O PP desconxela a investigación das caixas galegas tras tres anos de eleccións

Feijóo celebra a fusión cos directivos en maio de 2010. Entre eles, os agora detidos Gayoso (segundo pola esquerda) e Pego (primeiro pola dereita) © Xoán Crespo

O 4 de outubro de 2013 celebrouse a derradeira sesión ordinaria da "comisión de investigación para analizar e avaliar a evolución económico-financeira das antigas caixas de aforros e as causas e responsabilidades da súa actual situación, incluídas as indemnizacións millonarias dos seus ex-directivos". O órgano parlamentario que indagaba no acontecido na fusión de Caixanova e Caixa Galicia, na xestión da resultante Novacaixagalicia e na súa posterior bancarización botaba o ferrollo por iniciativa do PP, que fixo valer a súa maioría absoluta para tombar todas as comparecencias e documentos que a oposición reclamaba agregar para ampliar os traballos. "Non vai ser nada útil", argumentaron os conservadores ás portas do longo ciclo electoral que vén de rematar. E co remate, o PP anuncia a súa vontade de desconxelar a investigación.

Dende aquel último debate celebráronse unhas eleccións europeas, unhas municipais, dúas xerais e unhas autonómicas. O paso polas urnas alterou as maiorías nun bo número de concellos e parlamentos, nalgúns de xeito inédito, e mentres isto sucedía non foron poucos os acontecementos en torno aos restos das grandes caixas galegas. Unha das poucas Cámaras nas que o xogo de maiorías segue como estaba tras o paso polas urnas, a galega, disponse agora a retomar, de novo co PP marcando ritmos, tempos e límites, os debates e indagacións sobre unha entidade financeira en torno á cal nestes tres anos mudou practicamente todo. Por non ficar, non ficou nin o nome.

Apenas dous meses despois do peche da investigación os restos das grandes caixas galegas foron vendidos ao grupo venezolano Banesco

Apenas dous meses despois daquela sesión, e mentres no Parlamento PSdeG, AGE e BNG reclamaban infrutuosamente reabrir a investigación con peticións de comparecencias e queixas formais, o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria -en última instancia, o Estado-, adxudicaba Novagalicia Banco, a entidade rescatada que ficara co negocio bancario de Novacaixagalicia, ao grupo venezolano Banesco. O prezo da venda fixouse en 1.003 millóns de euros, 8.000 menos do que custara o rescate. En xuño do ano seguinte os novos propietarios facían efectivo o control do banco, renomeado como Abanca, nuns actos nos que a Xunta, xa sen capacidade legal para o control das caixas -apenas exercida-, asistiu a través do presidente en calidade de convidada tras un proceso de venda no que foi irrelevante, tal e como advertira o propio FROB.

Preguntas irregularidades e retrato no banco dos acusados

Dende a paralización da investigación transcenderon diversas operacións presuntamente irregulares alén das indemnizacións que chegaron aos tribunais

Cos novos xestores á fronte Abanca logrou gañar en apenas un ano máis do que pagara por mercar o que quedara das antigas caixas e, mentres no Parlamento a investigación seguía en estado de conxelación política, non cesaban as revelacións sobre as malas prácticas dos antigos xestores de Caixanova e Caixagalicia, bendecidos polas autoridades no momento da fusión. Supostas vendas irregulares de inmobles, créditos disparados a conselleiros antes da fusión, diversas operacións financeiras "potencialmente irregulares" ían transcendendo mentres, na primavera de 2015, o proceso xudicial polas indemnizacións milonarias dos ex-directivos chegaba ao banco dos acusados da Audiencia Nacional.  

Nomes noutrora aplaudidos e practicamente inmunes ao control político e social, como Julio Fernández Gayoso ou José Luis Pego -a temperá retirada de José Luis Méndez librouno de todo o procedemento- tiñan que responder por supostos delitos de apropiación indebida, administración desleal ou estafa, cualificacións outorgadas pola Fiscalía Anticorrupción e as acusacións para o "plan preconcibido" de asegurárense retiros millonarios por case 19 millóns de euros. No outono dese ano chegaba a sentenza: dous anos de cárcere, condena ratificada este setembro polo Tribunal Supremo nun ditame na que o alto tribunal considerou a pena "exigua", moi escasa ante os "inequívocos actos apropiatorios con fins de lucro persoal". Os ex-directivos, ao cabo, non pisarán a cadea.

A fusión da "insolvencia" con 8.000 millóns perdidos

Caixa Galicia estaba "en situación de insolvencia" e Caixanova padecía "serios problemas de viabilidade", segundo a sentenza que condenou os ex-directivos

A sentenza que condenou os ex-directivos, alén de debullar o que os xuíces consideraron delitos probados, serviu tamén como retrato das antigas grandes caixas xusto antes da súa fusión. Caixa Galicia estaba "en situación de insolvencia" e Caixanova, aínda que non padecía "unha situación tan grave", si estaba afectada por "serios problemas de viabilidade". Ambas deron lugar a unha entidade fusionada en "situación calamitosa" derivada de "perdas enmascaradas na súa contabilidade". Todo malia á intervención de auditoras externas que, no plan de integración e nos test de resistencia da Unión Europea auguraban un futuro viable. Tamén o fixo a Xunta apoiándose nun informe encargado á consultora KPMG por máis dun millón de euros. No entanto, como transcendeu na propia comisión, aquela avaliación nin era unha auditoría nin avalaba a fusión, como asegurou o Goberno galego.

Estes serán algúns dos elementos que estarán sobre a mesa no reinicio da investigación parlamentaria, que tamén manexará os detalles dos cartos públicos perdidos no rescate. Segundo os datos máis recentes do FROB o erario recuperou apenas o 9% dos 9.052 millóns de euros destinados á operación. Das catro inxeccións de cartos públicos (1.162, 2.465, e 5.245 millóns de euros) apenas regresaron 1.000 da venda a Banesco -712 para o FROB e 290 para o Fondo de Garantía de Depósitos- e 71 das achegas de empresas galegas, varios dos cales din sentirse estafados e litigan ao respecto-. O montante non recuperado elévase a 8.269 millóns.

 

Detalle do plan de integración de Caixa Galicia e Caixanova CC-BY-SA Praza Pública
Fragmento do informe co que a Xunta avalou a fusión CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.