0 Gardados para despois

A Xunta rexeita que o galego se reduza no ensino pero négase a publicar os datos

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

"En Galicia temos enriba da mesa un conflito lingüístico sen precedentes". O autor destas palabras, escritas "sen medo", é Alberto Núñez Feijóo. Escribiunas no seu blog en outubro de 2008, apenas catro meses antes de que altos dirixentes do seu partido compartisen pancarta en Compostela cunha asociación denominada Galicia Bilingüe para clamar contra unha suposta "imposición" do galego en Galicia. Tras gañar as eleccións o novo presidente escolleu como titular de Educación a Jesús Vázquez, que nunha entrevista no Faro de Vigo aseguraba coñecer "moitos exemplos de situacións nas que se imparte en castelán só unha materia". Como informou Praza Pública, os conservadores lanzaban estas mensaxes en público malia manexaren datos que evidenciaban unha situación "moi desfavorable" para o galego nas aulas. Eses datos, precisamente, son os que o Goberno agora teima en ocultar mentres nega que o idioma propio do país teña dificultades no ensino.

A pasada semana A Mesa pola Normalización Lingüística facía pública unha nova edición do seu estudo sobre a implantación do galego no ensino infantil e evidenciaba que está relegado a apenas un 2% das aulas deste nivel educativo nas sete cidades galegas. Esta radiografía correspóndese co inédito exercicio de sinceridade realizado polo Executivo na primavera de 2012, cando admitiu por escrito que ao chegar ao poder era consciente de que o galego era minoritario na escola en xeral e o seu uso nas aulas urbanas, "moi escaso", aínda que en público dicía o contrario. A contundencia destes datos mesmo deu lugar a un pronunciamento da Real Academia Galega, que urxiu o Goberno a actuar conforme ás súas "responsabilidades" para frear o "deterioro" do galego no ensino e, de paso, a publicar os datos de avaliación do denominado decreto do plurilingüismo.

O Goberno admitiu en 2012 que, ao chegar ao poder, sabía que a situación do galego era "moi desfavorable" aínda que proclamase o contrario

A reclamación da institución académica non foi, en absoluto, revolucionaria, toda vez que reclamou o cumprimento da normativa vixente. A RAG pide que a Xunta "tome as medidas oportunas para asegurar que se cumpren os obxectivos marcados na Lei de Normalización Lingüística" e que a Xunta avalíe se o publicitadísimo equilibrio entre linguas é unha realidade e, se non o é, "poña en marcha as medidas tendentes a corrixir a situación". O sistema educativo, advirten os académicos, ten que xogar "o papel que legalmente ten atribuído na recuperación e normalización do idioma galego". Trátase, subliñaban, de frear "unha deriva en apariencia claramente desfavorable ao galego no sistema educativo".

A Consellería nega os problemas e a información

Pero nin a RAG -nin moito menos A Mesa- desmontan a Xunta da teoría da paz lingüística que vén proclamando dende hai tempo. Así, tras as peticións lanzadas pola Academia o departamento de Jesús Vázquez emitiu un comunicado para, sen dato ningún, negar o afirmado pola institución oficial e pola asociación cidadá. O denominado decreto do plurilingüismo está "a aplicarse con normalidade en todo o sistema educativo galego, malia ao que sinale o comunicado" da RAG e "non existen indicios que leven a Consellería a pensar en ningunha deriva desfavorable para o galego no ámbito educativo, pois de habelos inmediatamente se terían tomado as medidas para a súa corrección".

A Xunta di non ter "indicios" para "pensar en ningunha deriva desfavorable para o galego no ámbito educativo"

Pero, que é o que leva a Xunta a negar que o galego teña problema ningún? "Cultura e Educación fai un seguimento da utilización equilibrada de galego e castelán e da elaboración dos proxectos lingüísticos de centro" para "garantir que o alumnado adquira de forma oral e escrita a competencia lingüística propia de cada nivel e etapa nas dúas linguas oficiais". "A Consellería -continúa- está en condicións de asegurar que se están aplicando e cumprindo" os artigos do decreto que obrigan a avaliar o seus resultados, afirma, pero, "en calquera caso, a normativa vixente non contempla a obrigatoriedade de facer públicos os datos".

Con esta apelación implícita á fe cidadá Educación culmina a súa argumentación lembrando que "cómpre sinalar que o sistema educativo está a desenvolver un papel fundamental no proceso de normalización da lingua galega, ao igual ca outros ámbitos sociais de forte incidencia na activación dos usos do idioma". Política Lingüística, acrecenta, "traballa no impulso da nosa lingua propia por medio de diferentes iniciativas de dinamización, dirixidas de forma especial ás idades máis novas". Nin un só dato.

Centros co galego maioritario en infantil

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.