0 Gardados para despois

Os papeis que acusan a dona de Méndez de comprar pisos da caixa a baixo prezo antes da fusión

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A sombra sobre a xestión das caixas galegas e sobre as operacións paralelas levadas a cabo polos seus dirixentes no seu presunto beneficio volven escurecer o pasado máis inmediato do sistema financeiro galego. Documentación anónima recibida polo sindicato CIG desvela supostas vendas irregulares de inmobles pertencentes á corporación de Caixa Galicia á muller de José Luis Méndez, daquela director xeral da entidade. Segundo eses documentos, as transaccións leváronse a cabo presuntamente por baixo do valor da taxación e cando xa se coñecía a fusión das extintas caixas galegas. En total, as operacións ascenderían, cando menos, a 1,8 millóns de euros.

Corporación Caixa Galicia vendeu 14 inmobles á muller de Méndez por case 300.000 euros menos do seu valor de taxación

Os papeis, aos que tivo acceso Praza, inclúen todo tipo de documentación: escrituras notariais, taxacións e mesmo anotacións en conta. De todo dedúcese que a Corporación Caixa Galicia (CxG), -con José Luís Méndez López como presidente e o seu fillo, José Luis Méndez Pascual, como conselleiro delegado- vendeu propiedades por debaixo do prezo de taxación a Rosa Pascual, cónxuxe do que fora director de Caixa Galicia durante 29 anos e logo dunha previa separación de bens.

Segundo se desprende da documentación, Rosa Pascual adquire presuntamente un total de 14 inmobles propiedade de Corporación Caixa Galicia, daquela dirixida polo seu propio fillo, valorados en máis de 1,8 millóns de euros e faino por un importe de pouco máis de 1,5 millóns. Xa que logo, o prexuízo patrimonial de todas estas operacións para o holding sería de máis de 285.000 euros.

O prexuízo patrimonial de todas as operacións para a entidade sería de máis de 285.000 euros

Estas adquisicións por parte da muller de Méndez terían comezado tres meses antes de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciase publicamente a súa disposición a fusionar as caixas galegas, aló por marzo de 2010. E tamén cinco meses antes de que se anunciase a fusión en maio de 2010 e menos dun ano antes de que se fixese efectiva a devandita fusión de Caixa Galicia e Caixanova.

Porque presuntamente a primeira desta serie de polémicas compras por parte de Rosa Pascual tivo lugar poucos días antes do Nadal de 2009, outra adquisición máis en xuño de 2010 e a última delas tan só dous días antes de que nacese Novacaixagalicia, o 1 de decembro dese mesmo ano, tal e como se desprende da serie de documentación que de xeito anónimo chegou á CIG e na que se inclúen todo tipo de datos en forma de escrituras ou incluso recibos bancarios.

As adquisicións comezaron cinco meses antes de que se anunciase a fusión e a última delas tivo lugar dous días antes de que se consumase

Coa primeira serie de adquisicións, no Nadal de 2009, a muller de Méndez compra á Corporación Caixa Galicia dous pisos de nova construción do grupo inmobiliario do holding situados no centro de Santiago de Compostela, a poucos metros da catedral. Sempre segundo a documentación, pagou menos de 435.000 euros por dúas vivendas con cadanseus garaxes taxados en máis de 473.000 euros.

A muller de Méndez comprou varios inmobles no centro de Compostela e no barrio de Monte Alto da Coruña

Xa en xuño, Rosa Pascual adquire por medio de escritura pública outros dous inmobles no barrio de Monte Alto da Coruña. Neste caso, por algo máis de 530.000 euros malia estar taxados en máis de 662.000, segundo os valores de taxación emitidos por informes de Tasaciones Hipotecarias de xuño dese mesmo ano. Tan só dous días antes de que naza Novacaixagalicia, como resultado da fusión das caixas, a muller de Méndez faise con outro conxunto de inmobles polos que paga uns 593.000 euros fronte a un valor de taxación de 677.000.

A compra destas vivendas e garaxes pertencentes á Corporación Caixa Galicia por parte de Rosa Pascual prodúcese sendo conselleiro delegado desta mesma Corporación o seu fillo José Luis Méndez Pascual, que era quen dirixía o grupo inmobiliario de CxG, mentres seu pai se mantiña como director xeral da entidade financeira. En total, cinco pisos, oito garaxes e un local valorados en 1,8 millóns pero mercados por algo máis de 1,5 millóns.

Rosa Pascual procede á separación de bens do seu marido pero aclara que segue a vivir na mesma casa de sempre

Segundo a documentación, Rosa Pascual procede a outorgar escritura pública de separación de bens do seu marido, José Luis Méndez, con data de 24 de febreiro de 2009 ante un notario de Madrid, aínda que aclara que o seu domicilio segue a situarse no mesmo enderezo no que vive o ex director xeral de Caixa Galicia.

Segundo conta El País, fontes da familia Méndez non negan esas compravendas, pero aseguran que non hai irregularidade ningunha. Aseguran que Pascual accedeu a uhnha promoción de pisos que a entidade vendía en codicións preferentes a empregados e familiares e disque as comprou ao contado tras ter cobrado unha herdanza familiar. Incluso asegura que as operacións foron puideron ser supervisadas pola Xunta, aínda que o presidente Núñez Feijóo di non saber nada e avala que a comisión de investigación analice a documentación "se hai datos relevantes".

Ante estes "indicios graves de delito", a CIG pide que se investiguen na comisión de investigación das caixas, polo que o BNG pide xa a "reapertura" deste órgano parlamentario, que rematou en 2013 a fase de comparecencias e que agora se atopa á espera de que o portavoz popular na Cámara, Pedro Puy, entregue unha proposta de conclusións.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.