Abanca non revelará ao Parlamento a indemnización de José Luis Méndez por "confidencialidade"

Fragmentos da carta remitida por Abanca ao Parlamento en resposta á solicitude da comisión CC-BY-SA Praza Pública

José Luis Méndez volve esquivar o foco público. Cando o 29 de novembro de 2010 a entidade que rexira como se fose súa, Caixa Galicia, asinou a fusión con Caixanova nun acto solemne, o antigo señor da caixa do norte non tomou a estilográfica Mont Blanc que, gravada para a ocasión, Alberto Núñez Feijóo mandara gardar nun lugar preferente. Tras ser coprotagonista dalgunhas das imaxes de celebración que xa tornaron en iconas da fusión fracasada o veterano directivo retirouse da escena pública e de todos os seus cargos apenas dous meses antes da unión que acabou rescatada con 9.000 millóns de euros públicos. A chegada á idade de xubilación foi a explicación oficial dun retiro entre presións do Banco de España que non foi en balde. Levou consigo uns 18 millóns de euros entre indemnización, plan de pensións e outras compensacións. Aínda que estas cifras son manexadas na esfera pública dende hai anos os seus detalles seguirán ocultos no que dependa de Abanca, a entidade herdeira das antigas grandes caixas, resultante da compra de Novagalicia Banco por parte do venezolano Banesco.

Méndez retirouse de Caixa Galicia xusto antes da fusión e con compensacións duns 18 millóns de euros

Tras tres anos de parálise a comezos do pasado ano o Parlamento retomou a comisión de investigación sobre a fusión das caixas e as indemnizacións dos ex-directivos. Aínda que o PP procura un peche rápido dos traballos e se negou a novas comparecencias -entre elas, a do propio Méndez- si accedeu a incorporar algunha documentación adicional. Entre os papeis incluídos no novo plan de traballo figura a petición do BNG para acceder a "toda a documentación relativa á indemnización de José Luis Méndez, incluíndo as actas dos órganos de dirección e goberno de Caixa Galicia ao respecto", así como unha lista de "bens e activos" cedidos ou vendidos a directivos das caixas ou as súas familias. Abanca vén de responder a esas peticións con senllas negativas amparándose na necesidade de respectar a lexislación en materia de confidencialidade bancaria e protección de datos.

O banco ampárase nas "obrigas de reserva e confidencialidade" que, di, impoñen a lei do sector bancario e mais a de protección de datos

Nun escrito datado o pasado día 25 e rexistrado no Parlamento este martes a entidade bancaria di, a través do seu conselleiro delegado, Francisco Botas, ser "consciente" da "relevancia que o bo fin dos traballos" da comisión de investigación "reviste para o interese xeral" e por iso "é o noso desexo prestar" a "máxima colaboración que nos é posible". "O alcance desa colaboración", di a carta, "atópase ineludiblemente limitado" polas "obrigas de reserva e confidencialidade impostas á nosa entidade" por dúas leis: a de supervisión e solvencia das entidades de crédito do ano 2014 e mais a de protección de datos. Nomeadamente, agrega, polos preceptos da norma bancaria a respecto da "reserva" da información da clientela dos bancos e pola obriga de contar co "consentimento do interesado" para ceder datos persoais. Faino aínda que boa parte da información manexada na comisión ten carácter reservado de seu.

"Lamentablemente -prosegue o escrito remitido por Abanca ao Parlamento- os devanditos límites legais impíndennos achegarlle á comisión de investigación (...) a documentación solicitada relativa á indemnización de don José Luis Méndez" e, igualmente, a "relativa á venda ou cesión de activos" a directivos ou familiares destes. "De facelo, Abanca estaría a revelar sen contar con lexitimación para iso nos termos previstos na lexislación aplicable, datos a respecto dos cales, por imperativo legal, debe manter estrita reserva e confidencialidade", conclúe. O banco si accede a revelar á Cámara os datos de devolucións das preferentes e instrumentos semellantes, a cal cifra nun "93,5% do saldo total".

Arquivo da demanda da CIG

A negativa de Abanca a informar o Parlamento sobre Méndez chega case ao mesmo tempo no que a Audiencia Nacional decidiu arquivar a denuncia que presentara a CIG contra a cúpula da desaparecida Caixa Galicia. A demanda, contra o ex-director xeral e o resto dos ex-directivos, foi rexeitada polo alto tribunal en base ao informe da Fiscalía, que entende que os feitos xa estarían prescritos.

A Fiscalía que debe arquivarse a demanda contra a cúpula de Caixa Galicia por estar prescritas as accións denunciadas.

A central nacionalista pretendía que se dilucidase se houbo irregularidades e falseamento de contas por parte da cúpula na confección dos resultados da entidade dos anos 2008 e 2009. Tal e como lembra a CIG, mentres as contas aprobadas polo consello de administración consolidados de 225 millóns en 2008 e 91 no seguinte ano, a sentenza que condenou á cadea os ex-directivos das caixas polas indemnizacións millonarias recoñece como feito probado que Caixa Galicia estaba en 2009 en situación de insolvencia, segundo as análises do Banco de España.

A querela presentada, por "manipulación contable", tamén facía  referencia á emisión de preferentes levada a cabo por Caixa Galicia durante aquel 2009, baseada en contas que cren "falseadas" e avalada precisamente ante o Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado de Valores con aqueles resultados dos que o sindicato sospeita que eran ficticios, segundo o propio regulador. O sindicato resaltaba ademais que Bankia si foi investigada por feitos semellantes.

Núñez Feijóo, entre Gayoso e Méndez en novembro de 2009 © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.