0 Gardados para despois

Fernández Ordóñez di que a fusión das caixas, que aprobou, era o "mal menor"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

O 29 de xuño de 2010 o Banco de España, daquela gobernado por Miguel Ángel Fernández Ordóñez, dáballe o visto e prace á fusión das caixas galegas. Apenas catro meses despois, en outubro, o gobernador reuníase coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e explicáballe que a operación que aprobara "non funcionaba". Agora, o coñecido como MAFO, explica, na súa segunda resposta escrita á comisión de investigación do Parlamento, que unir Caixa Galicia con Caixanova non foi máis que o "mal menor" nunha situación na que, como xa sinalou no Congreso dos Deputados -onde si acudiu a comparecer-, a continuidade en solitario implicaría a intervención das dúas entidades.

Na contestación ao cuestionario formulado polo lexislativo galego Fernández Ordóñez evidencia que o Banco de España lle deu o visto e prace ao plan de integración das caixas. O "factor determinante" para a súa aprobación, di, foi o "compromiso de desinvestimentos" que ambas caixas "asumían nese documento". Esa retirada de investimentos en múltiples frontes xunto coas "medidas de racionalización -recorte de gasto-", poderían dar lugar a un "reforzamento da solvencia e maior facilidade de acceso aos mercados, o que favorecería o subministro de financiamento, produtos e servizos á clientela".

"Había outras opcións máis fundadas" que a fusión, di Fernández Ordóñez

Así e todo, o ex gobernador insiste en que o seu plan favorito non era a creación dunha gran caixa galega. "Na práctica", di, había "outras opcións estratéxicas máis fundadas ou cunha maior probabilidade de éxito". Non en van, "esas opcións alternativas existían e chegaron ao coñecemento do Banco de España", di, en referencia á posibilidade de integración de Caixanova e Caixa Galicia, cada unha por un lado, en alianzas con caixas foráneas. "Tales opcións alternativas non chegaron a presentarse oficialmente para a súa aprobación", pero "podía anticiparse que esas alternativas presentaban, a priori, maior consistencia e fortaleza". Porén, "as entidades non formularon outra opción que a da súa integración" e por iso o Banco de España lle deu luz verde como o devandito mal menor, que "acadaba os mínimos esixibles de razoabilidade".

O ex gobernador lembra que o PP non se opuxo aos cambios normativos que agora critica en Galicia

Deste xeito, Miguel Ángel Fernández Ordóñez bota balóns fóra e diríxeos non só aos antigos directivos das caixas, senón tamén ás instancias políticas, sobre todo ao relacionado cos cambios normativos aos que a propia Xunta lle atribúe o fracaso do proxecto. "É obvio que todo cambio normativo afecta aos axentes económicos", evidencia, se ben "unhas entidades superan a situación e outras, non". En todo caso, afirma, esas "modificacións lexislativas acordáronse en sede parlamentaria" e "contaron cun consenso pleno entre os dous principais partidos", en referencia a PP e PSOE. Isto tamén aconteceu co Real Decreto-lei do 18 de febreiro de 2011 de "reforzamento" do sistema financeiro". O daquela "principal partido da oposición", o PP, "abstívose, ou sexa, non votou en contra", lembra.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

AGE censura que Ordóñez "eluda as súas responsabilidades"

A resposta de Miguel Ángel Fernández Ordóñez xa suscitou reaccións políticas na banda de AGE, que lamenta que o ex gobernador "eluda a responsabilidade" da institución que dirixiu no acontecido coas caixas. Ordóñez, di Alternativa nun comunicado, "esquece que o Banco de España, ademais das funcións de inspeccións, tiña potestade legal de instar a suspensións dos órganos de goberno das caixas". Pero nin o banco "nin a Xunta tom aron daquela ningunha decisión efectiva" malia á expansión crediticia de Caixanova e Caixa Galicia.

"A suicida aventura inmobiliaria das caixas continuou despois dos informes" que alertaban dela,  "co Banco de España e a Xunta mirando para outro lado, para o mesmo lado que mriaban cando as caixas perpetraban as emisións de preferentes e subordinadas", censuran. Do mesmo xeito, AGE tamén coida que a "realidade" indica que, mesmo "desinvestindo todo o que propuxo o Banco de España" o "desastre da fusión ía ser o mesmo".