0 Gardados para despois

Méndez culpa das preferentes ao persoal de Caixa Galicia e da fusión, a Feijóo

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


José Luis Méndez, señor de Caixa Galicia durante case tres décadas aínda non dera ningunha explicación sobre as súas responsabilidades na xestión, expansión e caída da gran entidade financeira do norte galego. Cando a caixa que gobernou como se fose súa foi abocada a unha fusión con Caixanova o financeiro aproveitou que facía 65 anos para retirarse do escenario, previo rescate do seu millonario plan de pensións, e ata este vernes non dixo nada en público ao respecto. Polo camiño foi despoxado dos eloxios e honras que lle chovían nos anos das alegrías financeiras. Xa non é fillo predilecto da Coruña nin doutor honoris causa pola Universidade desa cidade e algúns dos políticos que antes se sentían cómodos facendo fotos ao seu carón cuestionárono no Parlamento polo acontecido. El sobrevoou o debate para, esencialmente, liberarse de culpas e repartilas.

Destilando displicencia cara ao órgano parlamentario Méndez aproveitou a súa intervención para tentar convencer a quen o escoitaba que el pouco ou nada sabía do que, admite, é un dos "asuntos relacionados coas caixas de aforros que maior impacto social xeraron", o que "se deu en coñecer como preferentes". Nun discurso en castelán Méndez tentou "ilustrar a actitude de caixa en relación á comercialización" dos produtos que atraparon os aforros de milleiros de persoas lendo unha "circular" interna "sobre cautelas" á hora de colocar as preferentes. Ese documento, di, sinalaba aspectos como que "a decisión de investimento corresponde ao cliente", que "non se pode preguntar ao cliente sobre as súas circunstancias persoais" ou que se lle debe indicar que o produto "ten aspectos positivos e negativos", "sempre" fuxindo do papel de asesor e realizando o correspondente test de conveniencia.

O ex director xeral asegura que fixo "o indicible" para evitar "prexudicar" coas preferentes e descarta "abusos"

Por todo isto Méndez traslada, de facto, toda a responsabilidade ao persoal da caixa. "Non podo concibir casos de abuso ou mala comercialización, agás por incumprimento da normativa" e "non tivemos coñecemento de ningún incumprimento", xa que "en caso contrario promoveríanse as medidas oportunas". El deu "instrucións claras" para "non incorrer" na actual situación, fixo "o indicible para actuar sen prexudicar" na colocación destes produtos, "non houbo tampouco incentivos de ningún tipo" aos traballadores e traballadoras para propiciar a venda. Así as cousas, Méndez non se sente "culpable" e, ante a esixencia de desculpas que lle chegaba dende a bancada parlamentaria, limítase a facer unha reflexión: "Desculpas? Evidentemente que si, porque na vida fanse cousas acertadas e non acertadas. Se nas acertas non hai mala intención pódense pedir desculpas neste caso".

A fusión, lanzada por Feijóo

Méndez estende, de facto, a pechada defensa da súa "boa fe" na emisión de preferentes a todo a xestión á fronte da caixa e, concretamente, á decisión de fusionala. O ex director xeral admite que "había un SIP -as coñecidas como 'fusións frías'- con entidades de fóra da rexión" pero este descartouse cando "o señor presidente", en referencia a Alberto Núñez Feijóo, lle "comunicou" o "acordo do Parlamento" de "manter o centro de decisión" das caixas en Galicia e a aposta do Goberno galego pola unión con Ciaxanova. "Trasladei o contido de dita carta ao consello de administración, que se amosou favorable á fusión das caixas galegas", a cal estaba "avalada" polo Banco de España e pola Xunta, que "coincidían".

Méndez asegura que "descartou" o SIP cando "o señor presidente" lle comunicou a aposta pola unión

Neste contexto, e mentres asegura que non cobrou indemnización ningunha por abandonar a dirección xeral en 2010, Méndez asegura non saber moito máis de case nada. Co seu avogado sentado a escasos metros asegurou descoñecer as negociacións previas á fusión, o "proxecto de integración", "como é posible" que a entidade fusionada perdese 9.000 millóns e mesmo "de que é" na actualidade a amplísima colección de arte que era propiedade de Caixa Galicia. Nin PSdeG, nin AGE, nin o BNG, nin sequera o PP lograron obter grandes aclaracións de quen Francisco Jorquera (BNG) considera "o noso Rodrigo Rato". "Se hai xustiza neste país tería que responder ante un tribunal" por converter a caixa "na cova de Alí Babá", espetoulle Yolanda Díaz, de AGE. Malia todo Méndez igual que chegou, marchou. "Non pretendín ser arrogante, pido desculpas", dixo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Pego asegura que nunca coñeceu a 'due diligence' de KPMG a pesar de pedila

O ex director xeral de Caixanova e de Novacaixagalicia, José Luis Pego, asegurou que a caixa do sur da que procedía propuxo que, para analizar a viabilidade da integración con Caixa Galicia, se realizase "unha auditoría de fusión", pero dixo que esta "acabou por ser unha due diligence", que realizou KPMG e que nunca se lles deu a coñecer, "a pesar de pedila".

"Negóusenos por necesidade de salvagardar o segredo bancario", asegurou Pego durante a súa comparecencia ante a comisión das caixas, na que advertiu de que os informes de Caixanova alertaban das dificultades da fusión e que desde Vigo se apostaba por un SIP. De feito, acusou o Banco de España de forzar a unión das dúas entidades. Así, chegou a dicir que nunha xuntanza en Madrid se lles cominou a aceptar a fusión, baixo a promesa de que a caixa viguesa lideraría a xetión pola "confianza" na súa "capacidade de xestión".

Pego recoñeceu que finalmente Caixanova decidiu explorar a fusión, pero lamentou que "cambiasen as premisas iniciais" para acabar optando pola "paridade" con Caixa Galicia. Ademais, citou varias causas que provocaron o fracaso da fusión, como a permanencia da crise económica en España, a imposibilidade de levar a cabo a venda de oficinas e, sobre todo, o cambio normativo que provoca unha forte demanda de capitalización e que adiantaba as exixencias europeas.

Pego defendeu a legalidade do seu contrato, no que se recollía a súa millonaria indemnización

Por outra banda, José Luis Pego "aclarou que el non marchara de Novacaixagalicia "por vontade propia", senón porque lle dixeron "que tiña que facelo", co que decidiu executar o seu contrato, vixente desde 2005, e no que se recollía a indemnización millonaria que xerou polémica e cuxa legalidade defendeu.

"Era un contrato de adhesión, eu non o pido. Son contratos legais, dotados pola caixa con coñecemento de todos os que debían e quixeron coñecelos e execútanse con autorización de quen tiña facultades", dixo. Pego pediu non referirse máis a esta cuestión por recomendación dos seus avogados, dado o proceso xudicial aberto na Audiencia Nacional e apelou a "protexer" o seu dereito de defensa.

"De terse feito un SIP, o problema destas preferentes tería sido moi diferente"

En canto á comercialización de preferentes, o ex director xeral de Caixanova e de Novacaixagalicia insistiu -malia desculparse- en que se realizou de "boa fe" e asegura que a "proba" disto é que "milleiros de empregados" das caixas están afectados por estes produtos. "De terse feito un SIP, o problema destas preferentes tería sido moi diferente", chegou a dicir, e aclarou que non había retribución extra ningunha para os traballadores por vender estes produtos aos clientes.

"Na medida en que pola arbitraxe se lle está dando a razón aos clientes e en que hai sentenzas favorables aos afecatados, estase detectando que puido haber fallos", engadiu.

José Luis Pego pediu "publicamente desculpas a toda a sociedade galega" por todos os erros que puidese "cometer na xestión das caixas", pero matizou que "non foron erros conscientes" e que el e o resto de xestores "tomaron as decisións que consideraban mellores". Ademais, e como o resto de comparecentes, pediu o apoio da sociedade galega a Novagalicia Banco "para que Galicia siga tendo un sistema financeiro propio".