0 Gardados para despois

Dous anos de cárcere para os exdirectivos de Novacaixagalicia

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Unha pincelada máis no retrato do fiasco das antigas grandes caixas galegas. Tras pasaren o pasado xuño polo banco dos acusados catro exdirectivos da entidade resultante de fusionar Caixa Galicia con Caixanova e mais un avogado veñen de ser condenados pola Audiencia Nacional a cadanseus dous anos de cárcere e ademais, a devolveren os 19 millóns de euros das súas prexubilacións millonarias que, segundo o tribunal, cobraron de maneira "indebida".

A nómina de condenados encabézaa quen fora amo e señor de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, que non se asignou indemnización ningunha pero a quen o tribunal considera responsable do acontecido. Canda el está José Luis Pego, antigo director xeral da caixa fusionada, a cal abandonou cunha compensación de 7 millóns de euros. Condénase tamén a Gregorio Gorriarán, que fora responsable da división inmobiliaria da entidade e levou unha indemnización de case 5 millóns, e mais a Óscar Rodríguez Estrada, responsable da "integración" das caixas indemnizado con 700.000 euros.

Os exdirectivos, que non entran na cadea, son condenados tamén a unha multa de 250 euros diarios durante dez meses

O avogado Ricardo Pradas, asesor de confianza de Gayoso completa unha nómina de condenados que, segundo a sentenza, cometeron un delito de administración desleal "en concurso cun de apropiación indebida, na súa modalidade de xestión desleal". Ademais da pena de dous anos de prisión -como norma xeral, as persoas sen antecedentes non entran na cadea se a condena non é superior aos 24 meses- e a devolución dos cartos, os exdirectivos terán que pagar unha multa de 250 euros ao día durante dez meses e fican inhabilitados durante o tempo da condena para "o emprego que desempeñaban cando realizaron os feitos". No caso de non pagaren a multa, terán que afrontar unha responsabilidade civir subsidiaria de "un día de privación de liberdade por cada dúas cotas que deixen de satisfacer".

A Audiencia destaca que "no fondo", as cantidades cobradas "irregularmente" procedían de cartos públicos

A Sala que xulgou os exdirectivos destaca no seu ditame que os directivos que se beneficiaron das prexubilación millonarias, coa "colaboración esencial e imprescindible" de Gayoso e do seu asesor "urdiron un plan para que os catro altos directivos que se ían ocupar da xestión" de Novacaixagalicia resultasen economicamente "benficiados" no suposto "máis que probable" de que "unha vez acabadas as axudas públicas, os novos propietarios da entidade decidisen prescindir dos seus servizos" por seren "os máximos xestores das caixas que non souberan xestionar axeitadamente", levándoas "á situación de práctica insolvencia na que se atopaban".

Segundo a sentenza, Gayoso "acelerou todo o que puido" a aprobación dos novos contratos e mentiu sobre eles aos órganos da caixa

Sempre segundo a sentenza, Gayoso, como copresidente de NCG, "acelerou todo o que puido" a aprobación dos novos contratos nos diferentes órganos da caixa. Fíxoo, indica, sen "explicitar suficientemente a situación da entidade", "ocultando o sobrecuste que ían supoñer para a nova entidade" e "chegando a dicir" que o plan era "coñecido polo Banco de España", se ben isto "non era así", xa que o regulador coñeceu a operación "case un ano despois". Sen a "colaboración" de Gayoso e o aseu asesor "o delito non se cometería", resumen.

O tribunal destaca que os condenados se adxudicaron as súas millonarias prexubilacións nunha entidade que "valía 181 millóns de euros e tivo que provisionar 29,9 millóns e abonar máis de 24 millóns de euros como consecuencia dos novos contratos de alta dirección". "No fondo" esas cantidades non foron pagadas pola propia caixa, senón "integramente polo FROB", o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria, isto é, fondos do erario. Ese organismo público, lembra a sentenza, foi a que "posibilitou que NCG subsistise grazas aos" máis de 9.000 millóns de euros que "inxectou".

Sen García de Paredes (nin Méndez)

O antigo dirixente de Caixa Galicia foi afastado da escena xusto antes da fusión

Na foto dos condenados non aparece o único dos xulgados que librou, Javier García de Paredes, antigo director xeral adxunto de Novacaixagalicia, que saíu da entidade con máis de 5 millóns de euros parcialmente devoltos, segundo anunciou no seu día. Tampouco está entre os condenados, porque nin sequera tivo que sentar no banco dos acusados, o que fora todopoderoso director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, a quen a súa mala xestión sacou da escena xusto antes da fusión, se ben marchou cuns 18 millóns de euros procedentes da súa indemnización e máis dun plan de pensións.

Así as cousas, quen foi o 50% da personificación do poder financeiro galego durante décadas non tivo que enfrontarse a un xuízo como si o tivo que facer o seu homólogo do sur, Gayoso, quen segundo a Audiencia tivo un proceder con "indicios de criminalidade suficientes", xa que, segundo a Fiscalía, colaborou para "ocultar os importes" das prexubilacións "tanto ao Consello de Administración" de NCG "como ao Banco de España". Segundo declarou o antigo dirixente, a súa única "culpa" foi o "éxito" de Caixanova.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Caixa Galicia era "insolvente" e Caixanova tiña "serios problemas de viabilidade"

Alén de describir o procedemento "urdido" para beneficiar economicamente os exdirectivos, a sentenza deixa claro que Caixa Galicia e Caixanova estaban nunha pésima situación económica antes de fusionárense e que esta non mellorou cando formaron unha entidade soa. Caixa Galicia, indica o ditame, estaba "en situación de insolvencia" e a caixa do sur, malia non ter "unha situación tan grave como a de Caixa Galicia", tiña "serios problemas de viabilidade". Todo isto, "a finais de 2009", cando a Xunta comezou a pular pola fusión.

Durante os tres anos que durou a aventura os exdirectivos dedicáronse a buscar o "beneficio propio" mentres Novacaixagalicia "custaba ao erario máis de 9.000 millons de euros". Esa necesidade de financiamento, salienta a sentenza, amosa ás claras que a "situación calamitosa" da caixa fusionada era "froito dunhas perdas enmascaradas na súa contabilidade" por "sobrevaloración de activos". "A contabilidade", polo tanto, "non reflectía a imaxe fiel das entidades fusionadas", todo isto malia ao papel das auditoras externas que, no plan de integración, nos test europeos e mesmo no informe encargado e pagado pola Xunta, auguraron un futuro de viabilidade.

A sentenza contradí os informes que auguraban a viabilidade da fusión: a situación de Novacaixagalicia era "calamitosa"

Non obstante, o doce futuro publicitadísimo por todas as vías durante a fusión bateu cunha realidade na que os 1.162 millóns de euros públicos solicitados para fiar a fusión non chegaron nin para comezar. Así, en outubro de 2011 o FROB tivo que subscribir 2.465 millóns de euros da amplicación de capital de NCG e, apenas un ano despois, tivo que cahegar 5.425 millóns máis. En total, unha factura de 9.052 millóns de euros públicos para sanear unha entidade que o venezolano Banesco mercou en 2013 por 1.000 millóns dando lugar a Abanca, que no seu primeiro ano xa gañou máis do que gastara na compra.