Na primavera de 2013, hai agora cinco anos, o que noutrora foran Caixa Galicia e Caixanova e despois, Novacaixagalicia, transitaba pola crise económica como Novagalicia Banco, a entidade financeira resultante da bancarización forzosa das antigas grandes caixas galegas rescatada do risco de quebra con 9.000 millóns de fondos públicos. Daquela no Parlamento de Galicia comezaba a dar o seus primeiros pasos a comisión de investigación sobre a fracasada fusión das entidades, á que o PP accedera unha vez superadas con éxito as eleccións de 2012. Os traballos estendéronse durante toda aquela lexislatura e a comisión volveu ser creada tras uns novos comicios galegos en 2016 entre anuncios dun peche rápido que nunca chegou.
A lexislatura camiña cara ao seu ecuador sen que se albisquen polo momento as conclusións dunha investigación que vén de ser axitada co rexurdimento, nas últimas semanas, dun dos seus aspectos máis controvertidos: a inexistente auditoría na que a Xunta dixo basear o seu apoio á operación.
O pasado 8 de maio un dos autores daquel informe encargado polo Goberno galego á consultora KPMG, o executivo Francesc Gibert, reiteraba no Congreso dos Deputados o que xa evidenciara en Galicia: que a súa empresa "en ningún caso" elaborou unha "auditoría" a respecto da fusión e que o traballo "non recomendaba" a fusión. Isto é, o contrario do que a Xunta repetira en público en 2010 por boca do presidente, Alberto Núñez Feijóo, e da daquela conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás. Tras esta declaración toda a oposición parlamentaria tentou que Feijóo comparecese de xeito monográfico no Parlamento para dar "explicacións" sobre a "mentira"; o PP vetouno, pero o titular da Xunta terá que abordar o asunto na sesión de control desta mesma semana.
A comisión foi creada na primavera de 2013 e o PP mantívoa conxelada no ciclo electoral que comezou coas europeas de 2014 e rematou cos comicios galegos de 2016
Pero, alén do que Feijóo poida ou non responder, o certo é que a comisión de investigación semella estar de volta no escenario no que o PP a situou durante o longo ciclo electoral inaugurado polas eleccións europeas de 2014 e pechado polas galegas de 2016. Os conservadores, segundo deron en admitir, paralizaron durante tres anos a investigación para "arrefriar o debate" e, segundo sinalaron nas primeiras semanas de 2017, a súa vontade ao reabrir a comisión na nova lexislatura era procurar un peche rápido, sen investigar "cousas novas" e apenas examinando algunha documentación adicional, como a sentenza que levou a algúns dos ex-directivos ao cárcere polo caso das indemnizacións millonarias.
Primeira páxina do informe sobre a fusión remitido por KPMG á Xunta nos primeiros días de 2010
Media década despois do inicio da investigación política algúns ex-directivos xa entraron e saíron do cárcere e a consultora KPMG reitera que "en ningún caso" elaborou unha "auditoría" nin "recomendou" a fusión
Nesta liña, en marzo do pasado ano a comisión aprobaba a constitución do seu relatorio -órgano que terá a encomenda de redactar o ditame das conclusións, que o PP pode sacar adiante en solitario grazas á súa maioría absoluta- e nos meses seguintes foi recibindo algúns dos novos documentos solicitados. Tamén chegaron ao Pazo do Hórreo diversas negativas a colaborar, como as do 'banco malo' -que se negou a informar sobre o 'ladrillo tóxico' que lle transferiu Novagalicia Banco- e do FROB, que vetou a posibilidade de informar o lexislativo galego sobre as súas operacións no rescate da entidade fusionada e posterior venda ao venezolano Banesco.
O panorama dende aquela afastada primavera de 2013 mudou notablemente. Ex-directivos como Julio Fernández Gayoso xa entraron e saíron da cadea, xa é coñecido que arredor de 8.000 millóns públicos do rescate non van ser recuperados nunca e Abanca, a entidade que Banesco creou tras mercar Novagalicia -unha entidade que atoparon "escarallada", ilustrara graficamente o seu máximo responsable, Juan Carlos Escotet-, leva case un cuatrienio anotando ganancias -as máis recentes, 155 millóns de euros no primeiro trimestre de 2018-. Mentres, no PP reiteran que non van permitir novas pescudas tras as palabras do responsable de KPMG porque sería promover un exercicio de "arqueoloxía" parlamentaria e nos grupos da oposición confirman, a preguntas de Praza.gal, que non recibiron polo momento ningunha convocatoria que convide a pensar nunha reactivación inminente dos traballos.