0 Gardados para despois

O FROB négase a informar o Parlamento galego sobre as súas operacións no rescate e venda de Novacaixagalicia

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) foi o instrumento creado polo Goberno de España para canalizar a intervención das entidades financeiras en dificultades durante a crise económica, así como para xestionar o seu rescate con fondos públicos e a súa privatización. A entidade semipública -tamén está participada polos bancos- foi a que fixou as condicións e executou en 2013 venda de Novagalicia Banco, entidade resultante da bancarización de Novacaixagalicia, a fracasada fusión de Caixa Galicia con Caixanova. Dado o seu papel transcendental en todo o proceso da fin das noutrora grandes caixas galegas, a comisión que no Parlamento de Galicia traballa na lenta investigación sobre o acontecido dirixiuse ao FROB para reclamar abondosa documentación sobre o proceso e, case un ano despois desa petición, o FROB vén de responder que non vai achegar papel ningún ao lexislativo galego.

Despois de permanecer conxelada durante tres anos por iniciativa do PP, a comisión de investigación das caixas retomou os seus traballos no comezo da actual lexislatura galega, nos primeiros días de 2017. Entre as engádegas de información que os grupos acordaron incorporar á comisión para pescudar no acontecido figuraban numerosos documentos do FROB. Por exemplo, os que recollen todas as súas "accións" a respecto da xestión das participacións preferentes nas antigas grandes caixas galegas, os seus informes sobre o rescate e venda de Novagalicia Banco ou as valoracións que encargou sobre a entidade galega a Barclays, Enrnst&Young e mais HSCB.

A comisión de investigación sobre a fracasada fusión das caixas pediu ao FROB documentación como os informes sobre Novacaixagalicia encargados a diversas entidades financeiras internacionais

Do mesmo xeito, a Cámara reclamou coñecer a auditoría que o FROB encargou á consultora PwC sobre o valor económico de NCG Banco, clave na venda ao venezolano Banesco. Pediu tamén unha copia do caderno de venda da entidade -que recollía as condicións da operación-, encargado polo FROB á entidade BNP-Paribas, e outros dous informes sobre o proceso de venda ao sector privado, encargados a McKinsey&Co. e a Nomura International. A documentación reclamada completábase cos "expedientes relativos a operacións inmobiliarias de Caixa Galicia e Caixanova", que o FROB enviou á Fisclaía, e os "informes de supervisión e seguimento dos procesos de reestruturación bancaria relativos ás antigas caixas de aforro galegas" que o propio FROB realizase.

Esta petición de documentos foi trasladada ao FROB polo presidente do Parlamento, Miguel Santalices, o 23 de marzo de 2017. Nesa mesma xornada a comisión aprobou ademais unha cautela adicional. Como na anterior lexislatura, outorgou á documentación que puidese recibir o carácter de "reservado", unha devasa que debería permitir facer fronte ás cautelas de segredo bancario. No entanto, esta declaración tampoco serviu para evitar que o FROB se negase a colaborar.

Resposta un ano despois da petición

O pasado 15 de febreiro de 2018 a Cámara galega recibiu a resposta da entidade, unha carta de tres páxinas nas que o seu presidente, Jaime Ponce, dedica practicamente a metade a citar leis que regulan o seu funcionamento. A lei que dende o ano 2014 é o guieiro para as entidades de crédito en España, cita Ponce, "regula o deber de segredo que pesa sobre o Banco de España e, polo tanto, sobre o FROB", a respecto dos datos e documentos que manexe e fixa o seu carácter "reservado". Esa norma, resalta, "exceptúa da obriga de segredo, entre outros supostos, as informacións requiridas polo Tribunal de Cuentas ou por unha comisión de investigación" das Cortes Xerais. 

A entidade que executou a venda dos restos das grandes caixas galegas por encargo do Estado escúdase en que non está legalmente obrigada a colaborar co Parlamento galego para non achegar ningún dos documentos solicitados

Sobre esta base, informa, o FROB pediu ao Consello de Estado un informe sobre a petición do Parlamento de Galicia. O órgano consultivo do Goberno de España, presidido polo ex-ministro e antigo conselleiro José Manuel Romay Beccaría, indicou que o FROB "non ten a obriga de atender o requirimento de documentación" formulado polo lexislativo galego, polo que non achegar a documentación solicitada non implica un "incumprimento do deber de cooperación e asistencia entre administracións". O Consello de Estado conclúe que "non resulta obrigado" que o FROB "atenda" o requirimento de Galicia, pero en ningún punto do seu escrito sinala que sexa ilegal facelo.

Así e todo, o FROB aférrase a ese ditame e á normativa xeral en materia de segredo bancario para non entregar ao Parlamento de Galicia ningún dos documentos que solicitou formalmente sobre a desaparición e venda de Novacaixagalicia. Secunda así a actitude da Sareb, o 'banco malo', que se negou tamén a informar o Parlamento sobre o 'ladrillo tóxico' que herdou das caixas galegas mentres, no entanto, realiza campañas de publicidade sobre esas mesmas vivendas. Tamén Abanca sinalou o deber de "confidencialidade" para non revelar ao Parlamento a indemnización coa que José Luis Méndez abandonou Caixa Galicia aínda que neste caso a principal diferenza é que, no momento da petición, esta era xa unha entidade totalmente privada.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.