0 Gardados para despois

O fiasco de Novacaixagalicia retrátase no banco dos acusados

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Chega o día do retrato. Este luns cinco exdirectivos do fracasado experimento de Novacaixagalicia sentarán no banco dos acusados da Audiencia Nacional. Terán que responder polas millonarias indemnizacións que se autoasignaron antes do derrubamento definitivo do edificio resultante da unión das que foran as grandes entidades financeiras do país: Caixanova e Caixagalicia. Mesmo antes da fusión, sosteñen a Fiscalía Anticorrupción e as acusacións, trazouse un "plan preconcibido" para asegurárense un retiro millonario, concretamente, de case 19 millóns de euros.

Son todos os que están, pero non estarán todos os que foron. Quen terán que responder polos presuntos delitos de apropiación indebida, administración desleal e, nalgúns dos casos, tamén estafa, foron algúns dos rostros máis recoñecidos das emocionadas fotos da fusión e outros que apenas figuraron nos titulares de prensa daqueles meses. Así, por exemplo, acúsase a José Luis Pego, ex director xeral da caixa fusionada e ao que se lle reclama a devolución da liquidación cobrada, superior aos 7 millóns. Tamén se xulga a Javier García de Paredes, director xeral adxunto de NCG que saíu da empresa con máis de 5 millóns.

Completan a nómina o que fora responsable da división inmobiliaria da entidade, Gregorio Gorriarán -case 5 millóns de indemnización- e a quen dirixiu o departamento de "integración" das caixas, Óscar Rodríguez Estrada, indemnizado con case 700.000 euros. A nómina de encausados complétana o avogado Ricardo Pradas e quen fora amo e señor da gran caixa do sur, Julio Fernández Gayoso, que non cobrou indemnización millonaria pero a quen tamén se considera presunto responsable do acontecido.

As indemnizacións presuntamente irregulares suman case 19 millóns de euros

Tres anos de cárcere, a devolución dos cartos supostamente cobrados cometendo fraude e unha substanciosa multa son as condenas solicitadas para uns acusados entre os que non poucas persoas botan en falta un sétimo nome: o de José Luis Méndez, o que fora director xeral de Caixa Galicia, amo, señor e case patriarca da caixa do norte. Nun contexto de cambios legais case constantes o Banco de España que dirixía Miguel Ángel Fernández Ordóñez, o mesmo que viu un "mal menor" na fusión impulsada dende a Xunta e que a considerou inviable catro meses despois de aprobala, sacou a Méndez da escena pola súa mala xestión, e non chegou a sentar en órgano ningún de Novacaixagalicia.

Entre os encausados non está Méndez, señor de Caixagalicia, que marchou antes da fusión compensado cuns 18 millóns de euros

Pero Méndez non marchou co peto baleiro. Fíxoo cos arredor de 18 millóns de euros que sumaban as súas compensacións por marchar e mais o seu plan de pensións. Pasou de ser considerado un respectadísimo home de prol a ser despoxado dos seus títulos honoríficos en diferentes institucións e mesmo a ser apupado en lugares públicos da Coruña. Estas circunstancias, no entanto, non impedise que acudise con tranquilidade a á comisión de investigación sobre as caixas que o Parlamento desenvolveu en 2013. Alí Méndez desvinculouse de todo: das indemnizacións, pero tamén das preferentes, das que culpou o persoal da entidade, e da fusión, que lle atribuíu directamente a Alberto Núñez Feijóo.

No caso do seu homólogo vigués, Fernández Gayoso, non foi quen de evitar o xuízo por ter sido copresidente de Novacaixagalicia ata o momento en que a querela das indemnizacións comezou o seu percorrido pola Audiencia Nacional. Segundo o xuíz Ismael Moreno hai "indicios de criminalidade suficientes" no seu xeito de proceder, así como no dos restantes directivos baixo sospeita, por aprobaren as millonarias compensacións "ocultando os importes tanto ao Consello de Administración como ao Banco de España", segundo a Fiscalía. Segundo o propio Gayoso, el só é "culpable" dunha cousa: do "éxito" de Caixanova.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.