A CIG denuncia a Méndez e a cúpula de Caixa Galicia ante a Audiencia Nacional

Méndez, na comisión das caixas en xuño de 2013 CC-BY-SA Praza Pública

A CIG vén de presentar unha denuncia ante a Audiencia Nacional, desta vez contra a cúpula da antiga Caixa Galicia, con José Luis Méndez á cabeza. A central pretende que se dilucide se houbo irregularidades na confección dos resultados da entidade dos anos 2008 e 2009. Tal e como lembrou o sindicato este venres, mentres as contas aprobadas polo consello de administración presentaban beneficios consolidados de 225 millóns en 2008 e 91 no seguinte, a sentenza que condenou á cadea os ex-directivos das caixas polas indemnizacións millonariosrecoñece como feito probado que Caixa Galicia estaba en 2009 en situación de insolvencia, segundo as análises do Banco de España. 

A CIG advirte que a sentenza das indemnizacións dos antigos directivos das caixas ratifica a "manipulación contable" en Caixa Galicia

A CIG advirte que xa en marzo de 2009, nunha acta de inspección do Banco de España, constatábase que a entidade tiña xa unhas perdas agardadas de 1.279 millóns para 2010 e 2012 e que tiña provisións pendentes de realizar. Ademais, advirte tamén doutras sancións ratificadas pola Audiencia Nacional e o Supremo noutras sentenzas nas que se advirte de manobras que puideron servir para "agochar" a situación precaria na que se atopaba a entidade. 

A querela presentada, por "manipulación contable", tamén fai referencia á emisión de preferentes elevada a cabo por Caixa Galicia durante aquel 2009, baseada en contas que cren "falseadas" e avalada precisamente ante o Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado de Valores con aqueles resultados dos que agora sospeita o sindicato e que eran ficticios segundo o propio regulador. "Alguén terá que explicar como é posible que unha caixa insolvente poida presentar beneficios multimillonarios", destacou Clodomiro Montero, secretario nacional de CIG-Banca, que ofreceu unha rolda de prensa acompañada do líder da central nacionalista, Suso Seixo.

"Alguén terá que explicar como é posible que unha caixa insolvente poida presentar beneficios multimillonarios", di Clodo Montero

En definitiva, como lembrou Seixo, "hai unha serie de feitos probados" por parte da Audiencia Nacional na sentenza dos ex-directivos dos que se poden derivar delitos como estafa, administración desleal e falsidade documental. Por iso, a CIG presenta denuncia ante o xulgado central de instrución do penal da Audiencia Nacional para que se investigue tanto a Méndez, como ao expresidente da entidade Mauro Varela, así como ao resto de membros do consello de administración e do comité de control da caixa galega por unha xestión "irregular".

A central nacionalista volve presentar esta denuncia ante a Audiencia Nacional despois de que a Fiscalía da mesma instancia se negase a recollela, no que o sindicato critica por "ser un feito inédito". Ao tempo, advirte que o caso agora denunciado é un "parecido" ao de Bankia, xa que hai actas do Banco de España que din que a entidade galega "era insolvente en 2009", o que corrobora a Audiencia Nacional, e, "con todo, o Banco de España coñecendo a súa insolvencia permitiu que aprobasen unhas contas con beneficios" e que fosen colocadas preferentes "á pequena clientela".

Por último, a CIG tamén se queixa de que levou en 2014 á Fiscalía de Santiago unha denuncia sobre a compra, por parte da muller de José Luís Méndez, de inmobles que pertencían á corporación da caixa "por baixo do valor de taxación", pero o fiscal "non respondeu nin deu contestación de ningún tipo".

O sindicato cre que o caso agora denunciado é "parecido" ao de Bankia

En definitiva, a sentenza da que tira a CIG para demostrar con ditames xudiciais as "irregularidades" en Caixa Galicia é a das indemnizacións que acabou con Julio Fernández Gayoso, José Luis Pego, Gregorio Gorriarán, Óscar Rodríguez Estrada e Ricardo Pradas na cadea. José Luis Méndez, ex-director xeral de Caixa Galicia, librouse do preito tras pactar a súa saída a tempo, en 2010, cando o Banco de España, tras ver os números da entidade e a súa exposición ao ladrillo, considerou o banqueiro incompatible con calquera plan de futuro. Cobrou por marchar 18 millóns de euros, exactamente a cantidade que esixiu para afastarse do proceso de fusión. Agora, podería ter que sentar no banco dos acusados. 

Méndez de Vigo, ministro de Educación e Cultura, co conselleiro Román Rodríguez © Ministerio de Educación
Clodomiro Montero, responsable de CIG-Banca CC-BY CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.