0 Gardados para despois

De Guindos opta por sacar á venda NGB "o antes posible"

Lara GrañaLara Graña | @lara_grana


Documentos relacionados

Terceira reforma financeira. Esta será a definitiva para Novagalicia Banco. Para as caixas do país. Para unha empresa financeira que aportan directamente o 4% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia e ata un 7% inducido. Un pulmón económico que afoga despois de tres torniquetes aplicados en menos de ano e medio. Primeiro foi a fusión, aprobada por Madrid e avalada por unha auditoría contratada ad hoc pola Xunta que costou un millón de euros, a que obrigou a Caixa Galicia e Caixanova a pedir 1.192 millóns ao Fondo de Reestruturación Bancaria (FROB). Crédito cun tipo de xuro do 7,75%, seis puntos por riba do Euríbor e outros tantos sobre o interbancario. Os xuros páganse cada trimestre detraéndose dos beneficios da propia entidade.

Despois foi o chamado decreto de reforzamento financeiro, presentado hai menos dun ano, o que empurrou a Novacaixagalicia cara á bancarización tras detectar un déficit de capital de 2.622 millóns de euros. Tivo que pedir ao FROB, previo traslado de todo o negocio a un banco, 2.465 millóns de euros canxeados por accións. O propio FROB valorou a entidade en apenas 181 millóns tras aplicarlle un desconto case absoluto, o que supuxo a nacionalización do banco malia á insistente promesa de José María Castellano, novo presidente da empresa, de ter apalabrados os investimentos de empresarios galegos e estranxeiros por ata 500 millóns.

"O Goberno intentará sacar ao mercado as entidades nacionalizadas o antes posible"

E agora chegou Luis de Guindos. Un ministro pragmático que debuxou onte con lapis e bisturí a fin da viaxe. Da quimera. "O Goberno intentará sacar ao mercado as entidades nacionalizadas o antes posible". A única solución é a venda. Nada de contemplacións. "Punto e final", refrendaron fontes internas da empresa crediticia. De Guindos foi preguntado, durante a rolda de prensa na que presentou o plan que será aprobado este venres, polo caso específico de Novagalicia Banco. E é que Castellano obtivera un pequeno aval por parte do Banco de España que lle ía permitir, en principio, gozar ata o mes de setembro para captar os investimentos prometidos. Non quixo responder De Guindos. O proceso de subhasta afectará ás catro entidades nacionalizadas.

Non haberá un plus de tempo

Segundo aclarou na rolda de prensa, o ministro de Economía e Competitividade facilitará a certas entidades a circulación por un camiño ben complicado. Que camiño? O de realizar provisións inxentes por todos os activos denominados problemáticos (dubidosos ou de dubidoso cobro, por exemplo) inmobiliarios, especialmente o solo. Haberá que realizalas sobre os activos con problemas e sobre os que aínda non son morosos na actualidade. Como xa explicou Praza este mércores, a exposición inmobiliaria de Novagalicia Banco era, a 30 de setembro, superior aos 11.100 millóns de euros.

O volume de activos inmobiliarios adxudicados (que forman parte do balance de NGB) é de 2.850 millóns de euros. Unha situación insostible que, de cumprirse a pretensión do ministro De Guindos, nin sequera precisará de ser revisada. Non vai importar, parece, que o banco presente algún plan de viabilidade para intentar sufragar, con cargo a beneficios, ese nivel de provisionamento. Simplemente se optará pola poxa dunha entidade que se chama Novagalicia Banco, antes NCG Banco, antes Novacaixagalicia, antes Caixa Galicia e Caixanova... e antes ducias de anos da historia do aforro dos galegos.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Empresaria da construción

A economía española montou no tren da construción para coller velocidade e congratularse do chamado Spanish miracle (milagre español). Así o fixeron os bancos e as caixas, malia que a esencia destas últimas non é outra que a de revertir os beneficios da súa actividade na obra social e no desenvolvemento económico ou cultural de Galicia. As caixas actuaron como bancos durante o último decenio, de aí tamén o ataque da patronal bancaria para reducir a cota de mercado destas empresas benéfico sociais. A súa expansión territorial, o financiamento a grandes promocións inmobiliarias ou o excesivo apalancamento foron unha constante. Tamén no caso de Caixa Galicia e Caixanova.

Inmobiliarias do Grupo Consolidable
Sociedade Domicilio % de participación
Galporinvest Oporto 100%
Proinova Vigo 100%
Iverán Gestión SLU Madrid 49,84%
Adapa Conducto A Coruña 100%
CXG Grupo Inmobiliario A Coruña 100%

Novacaixagalicia pechou 2010 (antes de bancarizarse) con seis empresas inmobiliarias dependentes do grupo consolidable. Unha delas está en Madrid e a outra en Oporto. En cinco delas ten máis do 90% dos dereitos de voto. 

Construtora e promotora

Amais da relación de empresas do Grupo Consolidable, a entidade ten outras moitas participacións en empresas adicadas á construción, promoción residencial ou de explotación de portos deportivos. Os datos son a 31 de decembro de 2010

Sociedade Domicilio Actividade % de participación
Autoestrada do Salnés Ourense Construcción autopista 30
Marina Atlántica Vigo Complexo residencial 50
Comtal Barcelona Construtora 31,51
Cora Integral Guadalajara Construtora 26,81
Desarrollos Territoriales Madrid Inmobiliaria 48,61
Valdebebas Madrid Inmobiliaria 13,59%
Pazo de Congresos Vigo Construción 20
Marina Atlántica Vigo Construción porto deportivo 50
Gala Domus A Coruña Inmobiliaria 24,92
Decovama Madrid Inmobiliaria 10,98
Leva-Yorme Madrid Inmobiliaria 24,42
Maewo Madrid Inmobiliaria 22,30
Ribera Casares Golf Madrid Inmobiliaria 24,42
Besilia Madrid Inmobiliaria 19,94
Inv. Valdeapa Madrid Inmobiliaria 7,84
Fega Unión Madrid Inmobiliaria 23,92
Bajo Alzamora Almería Inmobiliaria 18,08
Numzaan Zaragoza Inmobiliaria 21,47
Oberque Madrid Inmobiliaria 21,25
Sacyr Vallehermoso Madrid Construtora 6,65
Sigalsa Santiago Inmobiliaria 33,24
Pemapro A Coruña Inmobiliaria 24,42
Jocai XXI A Coruña Inmobiliaria 47,22