proclamar que "as mareas de Podemos e todos os que din querer rescatar a AP-9 o que queren é que a Xunta deixe de investir 3.000 millóns en políticas sociais para rescatar esa concesión", afirma. "Esa -acrecenta- é a proposta que fan as mareas de Podemos", reducindo a iniciativa votada no Congreso a un mero "brinde ao sol" para "conseguir un titular". "Pero nós somos un partido de goberno" que mantén a "responsabilidade", di. É por iso, afirma medio ano despois de votar a prol da lei do traspaso, que a fórmula para conseguilo será "negociar co novo ministro de Fomento". "Fronte ao populismo, nós estaremos na postura responsable: Transferencia con seguridade xurídica e negociar baixada das peaxes", agrega o partido conservador.

Petición de explicacións a Feijóo

Villares: "A palabra de Feijóo non vale nada, o que se di en Galicia para o PP non serve en Madrid"

Ante o que, a efectos prácticos, supón unha renuncia á lei aprobada por unanimidade en Galicia dende a oposición chegaban este mesmo xoves as primeiras peticións de explicacións. Dende En Marea o seu voceiro, Luís Villares, coida que é o propio Feijóo quen ten que "explicarlle á cidadanía por que se opoñen á transferencia acordada por unanimidade no Parlamento de Galicia". A xuízo de Villares volve ficar demostrado que "a palabra do PP e de Feijóo non vale nada, o que se di en Galicia para o PP non vale en Madrid", censura, ademais de esixir "unha rectificación inmediata": "Ímoslles dar a oportunidade de facelo, porque imos volver presentar a iniciativa", resalta.

Pontón: "Feijóo debe pronunciarse sobre que sexan deputados galegos do PP os que rompan o consenso"

Tamén o BNG olla cara ao presidente da Xunta. A xuízo da portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, a votación no Congreso pode ser "a antesala do veto definitivo" á lei galega, por iso Feijóo debe "pronunciarse sobre o feito de que os deputados galegos do PP rompan o consenso acadado pola Cámara autonómica para conseguir a transferencia". Para a líder soberanista só existen dúas posibles explicacións: "Ou Feijóo é cómplice desta situación ou tómano polo pito do sereno en Madrid". Sexa como for, conclúe, o presidente non pode "xogar ás agachadas": "Só lle pido que non lle permita ao PP seguir coa vella política de toda a vida, votando unha cousa en Galiza e a contraria, onde se decide a transferencia".

Tellado, este xoves en rolda de prensa CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.